Archivo (5 del 2024)

Buscador

Noticias

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, solicitou ao Goberno central que non permita a deslocalización das compras en economías emerxentes a través do reparto dos fondos dos PERTE. Así o manifestou logo do encontro celebrado hoxe co Clúster de Automoción e Mobilidade de Galicia (Ceaga), onde tamén avanzou que a Xunta estuda posibles modificacións no orzamento dos fondos Feder que lle corresponden a Galicia para favorecer a industria galega da automoción.
Tivo lugar a entrega de distintivos Q e S de Calidade Turística 2024 da Axencia de Turismo de Galicia. Este ano entregáronse 53 novas distincións Q de Calidade e 39 S de Sostibilidade. Actualmente, Galicia é a segunda comunidade autónoma con máis distintivos Q e a cuarta de distintivos S. O sector turístico galego atravesa un dos seus mellores momentos, con cifras récord no 2023 e cada vez máis diversificado e desestacionalizado, e con máis de 1,3 millóns de viaxeiros que se aloxaron nos establecementos turísticos galegos nos primeiros catro meses do ano e á crecente tendencia á internacionalización do destino, cun crecemento do 5% do número de turistas estranxeiros que se aloxaron en Galicia no que vai de ano.
Un total de 106 universitarios que remataron os seus estudos no ano 2023 veñen de ser galardoados cos Premios fin de carreira pola súa excelencia académica. Así o recoñece a Xunta de Galicia, que publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución con estas distincións. O 62% do alumnado recoñecido son mulleres e, do total de galardoados, 52 pertencen á Universidade de Santiago de Compostela, 35 á de Vigo e 19 á da Coruña. Os mellores expedientes distribúense entre 64 titulacións nos diferentes campus.
Foi inaugurada no Museo de Belas Artes da Coruña a exposición Doazóns 2015-2023, na que se amosan 100 obras de artistas galegos do século XX -excepto dúas do século XVII- provenientes de 16 particulares que doaron nestes últimos oito anos pezas de importantes creadores. Esta mostra, que poderá verse no Museo ata o 30 de setembro, está pensada como unha continuación ou ampliación da exposición Doazón Tomás Barros, inaugurada o pasado 2 de maio. Entre os artistas representados en Doazóns 2015-2023 atópanse autores como Joaquín Vaamonte, Sotomayor, Manuel Abelenda, Lago Rivera, Laxeiro, Antonio Tenreiro, Sucasas, Úbeda, Lodeiro, Lugrís Vadillo, Elena Gago, María del Carmen Corredoira, Blanca López, Xaime Quesada ou Francisco Lloréns entre outros.
O Festival IKFEM, centrado na música relacionada cos instrumentos de teclado, celebra a súa 12ª edición do 17 ao 21 de xullo en Tui e Valença do Minho. O evento transfronteirizo, que une o talento artístico da península contará con actuacións en enclaves de especial interese patrimonial como a Igrexa de Santo Domingo de Tui. Nesta edición o certame ofrecerá concertos únicos como os protagonizados polo cantautor Salvador Sobral xunto co pianista Marco Mezquida ou a soprano María Hinojosa co galego Daniel Pereira ao teclado.
Baixo o título 'Horizontes Dixitais', o Centro GaiásTech organiza 4 de xuño unha xornada sobre os retos e oportunidades da transformación dixital nos sectores cultural, deportivo e turístico. O encontro, que terá lugar na Sala Eisenman da Cidade da Cultura, está dirixido á cidadanía e empresas e os interesados en asistir só precisan inscribirse na portal do GaiasTech. A xornada estrutúrase en tres mesas redondas, unha por sector, ademais dun relatorio e unha demostración de olería orixinal. O CEO de Neuromobile, Raúl Serapio, recoñecido como uns dos 100 directivos máis creativos pola revista Forbes en 2022, será o encargado da conferencia inicial.
O equipo de investigación liderado polo investigador do Departamento de Historia da Universidade de Santiago de Compostela Edgard Camarós quedou sorprendido polo descubrimento de marcas de corte arredor de crecementos canceríxenos nun antigo cranio exipcio, o que lles permitiu desenvolver novas ideas sobre como os antigos exipcios trataron a enfermidade. Estes achados, consideran, constitúen unha evidencia de que as sociedades antigas tentaron explorar e operar tumores hai milleiros de anos. 'Este achado é unha proba única de como a medicina exipcia antiga tentaría tratar ou explorar o cancro hai máis de 4.000 anos', engadiu o autor principal do estudo, para quen 'esta é unha nova perspectiva extraordinaria na nosa comprensión da historia da medicina'.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno galego vai facer un manifesto conxunto entre a rexión do Norte de Portugal e Galicia para defender a conexión ferroviaria de alta velocidade entre os dous territorios: “Imos presentar en pouco tempo un manifesto conxunto, xunto coa Comunidade de Traballo do Norte de Portugal, en defensa de que o Norte de Portugal e Galicia teñan un ferrocarril, un transporte do século XXI”, declarou. Neste sentido, celebrou que neste asunto Galicia e Portugal estean completamente aliñados nos seus intereses, xa que no Goberno luso ven esta conexión como algo prioritario.
A partir deste xoves, 30 de maio, quedarán prohibidas as queimas de restos agrícolas e forestais realizadas por particulares en Galicia ata novo aviso. Isto implica que non se darán máis permisos e os xa concedidos quedarán en suspenso a partir do xoves. Quedan excluídas desta prohibición as queimas controladas que executa o Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais debidamente planificadas e dispoñendo dos medios de extinción precisos. A decisión tomouse tras avaliar a evolución da situación meteorolóxica e unha vez analizados polo miúdo os diferentes indicadores técnicos que inciden no risco de lume.
A mostra 'Outras historias posibles' é un proxecto que promove desde a Cidade da Cultura unha mirada diversa sobre a historia da arte contemporánea galega, reivindicando as traxectorias de Ana García Pan, Emilia Guimeráns, Anne Heyvaert, Tusi Sandoval, Blanca Silva e Laura Terré. A mostra reúne no Museo Centro Gaiás máis dun cento de pinturas, esculturas, xilografías e debuxos que permiten apreciar o devir creativo de cada unha delas de maneira individual, sen obviar o contexto social e persoal no que se desenvolveron profesionalmente. A maternidade, os roles de xénero, as modas e tendencias no mercado da arte, ou mesmo as disciplinas escollidas para traballar, revélanse en Outras historias posibles como elementos que impactaron na súa forma de entender a creación, nos camiños que decidiron tomar e na visibilidade das súas traxectorias.
« Anterior | 1  de  6 | Siguiente »

Archivo

2025 (168)

2024 (514)

ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES