
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén, inauguraron hoxe no Arquivo Histórico Provincial de Ourense a mostra A cidade de Ourense nos seus documentos, un viaxe polo pasado da cidade das burgas desde a Idade Media ata o século XX.
Esta exposición, de produción propia, fai un percorrido pola historia da cidade de Ourense a través de documentos orixinais conservados no Arquivo Histórico Provincial, así como fotografías en paneis e dispositivos electrónicos procedentes doutros centros culturais e de particulares. Entre as institucións colaboradoras atópanse o Arquivo da Catedral de Ourense, a Biblioteca da Deputación de Ourense, a Fundación Cidade da Cultura, Galiciana-Biblioteca Dixital de Galicia, a Coral de Ruada, o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense e o Museo Etnolóxico de Ribadavia.
Este traballo é unha gran oportunidade para coñecer moitas curiosidades de Ourense desde a Idade Media, salientou Anxo M. Lorenzo. Un percorrido a través de numerosos documentos pola vida social, económica e cultural da cidade das burgas que nos axuda a entender a súa configuración na actualidade, engadiu.
A mostra estruturase en oito seccións nas que se abordan os aspectos máis importantes da vida urbana ao longo do tempo, como son o goberno, a sociedade, a economía, o urbanismo, as festas, os espectáculos, a relixión e as manifestacións culturais. Un total de 63 documentos orixinais que levan ao espectador a coñecer a historia desta cidade galega.
Elementos singulares
Entre os elementos máis singulares desta serie de documentos, atópanse a confirmación por parte de Henrique III dun privilexio de Xoán I no que se concede o portádego da ponte de Ourense a Pedro Ruíz Sarmiento (ano 1441), a confirmación por parte de Pedro I dun privilexio de Fernando IV no que exime de impostos aos taberneiros da cidade que compren o viño de Ourense (1353) ou os planos da Porta da Aira en 1616, o da Ponte Vella en 1738 e o do proxecto para o xardín do Posío no ano 1854.
O representante da Consellería de Cultura aproveitou a inauguración de A cidade de Ourense nos seus documentos para animar a todos os ourensáns e a aqueles interesados en coñecer o pasado da cidade a que se acheguen ao Arquivo Histórico, onde estará dispoñible a mostra ata o 23 de febreiro de 2024.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.