
O trío Slimak, formado por Pablo Sexto Rosende, Roi Alfonso Tojo e David Somavilla Herrera, abrirá cunha interpretación de música contemporánea na que o saxofón se mostra como actor principal e vehículo de novas posibilidades expresivas. Coas obras Panani Lost e Valse conseguiron o terceiro posto do concurso.
A canguesa Sara Gimeno, será a seguinte en subir ao escenario da Praza central da Cidade da Cultura. Unha voz fermosa e un estilo que reinterpreta de maneira moi persoal o R&B con temas como Quérote e Dans les rues de Bordeaux valéronlle o primeiro premio do Xuventude Crea no ano 2024.
Pecharán o Atardecer no Gaiás do venres Lontras (2º premio do certame), banda viguesa formada por Juan Arca (guitarra, voz), Zalo Rodríguez (sintetizadores) e Sunil López (piano). Cun imaxinario no que resoan o jazz, a música contemporánea, a electrónica e o pop alternativo, o seu directo caracterízase por deixar a porta aberta á improvisación, de maneira que cancións como Sangue no canal ou Peixe no millo non soan nunca dúas veces igual.
Os concertos darán comezo ás 21,00 horas na Praza central do Gaiás e o acceso é libre e gratuíto.
Melodiam, Slimak, Sara Gimeno e Lontras forman parte das once propostas galegas que Atardecer no Gaiás inclúe nesta décimo quinta edición, xunto con The Rapants, Eris Mackenzie, Dirty Suc, Lua de Santana, La Toñi, Mocho Gris e Kike Varela DJ. Trátase dunha programación que demostra a efervescencia creativa da escena musical do país con artistas de estilos diversos que apostan por expandir os límites de xéneros como o rap, a electrónica, o pop, o jazz, os ritmos urbanos, o rock e a música tradicional galega.
Os concertos de Atardecer no Gaiás, que rematarán o xoves 21 de agosto co orixinal e bailable electropop de Futurachicapop e a sesión especial do DJ compostelán Kike Varela, enmárcanse dentro da campaña Para gustos, cultura, unha iniciativa impulsada desde a Xunta de Galicia para encher o verán dunha oferta cultural diversa e de calidade que se desenvolve en máis de 200 concellos de Galicia con máis de 3.400 actividades de 40 tipoloxías.
Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.