Buscador
Noticias
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, reclama que se produzan avances na negociación que se mantén no Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea que debe fixar os totais admisibles de capturas (TAC) e cotas para 2024 en augas comunitarias, pois de momento son escasos fronte á proposta inicial presentada pola Comisión Europea. O obxectivo de Galicia é que a súa frota poda dispor para o ano próximo duns cupos que garantan un futuro sostible tamén nos ámbitos social e económico, en equilibrio coas recomendacións científicas e o respecto ambiental. A aposta non debe ser, dixo, limitar os recortes ou manterse, senón poder pescar máis.
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, trasladou esta mañá ao Ministerio de Sanidade, o visto e prace do Goberno galego para manter o programa de colaboración coas autonomías destinado á elaboración dos Informes de Posicionamento Terapéutico (IPT). No marco da xuntanza extraordinaria do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, os responsables dos sistemas sanitarios autonómicos debateron esta proposta sobre a modificación pola que se aproba a distribución de fondos ás comunidades autónomas para o financiamento de políticas de cohesión sanitaria, de formación para facultativos de medicina, odontoloxía, farmacia e persoal de enfermería e de educación sanitaria da poboación, para favorecer ou uso racional dos medicamentos, o desenvolvemento do Plan nacional de doazón de medula ósea e o Plan nacional de sangue de cordón umbilical, por un importe de 42.861.365,64 euros.
Na edición 2023 de Novos Poliedros resultaron gañadores sete institutos procedentes das catro provincias galegas: o IES Monelos, o IES Menéndez Pidal-Zalaeta e o IES Rafael Puga Ramón, da Coruña; o IES As Lagoas, de Ourense; o IES Santiago Basanta Silva, de Lugo, e o IES de Meaño e mais o IES do Barral, de Pontevedra.Os gañadores, que expuxeron no acto os seus traballos, recibiron un premio de 100 euros por centro e un lote de libros e un diploma como agasallo. Ademais, nesta terceira edición concedéronse dous accésit ao IES Gregorio Fernández, de Lugo, e ao IES Nº 1 de Ribeira, na Coruña.
En 2022 creáronse na nosa Comunidade 142 cooperativas (a cifra máis elevada da serie histórica) con 542 socias e socios promotores, o 50% deles mulleres. Tamén 24 sociedades laborais, con 58 socias e socios (41% mulleres) e 7 centros especiais de emprego. Para seguir co pulo a este modelo que prima os beneficios colectivos e sociais sobre a rendibilidade económica, a conselleira recordou que se veñen implemantando medidas que se reforzarán en 2024. De feito, increméntase un 3% o presuposto neste apartado chegando aos máis de 43,6 millóns de euros, co propósito de avanzar -precisamente- na creación e consolidación de iniciativas de economía social, pero tamén co de incidir na súa difusión e na promoción do emprego inclusivo.
O sistema educativo galego mantén unha boa situación en todas as variables analizadas polo Informe PISA, cun liderado claro en ciencias e en equidade, segundo os datos correspondentes a 2022 que acaban de coñecerse. O estudo reflicte un contexto xeneralizado de baixada nos resultados acadados, tanto a nivel estatal como internacional, consecuencia da afectación da pandemia no sistema educativo, tal e como conclúen os autores de PISA. Pese a esta realidade esperada, Galicia mantén o seu diferencial co respecto á media do conxunto das comunidades autonómas e do contexto internacional.
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, compareceu hoxe no Pleno do Parlamento galego para dar conta das medidas da Xunta co gallo de mellorar a situación laboral e económica da mocidade en Galicia. Unhas medidas que, segundo aseverou, contribuíron a que a taxa de paro entre as persoas de 24 a 29 anos pasase de representar o 19,6% en 2018 a situarse no 14,3% no último trimestre deste ano. Na súa intervención, a conselleira referiuse á mocidade como un colectivo prioritario en todas as políticas de emprego da Xunta, clave para garantir o futuro de Galicia.
Esta exposición fai un percorrido pola historia da cidade de Ourense a través de documentos orixinais conservados no Arquivo Histórico Provincial, así como fotografías en paneis e dispositivos electrónicos procedentes doutros centros culturais e de particulares. Colaboran o Arquivo da Catedral de Ourense, a Biblioteca da Deputación de Ourense, a Fundación Cidade da Cultura, Galiciana-Biblioteca Dixital de Galicia, a Coral de Ruada, o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense e o Museo Etnolóxico de Ribadavia.