Noticias

Inaugúrase este xoves 'Castelao. Mirar por Galicia', a primeira exposición na comunidade que recupera unha personaxe histórica con IA

Inaugúrase este xoves 26 de xuño na Cidade da Cultura a exposición inmersiva 'Castelao. Mirar por Galicia', o primeiro proxecto galego de arte dixital que recupera a figura dunha personaxe histórica emblemática da nosa cultura con intelixencia artificial e cun amplo abano de tecnoloxías dixitais que inclúen hologramas, videomapping ou realidade virtual. Trátase dun proxecto realizado pola Fundación Castelao en colaboración coa Xunta de Galicia, e encadrado na programación da conmemoración deste 2025 como Ano Castelao, que propón unha visión anovadora da vida e universo artístico de Castelao, recreando a súa imaxe e a súa voz, de xeito hiperrealista, e partindo dunha ampla base de documentación histórica e arquivos visuais conservados en diferentes institucións.

Un dos puntos destacados desta exposición é unha instalación inmersiva con videomapping e son cadrafónico dentro dun gran cubo de papel. Neste espazo, as persoas visitantes terán ademais a oportunidade de volver escoitar a voz de Castelao, grazas a un traballo de recreación da mesma con tecnoloxía de intelixencia artificial xerativa a partir do único rexistro sonoro conservado: a mensaxe, en castelán, que el mesmo gravou en fonopostal na Central de Correos de Bos Aires, co gallo da estrea de Os vellos non deben de namorarse en Montevideo en 1941.

O arquivo, conservado polo Consello da Cultura Galega, someteuse a un depurado do son para, a continuación, adestrar unha intelixencia artificial para reproducir con fidelidade o timbre, entoación e textura da voz, combinándoo co traballo de locutores profesionais a partir de textos de publicacións como Cousas, Sempre en Galiza, Alba de Gloria ou o Diario 1921. A exposición ofrecerá así unha recreación o máis fidedigna posible da súa voz orixinal, supoñendo a primeira vez que poderemos oír a Castelao falar galego desde o seu pasamento en 1950.

Cultura inclusiva e accesible

No marco da Lei de cultura Inclusiva e accesible de Galicia, promovida pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a exposición incorpora un amplo abano de medidas para achegar esta proposta cultural a todo tipo de públicos, reducindo as barreiras de acceso. Así, os textos de sala contarán cunha versión en lectura fácil, un método de redacción de contidos adaptados ás necesidades de persoas con dificultades de comprensión lectora, realizada co apoio da Federación Autismo Galicia.

Ademais, a videoproxección inmersiva da exposición contará tamén cunha versión en lingua de signos no propio espazo expositivo, facéndoa máis accesible ás persoas xordas ou con discapacidade auditiva, e os textos de sala disporán dunha versión en liña con lingua de signos, subtitulado accesible, e contido en audio narrado para facilitar o acceso das persoas con discapacidade visual.

Adicionalmente, o Museo Centro Gaiás disporá de bucle magnético portátil tanto para a atención ao público como na súa oferta de visitas guiadas, facilitando deste xeito o acceso ás persoas que empreguen implantes cocleares ou audífonos. Esta tecnoloxía permite recoller o audio da conversa e transmitilo directamente aos dispositivos sen interferencias do ruído ambiente, mellorando a experiencia das persoas con discapacidade auditiva.

A mostra Castelao. Mirar por Galicia poderá visitarse na Cidade da Cultura desde a tarde do 26 de xuño ata o 11 de xaneiro de 2026, con acceso libre e de balde, e contará no vindeiro curso cunha oferta didáctica destinada aos centros de ensino.

R., 2025-06-24

Actualidad

Foto del resto de noticias (museo_do_pobo_galego_2.jpg) Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Foto de la tercera plana (cdc-00.jpg) Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.

Notas

O concerto de Sofía Ros na Casa do Saber do Campus de Lugo este luns, 26 de outubro, ás 20.15 horas, abre unha nova semana ateigada de citas culturais na USC. Música, diversos faladoiros, así como proxeccións audiovisuais integrarán os vindeiros eventos do Outono Cultural. Ese mesmo 26 de outubr,o no Pazo de Montenegro, a partir das 17.30 horas, desenvolverase o primeiro dos encontros 'Memoria democrática'. María Valcárcel, profesora da USC e periodista cultural, é a persoa coidadora deste proxecto. O acceso require inscrición previa.
A música folk será neste 2026 a gran protagonista do ciclo Música para reCREAr, que a Vicerreitoría do campus promove coa colaboración do Concello de Pontevedra, ao abeiro dun convenio de colaboración. Esta programación botará a andar este xoves 29 de outubro, ás 20.30 horas, no Pazo da Cultura, cunha actuación do grupo Caldo, mentres que o 12 de novembro, á mesma hora, poderá coñecerse o proxecto musical do dúo Abril.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES