Buscador
Noticias
Foi inaugurada a unión artística de Jaione Camborda, Max Estebam e Joan Fontcuberta na experiencia inmersiva 'Percepción e incerteza', coa que o Centro Galego de Arte Contemporánea arranca a súa programación de outono. Trátase dun diálogo entre tres grandes creadores actuais que traballan coa imaxe en movemento desde perspectivas moi distintas, pero das que son nomes referentes. Cada unha das pezas dos tres artistas aborda os conceptos de percepción e da incerteza desde canda súa disciplina. Deste xeito, Jaione Camborda afonda no universo dunha persoa xordocega en relación coas posibilidades e contradicións do mundo cuántico.
Os hoteis e pensións de Galicia rexistraron un agosto histórico en ingresos, ao alcanzar os 84,7 millóns de euros. Esta cifra supón un incremento do 4,3% respecto ao mesmo mes do ano pasado e convértese na máis alta da serie histórica. De forma acumulada, o sector sumou uns ingresos de preto de 313 millóns de euros entre xaneiro e agosto, o que representa un crecemento do 5,6% en relación ao período anterior. Estes datos, publicados polo INE, revelan que máis de 752.000 viaxeiros escolleron este tipo de aloxamento en agosto, acumulando máis de 1,6 millóns de noites. A espera dos datos doutros establecementos, a saúde do sector hoteleiro é notable.
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, esixiu esta mañá ao Goberno central que ofreza 'explicacións convincentes' sobre os fallos detectados nas pulseiras antimaltrato e que 'tome solucións inmediatas'. Na súa intervención no Senado, solicitou que se dea a Galicia e ao resto de comunidades autónomas información sobre o alcance real destas incidencias. Fabiola García, que participou na sesión monográfica sobre violencia de xénero que tivo lugar hoxe no seo da Comisión Xeral das Comunidades Autónomas, indicou que a Xunta está recompilando información sobre os posibles casos acontecidos en Galicia e garantiu o apoio do Goberno galego a todas aquelas vítimas que se puideron ver afectadas.
A Cidade da Cultura apoia a creación contemporánea internacional ligada ao Camiño de Santiago coa estrea de Horizontes Errantes, un proxecto de danza e peregrinación artística da coreógrafa española Laura Aris e o bailarín alemán Jakob Jautz. A peza nútrese dos relatos da terra e dos seus habitantes, recollidos ao longo de 15 días de travesía entre Asturias e Santiago de Compostela seguindo o Camiño Primitivo. Así, durante desta semana, ambos os dous artistas estarán a traballar co músico portugués Jorge da Rocha no Gaiás, como parte do programa de residencias artísticas co que a Consellería de Cultura ofrece financiamento, espazos e recursos técnicos da Cidade da Cultura para facer realidade propostas de investigación e creación no ámbito da cultura contemporánea.
O cine galego consolida a súa presenza no London Spanish Film Festival, onde por terceiro ano consecutivo conta coa sección específica Letters from Galicia para a difusión do noso audiovisual. A produción audiovisual de Galicia conta así cun escaparate propio neste festival, que en 2025 celebra a súa 21ª edición confirmándose como un dos certames de cine español máis importantes de Gran Bretaña. O Ciné Lumière da capital británica acollerá a estrea da comedia de Portocabo +Cuñados, tras a que o seu director, Luis Avilés, manterá un coloquio co público asistente. A continuación será a quenda da sesión de curtametraxes, que conforman Resonancias, de Diana Gonçalves; Abellón, de Fon Cortizo; Eu vou conmigo, de Chelo Loureiro, e Curman, de Alejandro Jato.
Gabriel Romero de Ávila, resultou gañador do I Premio Xosé Neira Vilas de Literatura Xuvenil coa súa obra Odio. Dotado con 6.000 , o certame púxose en marcha este ano por vez primeira, co obxectivo de pór en valor a importante contribución de Xosé Neira Vilas como precursor deste xénero no sistema literario galego. Romero de Ávila presentouse ao certame co pseudónimo 'Balboa' e acadou o premio tras a decisión unánime do xurado, conformado por Juan Andrés Fernández Castro, en calidade de presidente, Rosalía Morlán, Marcos Calveiro e Armando Requeixo, como vogais, e Marta Neira actuando como secretaria. O xurado destacou en Odio 'a solidez na construción dun thriller futurista de acción trepidante'. Concibida como novela negra distópica, a historia convida a lerse como unha parábola crítica da insolidariedade social.
A Xunta enviará nos vindeiros días as alegacións ao documento enviado esta mesma semana polo Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana que recolle o articulado do futuro Plan Estatal de Vivenda. A conselleira María M. Allegue critica que o documento chega tarde, 'o que pon en perigo a convocatoria de varias liñas de axuda', o que cualifica de 'irresponsable' por parte do Goberno central, nun contexto no que o acceso a vivenda é a principal preocupación da cidadanía. Segundo Allegue, 'falamos dun documento que non conta coa participación das CCAA'. O Ministerio trata, así, de impoñer modos de actuación e medidas que, en moitas ocasións, non son acordes coas liñas de actuación das Comunidades. Así, 'en lugar de buscar coordinación opta por actuar de xeito unilateral'.
O Centro de Protonterapia de Galicia superou a visita de verificación de catro expertos en construción e instalación de Ion Beam Applications, a compañía líder en tecnoloxía de terapia de protóns que instalará en Santiago o primeiro ciclotrón da sanidade pública española. Estes especialistas comprobaron os dous búnkeres xa construídos e valoraron que as instalacións do edificio, situado ao carón do Hospital Clínico, reúnen todos os requisitos técnicos para albergar os seus equipamentos. Os profesionais de IBA confirmaron que o acelerador ProteusOne xa está listo na sede da compañía en Bélxica e que os primeiros colectores con material para a fase de instalación chegarán a Santiago nos próximos meses.
Galicia é a segunda comunidade autónoma coa maior porcentaxe de alumnado matriculado en Ensinanzas Artísticas, segundo as estatísticas do Ministerio de Educación. En Galicia, por cada 10.000 habitantes de entre 14 e 21 anos, hai 330 estudantes en Ensinanzas Artísticas, moi preto dos 392 da Comunidade Valenciá. A media española é de 230. As Ensinanzas Artísticas -que inclúen as Artes Plásticas e Deseño, a Conservación e Restauración de Bens Culturais, as ensinanzas superiores de Música e de Arte Dramática e as ensinanzas elementais e profesionais de Danza e de Música- acadaron o pasado curso os preto de 6.200 matriculados.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, impulsou hoxe o Pacto polo Litoral como un acordo histórico de gobernanza compartida entre a Xunta e os concellos da costa galega. Durante a súa intervención nun encontro con alcaldes, alcaldesas, edís e persoal técnico municipal dos concellos costeiros de Galicia, no que presentou o Pacto polo Litoral, o titular do Goberno galego afirmou que as novas competencias tócannos a todos e que a Xunta quere falar con todos os concellos do litoral.Este Pacto, un acordo político e institucional que busca establecer un marco estable de colaboración para a xestión da costa galega, supón, para o presidente, unha oportunidade de facer unha cogobernanza de verdade baseada no acordo e na que os concellos terán un papel protagonista.