Buscador
Noticias
A Cidade da Cultural convida as familias a participar o vindeiro sábado 28 de xuño no Gaiás en 'Desafío de cartón', unha actividade lúdica e educativa que fomenta a creatividade a través do xogo con materiais de refugallo. Trátase dunha intervención efémera, coa que a Praza Central da Cidade da Cultura se encherá de elementos reutilizables para que persoas de todas as idades teñan a oportunidade de construír estruturas e xoguetes co único límite da súa imaxinación. Con 'Desafío de cartón' proponse sensibilizar sobre a reutilización de materiais e o impacto ambiental do cartón como residuo. A partir deste elemento, e con ferramentas como tesoiras, adhesivos ou retallos de tea, as persoas participantes poden construír libremente, experimentar e transformar o espazo mediante o xogo e a intervención colectiva, nunha actividade aberta á creatividade espontánea e á cooperación.
A Xunta de Galicia está traballando no texto da primeira Lei de Violencia Dixital de España, que contará con medidas específicas para a protección e atención das vítimas de violencia de xénero. A Lei de Violencia Dixital na que traballa o Executivo autonómico incluirá referencias específicas para a loita contra a violencia de xénero, e recursos e medidas de gran calado para paliar o sufrimento das vítimas deste tipo de violencia. A Xunta traballa en colaboración cos axentes sociais para seguir impulsando medidas e iniciativas neste eido, como a Guía de indicios para a detección das vítimas de violencia de xénero na empresa ou o Protocolo contra as violencias machistas e lgbtifóbicas no ocio nocturno.
Inaugúrase este xoves 26 de xuño na Cidade da Cultura a exposición inmersiva 'Castelao. Mirar por Galicia', o primeiro proxecto galego de arte dixital que recupera a figura dunha personaxe histórica emblemática da nosa cultura con intelixencia artificial e cun amplo abano de tecnoloxías dixitais que inclúen hologramas, videomapping ou realidade virtual. Trátase dun proxecto realizado pola Fundación Castelao en colaboración coa Xunta de Galicia, e encadrado na programación da conmemoración deste 2025 como Ano Castelao, que propón unha visión anovadora da vida e universo artístico de Castelao, recreando a súa imaxe e a súa voz, de xeito hiperrealista, e partindo dunha ampla base de documentación histórica e arquivos visuais conservados en diferentes institucións.
A Xunta de Galicia e os gobernos doutras 12 comunidades e cidades autónomas Andalucía, Aragón, Baleares, Cantabria, Castela e León, Estremadura, A Rioxa, Madrid, Murcia, Valencia, Ceuta e Melilla acaban de dirixirse ao Executivo central para exixirlle que lles envíe no prazo máis breve posible o informe preliminar sobre a situación do lobo en España, paso previo e imprescindible para poder sometelo á aprobación por parte das comunidades antes da súa remisión á Comisión Europea.
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, anunciou hoxe que o Consello acordou que 'iniciar a elaboración dos orzamentos da comunidade autónoma para o vindeiro ano'. Deste xeito, o Executivo autonómico avaliou un informe presentado pola Consellería de Facenda e Administración Pública sobre a Orde pola que se ditan instrucións para a elaboración dos presupostos de 2026, que marcan as bases do Plan financeiro do Goberno galego para o ano próximo. Calvo resaltou que mentres Galicia 'comeza a traballar nas contas de 2026, o Goberno de España segue funcionando coas de 2023'.
O Consello da Xunta aprobou o decreto que declara Ben de Interese Cultural a Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao considerar acreditado o seu valor sobranceiro como patrimonio inmaterial do pobo galego, o que supón a aplicación do réxime de tutela da Lei de Patrimonio cultural e, polo tanto, o maior nivel de protección. Esta declaración chega tras recibir os informes favorables dos catro órganos aos que se lle solicitou: o Consello da Cultura Galega, o Museo do Pobo galego, o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento e a Facultade de Humanidades da Universidade de Santiago de Compostela. Ademais, no proceso de exposición pública para o seu recoñecemento non rexistrou ningunha alegación.
A comunidade galega vén de alcanzar un novo máximo histórico nos indicadores turísticos ao rexistrar o pasado mes de maio un total de 920.795 noites nos establecementos hoteleiros de Galicia, situándose por primeira vez na serie por riba das 900.000 noites neste mes. Así o recolle os datos feitos públicos polo INE e que reflicten un incremento do 2,3% en demanda turística e do 4,2% en viaxeiros aloxados nestes establecementos en maio ao contabilizar 567.097 visitantes. En canto ao mercados, destaca sobre todo o internacional que, rexistrando 382.000 noites, representa o 41% do total da demanda hoteleira, mentres que o 51% restante repártese no 39% procedente doutras comunidades autónomas e o 19% dos residentes en Galicia.
O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, presentou a Lei galega de desenvolvemento e impulso da IA en Galicia na cuarta sesión da Comisión de Política Económica (ECON) do oitavo mandato do Comité Europeo das Rexións (CdR). Nunha reunión celebrada na cidade austríaca de Klagenfurt am Wörthersee, os representantes das rexións e cidades deron trámite a un ditame na mesma liña sobre o Plan de Acción para o Continente da Intelixencia Artificial da UE, unha iniciativa de 200.000 millóns de euros que pretende converter Europa en líder mundial en IA.
O festival desenvolverase no adro da sede da SGAE no parque de Vista Alegre, en Santiago de Compostela. O primeiro en ocupar o escenario será o rimador de Muros 9Louro, talento emerxente que segue a pegada doutros coñecidos grupos muradáns, como The Rapants ou Capital Voskov. Este mesmo ano lanzou o seu primeiro traballo discográfico, Nove noves, cunha variada mestura de funk, bachata, reguetón, trap e pop. A continuación, será a quenda da viguesa de ascendencia brasileira Lua de Santana. O dúo compostelán Boyanka Kostova pechará o festival Acento 2025 coa súa proposta retranqueira, na que o urbano e os sons máis contemporáneos conviven co tradicional.
No marco do Plan de Actuacións da Xunta de Galicia fronte aos posibles efectos das altas temperaturas sobre a saúde, vénse de activar a alerta nivel 1 por episodio de calor. O episodio comeza hoxe, 17 de xuño, prevéndose unha duración de 4 días. Segundo informa Meteogalicia, as altas presións permanecerán estacionarias ao norte da península Ibérica durante esta semana. Desde esa posición, achegarán a suficiente estabilidade para que o predominio sexa de ceo despexado. Ademais irán atraendo unha masa de aire moi cálida procedente do sur da península Ibérica e do norte de África, o que ocasionará un importante aumento nas temperaturas.