Archivo (9 del 2022)

Buscador

Noticias

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, presentou hoxe na Cidade da Cultura o I Plan Galego contra a Trata como 'documento estratéxico', elaborado mediante un proceso participativo no que tomaron parte unha ducia de entidades que traballan en Galicia coas vítimas desta lacra, que artella medidas e políticas para dar unha resposta integral e coordinada a estas mulleres.
O Centro Dramático Galego e Ainé Producións estrearán o 29 de setembro no Salón Teatro de Santiago de Compostela 'Recortes, caneos e outras formas de driblar', espectáculo que abordará tanto a dimensión visible como a cara oculta do mundo do fútbol. O espectáculo mestura xornalismo, deporte e teatro nunha proposta escénica que xorde dun libro inédito de Nacho Carretero, dirixida por Tito Asorey, e que conta coa dramaturxia de José L. Prieto.
Foi presentada a quinta edición do Festival Underfest SON Estrella Galicia que chega de novo ás salas vigueses entre o 22 e o 24 de setembro como referencia do outono musical galego. Os escenarios escollidos nesta ocasión para este festival cun total de 18 artistas son o Auditorio Mar de Vigo, o Museo MARCO, a Sala Kominsky, La Iguana, Mogambo, Radar, Reserva e Masterclub. O británico Michael Kiwanuka, recoñecido como unha das mellores voces do soul actual e encomiado por prensa e público, encabeza o cartel desta edición. Ademais, existirán interesantes propostas como a dos belgas Goose, o londinense PM Warson, a espectacular cantante americana Sarah McCoy ou os suecos Diamond Dogs.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, urxiu a construír unha posición sólida a nivel nacional contra o veto á pesca de fondo e compromete o apoio de Galicia aos recursos xudiciais. O titular do Executivo autonómico, acompañado pola conselleira do Mar, Rosa Quintana, mantivo unha xuntanza cos expertos e xuristas da Fundación MarInnLeg, do Instituto de Estudos Europeos Salvador de Madariaga da Universidade da Coruña e con distintos representantes da frota afectada.
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 1.312, deles 224 son da área da Coruña, 218 da de Lugo, 274 da de Ourense, 113 da de Pontevedra, 215 da área de Vigo, 181 da de Santiago e 83 da de Ferrol. Do total de pacientes positivos, 7 están en UCI, 126 en unidades de hospitalización e 1.179 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 671.548 persoas curadas, rexistrándose 3.902 falecementos. O número de PCR realizadas é de 3.977.179. O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 6.729.857.
A Cidade da Cultura programa tres novos concertos do ciclo Matinais Musicais para este outono que achegan ao público as últimas creacións musicais de vangarda, o jazz e impulsan o diálogo entre Xapón e Galicia a través da música. Serán tres actuacións nas mañás dos domingos o 25 setembro, o 23 de outubro e o 27 de novembro e as entradas pódense adquirir xa a través de Ataquilla. As Matinais Musicais arrincan con Aruku – Camiñar e a cantante Ryoko Aoki, figura internacional do teatro Noh, unha das manifestacións máis antigas do drama musical xaponés.
A Xunta rexeita a pretensión da Comisión Europea de equiparar, a efectos de control da contaminación, as explotacións de vacún de máis de 150 unidades de gando maior (UGM) coas grandes industrias. Así o manifestou hoxe o conselleiro do Medio Rural, José González -en liña coa postura do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación-, durante a súa participación por videoconferencia no Consello Consultivo de Política Agrícola para Asuntos Comunitarios. O titular de Medio Rural súmase así á postura tamén defendida por outros Estados Membros da UE, caso de Francia, no sentido de que non procede introducir máis restricións á gandería por medio dunha modificación da directiva de emisións industriais.
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, anunciou que a Xunta vai analizar todas as vías legais que ten á súa disposición para recorrer a decisión da Comisión Europea de vetar a pesca de fondo en preto dun cento de áreas en augas comunitarias. A representante do Executivo galego explicou durante un acto na Coruña que nos vindeiros días convocará aos representantes do sector e a expertos xuristas da Fundación MarInnLeg e do Instituto de Estudos Europeos Salvador de Madariaga de Universidade da Coruña (UDC) para avaliar as distintas posibilidades e elixir a máis efectiva na defensa dos intereses da frota galega.
A guerra de Ucraína foi o punto central da reunión da Mesa do Comité Europeo das Rexións (CDR) que tivo lugar en Praga hoxe e na que participou o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo. O encontro tratou o impacto da invasión dende unha perspectiva rexional, así coma o papel das cidades e rexións nos plans de reconstrución do país. Tamén se presentaron os obxectivos de Chequia, país anfitrión, para a súa presidencia do Consello da Unión Europea, actualmente en curso.
O ciclo de conferencias 'María Casares. Do exilio ao escenario' organizado pola Xunta co gallo do centenario da actriz continúa este mércores 21 coas intervencións de Tina Sainz, grande amiga da artista coa que compartiu proxectos escénicos, e José Luis Méndez Romeu, que ten investigado sobre a súa figura. Este ciclo prolóngase ata finais de ano en distintas xornadas cunha ducia de intervencións protagonizadas por personalidades relevantes do mundo das artes e da cultura que coñeceron desde a proximidade o traballo e o legado da artista homenaxeada.
« Anterior | 3  de  5 | Siguiente »

Archivo

2024 (172)

2023 (515)

PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES