Noticias

Rueda urxe a construír unha posición sólida a nivel nacional contra o veto á pesca de fondo e compromete o apoio de Galicia aos recursos xudiciais

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, urxiu a construír unha posición sólida a nivel nacional contra o veto á pesca de fondo e compromete o apoio de Galicia aos recursos xudiciais. O titular do Executivo autonómico, acompañado pola conselleira do Mar, Rosa Quintana, mantivo unha xuntanza cos expertos e xuristas da Fundación MarInnLeg, do Instituto de Estudos Europeos Salvador de Madariaga da Universidade da Coruña e con distintos representantes da frota afectada.

Nese encontro tendeu a man ao sector e lembrou que se trata dun asunto que non só prexudica a Galicia senón tamén a outras comunidades, polo que o recurso estatal está máis que xustificado.

Alfonso Rueda incidiu en que nesta xuntanza se analizaron todas as vías legais dispoñibles para frear este “erro histórico” e o “golpe mortal” que este veto suporía para a frota galega pois afectaría a uns 200 barcos de capital galego de xeito directo e a arredor dun milleiro de xeito indirecto. Por iso, comprometeu todo o apoio da Xunta tanto ao posible recurso do Estado como ás medidas legais que adopten as empresas armadoras pola súa conta.

Nesta liña, o presidente da Xunta lembrou que mañá se celebra unha reunión en Madrid co Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e co sector para analizar as posibles medidas a adoptar ante unha norma que se aprobou sen consultar ao sector e en base a datos parciais e desactualizados, poñendo en perigo artes tan selectivas como o palangre.

Entre as iniciativas que levará a cabo a Xunta, o presidente anunciou que se porá en contacto con Pedro Sánchez para trasladarlle a importancia destas artes de pesca para a actividade e o emprego en Galicia. Ademais, solicitará unha reunión co comisario de Medio Ambiente, Océanos e Pesca, Virginijus Sinkevicius, e o Goberno galego buscará aliados noutras autonomías e rexións europeas afectadas.

Algúns dos aspectos que se destacaron durante a reunión foi que a frota galega afectada realiza unha pesca totalmente sustentable que non é incompatible co coidado do medio ambiente. Ademais, lembraron distintos representantes do sector, non hai informes biolóxicos e socioeconómicos que avalen o veto, feito que amosa a falta de diálogo e de transparencia coa que actuou a Comisión Europea. De feito, incumpriu o seu compromiso de revisar a norma atendendo a novos datos e informes científicos.

Alfonso Rueda tamén salientou durante a súa intervención que o Goberno galego fará todo o posible para que a Comisión Europea rectifique e anule este regulamento que, tras saír publicado onte no Diario Oficial da Unión Europea, entrará en vigor a comezos de outubro deste ano.

“Esta reivindicación parécenos completamente xusta e ademais participamos na aportación de documentación para intentar que non se tomara esta decisión, polo tanto agora temos que actuar con todo convencemento e con todos os medios para intentar revertela”, manifestou.

R., 2022-09-20

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES