Buscador
Noticias
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, xunto co presidente do Goberno central, Pedro Sánchez, visitou o Centro de Coordinación Provincial de loita contra incendios de Ourense. Durante a visita, Rueda reiteroulle a Sánchez a necesidade de que o Exército se incorpore canto antes ao dispositivo en Galicia para facer fronte á vaga de lumes. 'As Forzas Armadas, xunto cos demais efectivos a maiores, poderían realizar unha labor fundamental', asegurou. Rueda expresou o seu desexo de que, trala reunión celebrada, todas as peticións formuladas pola Xunta se materialicen con urxencia. 'É unha petición lóxica e espero que sexa atendida coa maior brevidade', manifestou.
A Xunta de Galicia, ante a situación de incendios forestais que afecta diversas zonas do territorio, quere trasladar á poboación unha serie de recomendacións sanitarias para minimizar os riscos asociados á inhalación do fume ou á cinza. O fume xerado nos incendios contén unha mestura de gases e partículas microscópicas (PM2,5 e PM10) que poden causar irritacións nos ollos, nariz, gorxa e pulmóns, ademais de provocar dor de cabeza, dor torácica ou dificultade respiratoria. Aínda que as recomendacións son válidas para toda a poboación, cómpre prestar especial atención aos grupos máis vulnerables como son os nenos e as nenas, as mulleres embarazadas e as persoas con enfermidades pulmonares, como asma ou EPOC, e enfermidades cardíacas.
O IGCC atendeu entre xaneiro e xuño deste ano un total de 20.218 consultas, unha media de 111 consultas ao día. Ademais, tramitou 9.710 reclamacións, o que se traduce nun promedio de 53 reclamacións diarias, e abriu 637 expedientes sancionadores por un importe total de 9,4 millóns de euros. En relación coas consultas, figuran en primeiro lugar as relacionadas co ámbito das telecomunicacións, que con 5.312 representan máis do 26 % das consultas. En segundo lugar están as relacionadas coa enerxía -3.824-, que supoñen case o 19 % do total. Ademais, destacan as consultas relacionadas co eido electrónico, con 1.625, e co financeiro, que acadaron as 1.343.
O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, sinalou hoxe, durante unha visita ao Centro de Coordinación Central de Defensa contra os Incendios Forestais en Santiago de Compostela que, desde que comezou o mes de agosto, se están extinguindo polos servizos da Xunta de Galicia 'arredor de 30 ou 35 lumes diarios', o que supón 'uns 250 máis dos que houbo que extinguir no mesmo período do ano pasado'. Rueda, que estivo acompañado polo conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, indicou que isto require 'un esforzo moi importante', polo que agradeceu 'o traballo que están facendo os miles de profesionais', así como 'a colaboración de todas as administracións, e a Unidade Militar de Emerxencias (UME), que está botando unha man fundamental'.
No marco das "Actuacións da Xunta de Galicia fronte aos posibles efectos das altas temperaturas sobre a saúde", o Goberno galego informa que pasan a nivel 3 (vermello) dúas zonas da nosa comunidade. Deste xeito, os niveis de alerta para hoxe das diferentes zonas son: Nivel 3 (vermello): Montaña de Lugo e Valdeorras. Nivel 2 (laranxa): Sur de Lugo, Miño, Noroeste, Montaña e Sur de Ourense e Interior de Pontevedra. Nivel 1 (amarelo): Centro de Lugo.A Consellería de Sanidade sinala que os principais grupos de risco ante os efectos da calor son: persoas maiores de 65 anos e nenos menores de catro anos, sobre todo os menores dun ano; persoas que padecen patoloxías: enfermidades cardiovasculares, diabetes mellitus, enfermidade pulmonar obstrutiva crónica, insuficiencia renal, párkinson, Alzheimer ou patoloxías similares, e enfermidade psiquiátrica.
O corazón da Ribeira Sacra chantadina acollerá os vindeiros días 15 e 16 de agosto unha nova edición do Sacra Festival, encontro multidisciplinar que se insire no proxecto Sacra Experience de dinamización da vida cultural do rural, que se desenvolve na pequena aldea do Pincelo, no concello lucense de Chantada. No marco do Sacra Festival amosarase o resultado de varias destas accións coas mostras do obradoiro teatral de Alma García Volver a ser nenos, do impartido por Janet Novas baixo o título Danza que atravesa corpo e paisaxe, da residencia artística de Pamen Pereira e Che Marchesi ou do taller inclusivo de danza e teatro a cargo de Experimenta Danza.
Historias LGBTI da Galicia Orgullosa é un proxecto cunha visión a longo prazo para facer crecer a rede de relatos e lembranzas que axuden a construír un relato máis diverso e real da historia galega. Neste sentido, estase traballando nun espazo dixital colaborativo aberto á cidadanía que parte dunha selección de imaxes históricas e actuais para que calquera persoa poida contribuír a tecer o relato. A exposición, que xa estivo durante o mes de xullo no edificio da Pirámide de San Caetano, recolle imaxes históricas de casos coñecidos, como o de Elisa e Marcela, e doutras experiencias vitais con menos eco como a de Maruja Roca, Manolito Soler ou Dalia Flores.
Entre os fitos máis destacados figuran o desenvolvemento dunha estratexia de observación e monitorización oceánica, apoiada, entre outras, en ferramentas de mapeo da información mariña como FARO e a Plataforma Big Data, que integra e procesa grandes volumes de datos con control de calidade e acceso unificado. Estes recursos consolidan o camiño cara a unha gobernanza baseada en datos e reforzan a sustentabilidade do litoral galego. No marco desta estratexia, Galicia conta agora con novas ferramentas para optimizar a xestión do medio mariño e dos seus recursos, mellorar a resposta fronte a ameazas ambientais e anticiparse aos impactos do cambio climático.
O presidente do Executivo autonómico, Alfonso Rueda, sinalou hoxe que o Informe sobre a situación da AP-9 elaborado desde a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas avaliado hoxe no Consello da Xunta conclúe que o rescate da concesión da autoestrada é 'a alternativa máis vantaxosa para o interese público', e cuantifica a estimación actual desta medida en 2.356M, 'cantidade moito menor da que habería que pagar de aquí ao final da concesión', segundo apuntou Rueda. A Administración autonómica exixe ao Goberno central que, diante do recente ditame da Comisión Europea sobre a AP-9, asuma este rescate e a liberalización das peaxes de xeito inmediato.
Os concertos ao aire libre de Atardecer no Gaiás están protagonizados esta semana por catro grupos e artistas galegos de estilos e orixes diversas. O xoves día 7 de agosto subirán ao escenario da Cidade da Cultura Melodiam, un dúo formado polas pontevedresas Almudena Díaz e Carlota Vázquez que fan a súa música desde Berlín, compoñendo temas de electrónica urbana con letras vitalistas que falan de temas universais e nos que coidan ao detalle todos os aspectos da produción. A proposta do ciclo no Gaiás para o venres día 8 de agosto é tripla. Actuarán esa tarde os tres gañadores na categoría de Música da última edición do certame Xuventude Crea.