Noticias

O paro na nosa comunidade reduciuse en cinco puntos entre as persoas mozas nos últimos anos

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, compareceu hoxe no Pleno do Parlamento galego para dar conta das medidas da Xunta co gallo de mellorar a situación laboral e económica da mocidade en Galicia. Unhas medidas que, segundo aseverou, contribuíron a que a taxa de paro entre as persoas de 24 a 29 anos pasase de representar o 19,6% en 2018 a situarse no 14,3% no último trimestre deste ano. Na súa intervención, a conselleira referiuse á mocidade como un “colectivo prioritario en todas as políticas de emprego da Xunta, clave para garantir o futuro de Galicia”.

Así, destacou que no vindeiro exercicio se reeditarán programas que teñen amosado a súa efectividade de cara a seguir mellorando e incrementando a súa inserción laboral.

Nese senso, referiuse ao programa Investigo, posto en marcha en 2022 para incentivar a contratación de mozas e mozos nos eidos da investigación, a tecnoloxía e a innovación, como xeito de reter talento e contribuír á creación de postos de traballo cualificados. Volverá convocarse en 2024 tras acadar as 741 persoas beneciadas cun orzamento de 22,3 millóns de euros, entre o ano pasado e este.

Tamén falou das bondades do programa de práctica profesional para a mocidade menor de 30 anos, axudando na inserción laboral con competencias para o emprego, que continuará en 2024 tras beneficiar máis de mil persoas entre 2022 e 2023 cun orzamento de 19,5 millóns.

Igualmente, e dentro do Programa Operativo Fondo Social Europeo Plus 2021-2027, seguiranse impulsando axudas dirixidas a mellorar as oportunidades laborais das persoas mozas demandantes de emprego e, en particular, das inscritas no Sistema de Garantía Xuvenil. Neste caso, Elena Rivo recalcou que as iniciativas con fondos europeos para promover a contratación de persoas mozas en organismos intermedios sen ánimo de lucro ou en empresas roldaron este ano o medio milleiro de persoas beneficiadas, cun presuposto global próximo aos 4 millóns de euros.

A maiores, a titular de Promoción do Emprego e Igualdade puxo de relevo outras iniciativas que deron os seus froitos nos últimos anos, como o Programa Primeira Experiencia Profesional na Administración Pública, con 368 mozas e mozos beneficiados cun orzamento de 10,9 millóns de euros. Tamén o Galicia Emprega, para incentivar a contratación das persoas menores de 30 anos que carezan de ocupación, desempregadas e inscritas como demandantes de emprego, favorecendo a súa contratación na empresa ordinaria e, especialmente, daquelas que teñen maiores dificultades, incluíndo unha liña específica para a xuventude. Conta cun total de 1.791 mozas e mozos beneficiados, cun orzamento de 9 millóns de euros.

Así mesmo, a conselleira recalcou que as persoas mozas son un colectivo prioritario, con acceso preferente noutros programas como o de promoción do emprego autónomo, o de cooperación ou o de subvención para o fomento do emprego no medio rural. En definitiva, “medidas que proban o compromiso da Xunta de Galicia a favor da mocidade galega, porque as mozas e mozos son unha prioridade para a totalidade deste Goberno e así seguirá séndoo nos vindeiros anos”, en palabras de Rivo.

R., 2023-12-05

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES