Noticias

O Centro de Protonterapia de Galicia supera a verificación da compañía que instalará o primeiro acelerador de protóns contra o cancro da sanidade pública española

O Centro de Protonterapia de Galicia superou a visita de verificación de catro expertos en construción e instalación de Ion Beam Applications, a compañía líder en tecnoloxía de terapia de protóns que instalará en Santiago o primeiro ciclotrón da sanidade pública española. Estes especialistas comprobaron os dous búnkeres xa construídos e valoraron que as instalacións do edificio, situado ao carón do Hospital Clínico, reúnen todos os requisitos técnicos para albergar os seus equipamentos. Os profesionais de IBA confirmaron que o acelerador ProteusOne xa está listo na sede da compañía en Bélxica e que os primeiros colectores con material para a fase de instalación chegarán a Santiago nos próximos meses.

O Centro de Protonterapia de Galicia, no que a Xunta está a investir case 20 millóns de euros, superou esta semana a visita de verificación de catro expertos en construción e instalación de Ion Beam Applications (IBA), a compañía líder en tecnoloxía de terapia de protóns que instalará en Santiago de Compostela o primeiro ciclotrón da sanidade pública española.

Estes especialistas comprobaron os dous búnkeres xa construídos e valoraron que as instalacións do edificio, situado ao carón do Hospital Clínico de Santiago de Compostela, reúnen todos os requisitos técnicos para albergar os seus equipamentos.

Co seu visto bo, traballarán nove profesionais da compañía que xa están instalados en Galicia e que formarán parte do cadro técnico responsable da instalación do acelerador de protóns ProteusOne no Centro de Protonterapia de Galicia durante o próximo ano. Desta forma, levarán a cabo a fase de instalación e posta en marcha do ciclotrón que se agarda que comece a funcionar tratando pacientes no terceiro trimestre de 2026.

Os profesionais de IBA confirmaron que o acelerador ProteusOne xa está listo na sede da compañía en Bélxica e que os primeiros colectores con material para a fase de instalación chegarán a Santiago nos próximos meses.

Polo tanto, Galicia segue a ser a comunidade autónoma que máis avanzado ten o seu centro de protonterapia e o ano que vén poderá ser a primeira en tratar con esta terapia a pacientes de cancro na sanidade pública.

Agárdase poder atender 250 persoas cada ano, tanto pacientes galegos como tamén de Asturias, Castela e León e do norte de Portugal.

O financiamento do Goberno galego na execución das obras do edificio de protonterapia compleméntase co equipamento aportado pola Fundación Amancio Ortega, acadando un investimento de 45,5 millóns.

Esta infraestrutura está cofinanciada pola Unión Europea a través do Programa Galicia Feder 2021-2027.

R., 2025-09-19

Actualidad

Foto del resto de noticias (proxecto-xenoma-galicia.jpg) O proxecto Xenoma Galicia, que conta cun investimento de 20 millóns de euros, ten por obxecto recompilar o ADN de 400.000 galegos para identificar os xenes relacionados co cancro de mama e ovario hereditario, a síndrome de Lynch e a hipercolesterolemia familiar. Ata o de agora, foron analizadas 3.112 mostras biolóxicas. En concreto, 1.037 mostras de sangue na primeira pilotaxe do proxecto, 796 de saliva no segundo piloto e, coa primeira fase do proxecto en marcha, 1.279 mostras dos voluntarios dos primeiros distritos participantes. A análise das mostras destes 1.279 participantes da fase 1 permitiu detectar 25 novos casos positivos. En concreto, 14 participantes deron positivo en cancro de mama e ovario hereditario, dous na síndrome de Lynch e nove en hipercolesterolemia familiar.
Foto de la tercera plana (womex-2026.jpg) A Pedreira e Fillas de Cassandra estarán presentes no Womex 2026, o máis importante encontro mundial das músicas folk e de raíz que se celebra ata este domingo en Las Palmas de Gran Canaria. Trátase dunha iniciativa que ofrece aos artistas e ás empresas galegas un espazo para dar a coñecer o seu traballo ante programadores, festivais, axencias de contratación e outros profesionais de diferentes países. A artista foi escollida por un xurado internacional independente para formar parte dos Official Showcases, a selección oficial de concertos coa que Womex achega aos profesionais propostas das músicas do mundo.

Notas

A Universidade de Vigo acollerá os días 4, 5 e 6 de novembro a 5th European School on Environmental Applications of Advanced Oxidation Processes (5thEPS-AOPs), un encontro científico internacional que reunirá expertos, persoal investigador, estudantes de doutoramento e representantes do sector empresarial para abordar os últimos avances en tecnoloxías de descontaminación ambiental e tratamento sostible da auga.
A UDC pon en marcha InPacto, unha iniciativa que busca achegar a investigación de excelencia á cidadanía e fortalecer a conexión entre universidade, empresa e sociedade. Este programa reúne por primeira vez nun proxecto común ao persoal investigador Ramón y Cajal (R&C) da UDC para desenvolver unha programación de actividades de divulgación, transferencia de coñecemento e participación social.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES