
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado da conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, impulsou hoxe o Pacto polo Litoral como un acordo histórico de gobernanza compartida entre a Xunta e os concellos da costa galega.
Durante a súa intervención nun encontro con alcaldes, alcaldesas, edís e persoal técnico municipal dos concellos costeiros de Galicia, no que presentou o Pacto polo Litoral, o titular do Goberno galego afirmou que as novas competencias tócannos a todos e que a Xunta quere falar con todos os concellos do litoral.
Este Pacto, un acordo político e institucional que busca establecer un marco estable de colaboración para a xestión da costa galega, supón, para o presidente, unha oportunidade de facer unha cogobernanza de verdade baseada no acordo e na que os concellos terán un papel protagonista.
O titular do Executivo galego lembrou que Galicia exerce desde o pasado 1 de xullo a xestión plena e efectiva da súa costa, tras culminar o traspaso de funcións e servizos por parte do Estado. A este feito engádese a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia (Loxilga), que entrou en vigor en agosto de 2023 e que converteu a Galicia na primeira Comunidade en regular por lei o litoral na súa totalidade.
Os concellos contarán co apoio da Xunta con medidas que lles permitan revisar e adaptar os plans urbanísticos; aprobar ordenanzas de protección dos espazos verdes; impulsar oficinas municipais do litoral; desenvolver proxectos de turismo sostible; promover programas locais de educación ambiental; e implicar a confrarías, mariscadoras e tecido local na planificación da costa.
Rueda destacou que Galicia conta con 2.555 quilómetros de litoral (a maior extensión de España) que, ademais de definir a paisaxe, constitúe un espazo esencial de vida, traballo e futuro para máis da metade da poboación galega, residente nos 86 concellos costeiros. Recordou tamén que a actividade vinculada ao mar achega arredor de 9.000 millóns de euros anuais, o que supón o 5% do PIB galego, e que a cadea mar-industria é a cuarta máis potente dos sectores económicos da Comunidade.
No ámbito dos avances xa acadados, creouse a Comisión Interdepartamental da Coordinación do Litoral, a orde de axudas de 5 millóns de euros para o embelecemento turístico da costa ou a convocatoria de ideas para deseñar un prototipo de chiringuito móbil biosostible. E, de cara ao futuro, Rueda anunciou que antes de que remate o ano se aprobará o decreto que regulará o Catálogo de bens de valor cultural do litoral.
Ademais, como novidade, o presidente adiantou unha modificación lexislativa que permitirá ampliar a tempada dos establecementos de praia, que poderán permanecer abertos desde Semana Santa ata o 31 de outubro, co fin de favorecer un uso máis racional e rendible do litoral e impulsando así a súa calidade e coidado.
Co Pacto polo Litoral, a Xunta pretende avanzar cara a unha gobernanza compartida coas entidades locais, co obxectivo de acadar unha costa mellor xestionada e ordenada, que combine urbanismo responsable, protección ambiental, xeración de riqueza e innovación sostible. Para iso, proporase a constitución dunha mesa de desenvolvemento local específica cos concellos no marco do Foro do Litoral, que será aprobado nas próximas semanas e se converterá no máximo órgano de participación nesta materia.
O proxecto Xenoma Galicia, que conta cun investimento de 20 millóns de euros, ten por obxecto recompilar o ADN de 400.000 galegos para identificar os xenes relacionados co cancro de mama e ovario hereditario, a síndrome de Lynch e a hipercolesterolemia familiar. Ata o de agora, foron analizadas 3.112 mostras biolóxicas. En concreto, 1.037 mostras de sangue na primeira pilotaxe do proxecto, 796 de saliva no segundo piloto e, coa primeira fase do proxecto en marcha, 1.279 mostras dos voluntarios dos primeiros distritos participantes. A análise das mostras destes 1.279 participantes da fase 1 permitiu detectar 25 novos casos positivos. En concreto, 14 participantes deron positivo en cancro de mama e ovario hereditario, dous na síndrome de Lynch e nove en hipercolesterolemia familiar.
A Pedreira e Fillas de Cassandra estarán presentes no Womex 2026, o máis importante encontro mundial das músicas folk e de raíz que se celebra ata este domingo en Las Palmas de Gran Canaria. Trátase dunha iniciativa que ofrece aos artistas e ás empresas galegas un espazo para dar a coñecer o seu traballo ante programadores, festivais, axencias de contratación e outros profesionais de diferentes países. A artista foi escollida por un xurado internacional independente para formar parte dos Official Showcases, a selección oficial de concertos coa que Womex achega aos profesionais propostas das músicas do mundo.