
Nunha carta dirixida ao secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, os representantes dos 13 gobernos autonómicos lembran que de acordo coa folla de ruta para a elaboración coordinada dos informes sexenais, o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco) tiña que remitir ás comunidades estes borradores o pasado 15 de xuño.
A día de hoxe, os gobernos autonómicos aínda non recibiron ningunha documentación e sen embargo, o Miteco decidiu incluír os informes sexenais como un dos asuntos a tratar na Comisión sectorial de Medio Ambiente que se celebrará o próximo 27 de xuño.
En resposta a esta convocatoria, Galicia e o resto de asinantes conclúen que é imposible que o informe preliminar sobre o lobo chegue a tempo de ser analizado e revisado antes da referida Comisión, que é o órgano no que se ten que deliberar sobre o mesmo como paso previo a sometelo a votación por parte das comunidades nunha Conferencia sectorial posterior.
Por ese motivo, solicitan a Hugo Morán que se retire este punto da orde do día, ao tempo que o emprazan a enviar o antes posible o borrador do referido informe, abrir o correspondente prazo de alegacións para que as comunidades autónomas se pronuncien (20 días) e finalmente, convocar de novo á Comisión sectorial de Medio Ambiente para poder abordar este punto.
Cómpre lembrar que segundo prevé a Directiva comunitaria de conservación dos hábitats naturais e da flora e fauna silvestres, o Goberno central ten que enviar este ano á Comisión Europea un informe sexenal sobre o lobo correspondente ao período 2019-2024. Con tal fin, as comunidades debían remitir ao Miteco os datos que tiñan no seu poder, información que debería ser a base para a elaboración do informe definitivo.
De feito, Galicia foi unha das primeiras autonomías en remitir os seus datos sobre a situación do lobo dentro do seu territorio, información que constata que o estado de conservación da especie é favorable en todos os parámetros que se avalían, tanto por amplitude xeográfica, poboación, hábitat e perspectivas futuras.
Por iso, a Xunta leva meses instando ao Goberno central a actuar con rigorosidade e a reflectir con exactitude no informe sexenal do lobo que remitirá á UE os datos que lle trasladen as comunidades autónomas, motivo polo que agora considera imprescindible poder ter acceso ao borrador do referido informe, tal e como se acordara, antes de sometelo á súa aprobación no marco da Conferencia Sectorial e desde alí, elevalo ante a Comisión Europea.
Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.