Noticias

A mostra 'Outras historias posibles' diversifica a pluralidade do talento a través de seis creadoras contemporáneas galegas

A mostra 'Outras historias posibles' é un proxecto que promove desde a Cidade da Cultura unha mirada diversa sobre a historia da arte contemporánea galega, reivindicando as traxectorias de Ana García Pan, Emilia Guimeráns, Anne Heyvaert, Tusi Sandoval, Blanca Silva e Laura Terré. A mostra reúne no Museo Centro Gaiás máis dun cento de pinturas, esculturas, xilografías e debuxos que permiten apreciar o devir creativo de cada unha delas de maneira individual, sen obviar o contexto social e persoal no que se desenvolveron profesionalmente. A maternidade, os roles de xénero, as modas e tendencias no mercado da arte, ou mesmo as disciplinas escollidas para traballar, revélanse en Outras historias posibles como elementos que impactaron na súa forma de entender a creación, nos camiños que decidiron tomar e na visibilidade das súas traxectorias.

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, inaugurou hoxe na Cidade da Cultura a exposición Outras historias posibles, un proxecto que promove unha mirada diversa sobre a historia da arte contemporánea galega, reivindicando as traxectorias de Ana García Pan, Emilia Guimeráns, Anne Heyvaert, Tusi Sandoval, Blanca Silva e Laura Terré.

A mostra reúne no Museo Centro Gaiás máis dun cento de pinturas, esculturas, xilografías e debuxos que permiten apreciar o devir creativo de cada unha delas de maneira individual, sen obviar o contexto social e persoal no que se desenvolveron profesionalmente. A maternidade, os roles de xénero, as modas e tendencias no mercado da arte, ou mesmo as disciplinas escollidas para traballar, revélanse en Outras historias posibles como elementos que impactaron na súa forma de entender a creación, nos camiños que decidiron tomar e na visibilidade das súas traxectorias.

O representante da Xunta de Galicia incidiu, neste sentido, na relevancia “dun relato expositivo que vai do íntimo ao universal co fin de construír un discurso diverso e integrador dentro da historia da arte contemporánea de Galicia”. Fronte á figura do ‘xenio-artista’, instalada no imaxinario colectivo como a dun home creador en solitario con capacidades innatas extraordinarias, a mostra descobre historias cotiás e condicións materiais que favorecen, pero tamén dificultan a dedicación á arte.

López Campos fixo fincapé no exhaustivo traballo de investigación realizado pola comisaria da mostra, Susana Cendán, que suma novas miradas sobre estas seis artistas que despuntaron nos anos 80 do pasado século. O Museo Centro Gaiás eríxese, ademais, como o espazo idóneo para “favorecer a novos públicos achegarse á súa obra, comprendela e apreciala”, afirmou o titular da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude durante o acto, ao que asistiron tamén o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, a directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, a comisaria do proxecto e as artistas homenaxeadas.

Ademais do seu traballo como comisaria, Susana Cendán dedícase á docencia e á investigación académica na Universidade de Vigo, desenvolvendo nestes eidos proxectos relacionados coa construción cultural da identidade, coa moda entendida como forma de expresión creativa ou coa análise de narrativas pexorativas ao redor da muller, e concretamente, da muller artista.

Celebrar a diversidade

A experimentación coa cerámica nas esculturas de Emilia Guimeráns, as pinturas tecidas de Tusi Sandoval, o realismo minucioso que xoga coa percepción nos óleos e debuxos de Anne Heyvaert, o compromiso social nas pinturas e xilografías de Laura Terré, o desexo de capturar os soños de Blanca Silva ou as explosións de cor de Ana García Pan forman en Outras historias posibles un conxunto heteroxéneo no que se manifesta, sobre todas as cousas, a pluralidade do talento.

Tamén nas historias particulares destas seis artistas atopamos unha multiplicidade de intereses vitais e profesionais que as persoas visitantes poderán coñecer, de primeira man, a través dunha serie de entrevistas realizadas especificamente para esta mostra. Un catálogo de próxima publicación, deseñado por Patricia Dopico e con textos de Susana Cendán virá a completar estas Outras historias posibles.

A mostra pode visitarse no Museo Centro Gaiás, de martes a domingo e de balde, ata o 26 de xaneiro de 2025.

R., 2024-05-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (museo_do_pobo_galego_2.jpg) Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Foto de la tercera plana (cdc-00.jpg) Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.

Notas

O concerto de Sofía Ros na Casa do Saber do Campus de Lugo este luns, 26 de outubro, ás 20.15 horas, abre unha nova semana ateigada de citas culturais na USC. Música, diversos faladoiros, así como proxeccións audiovisuais integrarán os vindeiros eventos do Outono Cultural. Ese mesmo 26 de outubr,o no Pazo de Montenegro, a partir das 17.30 horas, desenvolverase o primeiro dos encontros 'Memoria democrática'. María Valcárcel, profesora da USC e periodista cultural, é a persoa coidadora deste proxecto. O acceso require inscrición previa.
A música folk será neste 2026 a gran protagonista do ciclo Música para reCREAr, que a Vicerreitoría do campus promove coa colaboración do Concello de Pontevedra, ao abeiro dun convenio de colaboración. Esta programación botará a andar este xoves 29 de outubro, ás 20.30 horas, no Pazo da Cultura, cunha actuación do grupo Caldo, mentres que o 12 de novembro, á mesma hora, poderá coñecerse o proxecto musical do dúo Abril.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES