
O corazón da Ribeira Sacra chantadina acollerá os vindeiros días 15 e 16 de agosto unha nova edición do Sacra Festival, encontro multidisciplinar que se atopa entre as 13 citas subvencionadas este ano pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude na convocatoria para festivais de artes escénicas, dotada con 280.000 euros. O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, reuniuse coa coreógrafa e bailarina Carlota Pérez, directora de Experimenta Danza e impulsora deste evento, para coñecer os detalles da programación de 2025 e a súa aposta por conxugar nela cultura, natureza e comunidade.
O Sacra Festival insírese, así mesmo, no proxecto Sacra Experience de dinamización da vida cultural do rural, que se desenvolve na pequena aldea do Pincelo, no concello lucense de Chantada. Esta iniciativa conta tamén coa apoio da Xunta de Galicia para levar a cabo durante todo o ano a súa ampla proposta de actividades formativas e de residencias artísticas.
No marco do Sacra Festival amosarase o resultado de varias destas accións coas mostras do obradoiro teatral de Alma García Volver a ser nenos, do impartido por Janet Novas baixo o título Danza que atravesa corpo e paisaxe, da residencia artística de Pamen Pereira e Che Marchesi ou do taller inclusivo de danza e teatro a cargo de Experimenta Danza.
O cartel tamén inclúe os concertos de Niño de Elche e Dulzaro, dous artistas da primeira liña estatal que impulsan as súas carreiras co foco posto na innovación a partir da música de raíz, así como do trío Beauty Venera e da banda de rock compostelá La Última Frontera, integrada por músicos adolescentes. Os DJ Steven García e Pascal Kleiman porán o peche ás xornadas do venres e do sábado, respectivamente, con cadansúa sesión de Rural Chill Out.
A programación desenvolverase á beira do río Miño, tanto no Pincelo como no parque temático Carballolandia, e as entradas poden adquirise en liña a través da web do festival.
Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.