Noticias

Xunta e Ministerio de Cultura coordinan actuacións para ofrecer o máximo impulso á candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, reuniuse en Madrid co ministro de Cultura, Ernest Urtasun, para coordinar conxuntamente actuacións para ofrecer o máximo impulso á candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial pola Unesco para os vindeiros meses, ante a avaliación que terá lugar en xullo no Comité deste organismo, que se celebrará en Corea do Sur. O titular de Cultura lembrou que 'Ribeira Sacra: Paisaxe da auga' foi seleccionada como a candidatura de España para ter este recoñecemento internacional polo atributos 'excepcionais e únicos' deste territorio. Neste senso, incidiu en que se presenta unha paisaxe construída co uso da auga 'dun xeito novidoso que non está presente aínda de xeito suficiente na Lista de Patrimonio Mundial', argumentou.

Por estes motivos e polas “boas sensacións” recollidas durante todo o proceso, trasladoulle ao ministro que a Xunta está confiada en que a candidatura da Ribeira Sacra se faga co “merecido e honroso recoñecemento internacional”, ao tempo que se amosou “máis que satisfeito” co traballo realizado, ata o momento, polos técnicos do Goberno galego e o Ministerio de Cultura. “Un compromiso compartido que agradecemos sinceramente e que estamos convencidos de que se manterá nestes momentos decisivos”, aseverou.

Deste xeito, considerou “claves” os próximos pasos e procedementos que se desenvolverán neste semestre “antes da gran cita na cidade coreana de Busán”. Por esta razón, López Campos incidiu na importancia de “preparar a conciencia e coa rigorosidade que definiron as accións da Xunta e do Ministerio de Cultura en todo o proceso” a folla de ruta conxunta para os vindeiro meses. Precisamente, no mes de febreiro o conselleiro acudirá a París á xuntanza que se celebrará co subdirector da Cultura da Unesco, Ernesto Ottone, e co embaixador de España ante este organismo, Miquel Iceta.

“Estamos, de novo, perante pasos claves aos que nos enfrontamos coa tranquilidade e seguridade que dá contar cunha candidatura madura, sólida e arroupada non só polo Goberno central, senón por toda a comunidade, veciñanza, axentes locais e institucións da zona”, asegurou López Campos, quen tivo palabras de agradecemento para todos eles pola “total implicación e desde o primeiro momento” coa proposta Ribeira Sacra: Paisaxe da Auga.

O conselleiro lembrou que a candidatura pon en valor que se está ante un territorio que abrangue 26 concellos das provincias de Lugo e Ourense e que posúe “un valor universal e excepcional”. Consecuentemente, a proposta céntrase en atributos especiais para deixar constancia do seu carácter único, que van desde os canóns e vales fluviais esculpidos pola auga ata o relevante do seu patrimonio hidráulico, con infraestruturas que teñen chegado aos nosos días desde a revolución tecnolóxica medieval con muíños, centrais ou os saltos impresionantes de auga.

Precisamente, o titular de Cultura da Xunta puxo en valor que esta singularidade puido ser comprobada in situ polo observador de Icomos enviado ao territorio “e cuxo expediente complementou o que entregamos a principios da candidatura", precisou.

Folla de ruta iniciada en 2017

Finalmente, o conselleiro aproveitou para lembrar o “esforzo e intenso traballo” por parte do Goberno galego con esta candidatura. En concreto, apuntou os preto de 8 M€ que a Xunta ten investido na conservación e posta en valor de máis de 40 bens patrimoniais deste territorio das provincias de Ourense e Lugo.

Neste senso, precisou que, ao longo deste período, a Administración autonómica executou, en solitario ou en colaboración con outras institucións e concellos, máis de 90 actuacións tanto en materia arquitectónica como arqueolóxica en diferentes bens, como igrexas, mosteiros, museos, castros ou xacementos romanos, entre outros. “Co esforzo e traballo de todos, a Ribeira Sacra conseguiu ser hoxe en día un territorio aínda máis vivo, máis coidado e máis recoñecido e aínda o vai ser máis cando academos este merecido recoñecemento internacional”, concluíu.

R., 2026-01-22

Actualidad

Foto del resto de noticias (economia-porcentaje.jpg) O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, avanzou hoxe que as contas da Xunta para o ano 2027 continuarán a reforzar o gasto social, cunha suba por riba da media do crecemento do orzamento e con melloras no acceso á vivenda, a máxima prioridade desta lexislatura. Así mesmo, o Goberno galego seguirá comprometido coa transformación do modelo produtivo cunha aposta polo investimento en I+D+i e pola mellora da formación para impulsar o crecemento empresarial. Ademais de aproveitar a riqueza dun Xacobeo 2027, 'que queremos que sexa o mellor da historia'.
Foto de la tercera plana (20261006-xunta.jpg) O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, compareceu hoxe a petición propia no Pleno do Parlamento de Galicia para dar conta das preto de 700 medidas recollidas no novo Plan xeral de normalización da lingua galega. Fíxoo despois de que a maioría das formacións políticas con representación na Cámara galega chegasen a un acordo para enriquecer este texto froito do traballo de preto de dous anos feito por expertos con achegas de entidades, institucións e particulares. Neste senso, o responsable autonómico de Lingua agradeceu a colaboración e implicación de todos os profesionais que participaron, baixo a coordinación do académico Manuel González, na elaboración deste documento.

Notas

O físico Francis Halzen (Tienen–Bélxica, 1944) galardoado este martes co premio Nobel de Física 2026 mantén dende hai case 40 anos unha estreita colaboración co persoal do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e a Xunta, e cuxo comité asesor actualmente preside. Halzen conseguiu o galardón polas contribucións decisivas ao observatorio de neutrinos IceCube e polo descubrimento de neutrinos de alta enerxía de orixe astrofísica
A pesca artesanal galega está a responder de forma máis activa aos impactos do cambio climático, mentres o marisqueo a pé presenta unha situación especialmente vulnerable e unha menor capacidade de resposta. Esta é unha das principais conclusións do proxecto Atac, Adaptación e Transformación da Pesca Artesanal ao Cambio Climático, liderado polo grupo de investigación Future Oceans Lab do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES