Noticias

Galicia analizará todas as vías legais para recorrer a decisión de Bruxelas de vetar a pesca de fondo en preto dun cento de áreas en augas comunitarias

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, anunciou que a Xunta vai analizar todas as vías legais que ten á súa disposición para recorrer a decisión da Comisión Europea de vetar a pesca de fondo en preto dun cento de áreas en augas comunitarias. A representante do Executivo galego explicou durante un acto na Coruña que nos vindeiros días convocará aos representantes do sector e a expertos xuristas da Fundación MarInnLeg e do Instituto de Estudos Europeos Salvador de Madariaga de Universidade da Coruña (UDC) para avaliar as distintas posibilidades e elixir a máis efectiva na defensa dos intereses da frota galega.

Esta cuestión xa fora abordada co sector e con estas dúas entidades en xullo ante o temor a que esta medida se aplicase, un asunto no que é determinante o rango de norma dado por Bruxelas e os detalles do texto definitivo, que se publicará proximamente no Diario Oficial da Unión Europea.

A titular de Mar tamén subliñou que Galicia vai buscar aliados no resto de comunidades autónomas e rexións europeas con intereses pesqueiros así como no Goberno central, que concorda coa comunidade na necesidade de defender á frota. Nesta liña, as actuacións da Xunta van ser ao máis alto nivel e o propio presidente do Executivo galego, Alfonso Rueda, vai solicitar unha reunión co comisario de Medio Ambiente, Océanos e Pesca, Virginijus Sinkevicius, para abordar esta cuestión.

Rosa Quintana lamentou que o Executivo comunitario estea a primar nas súas decisións os aspectos medioambientais sobre os económicos e sociais, en contra do que establece a Política Pesqueira Común, e reprobou a mala fe coa que actuou Bruxelas nestes meses. Fíxoo referíndose á reunión que a directora xeral de Asuntos Marítimos e Pesca (DG MARE), Charlina Vitcheva, mantivo a mediados de xullo en Galicia co sector e coas Administracións galega e española para analizar esta cuestión e na que dixo que se ían revisar os informes e datos dos que dispoñía o Executivo comunitario para suavizar esta situación.

“Sen aportar datos novos nin estudos sobre esta materia, avanzan nunha decisión que semella que xa tiñan tomada antes desa xuntanza”, denunciou a conselleira. “É de sentido común que as agresións ao ecosistema estean prohibidas, pero non temos ningún informe que diga que depositar un anzol dunha arte de pesca de fondo -como o palangre, que é moi selectiva- supoña máis dano ca tirar pedras de grandes dimensións ao fondo do mar sen ningún control, como fixo nos últimos días algunha organización ecoloxista”, aseverou.

Sen aportar informes

Nesta liña, Rosa Quintana cualificou de indignante a actuación de Bruxelas nesta cuestión pois tampouco aportou ditames biolóxicos nin socioeconómicos que sustenten a súa proposta, unha falla de argumentos sólidos que fai que a decisión se estea a adoptar en base a datos parciais e sen actualizar.
A representante da Xunta defendeu que todas as artes de pesca son respectuosas co medio ambiente se se empregan ben e lamentou que o Executivo comunitario dea prioridade novamente ás teses medioambientalistas por enriba das aportadas polos científicos e o propio sector. Por iso, asegurou que Galicia vai traballar sen descanso na defensa dos intereses da súa frota e que esta medida chegue a aplicarse.

A titular de Mar advertiu de que esta medida afecta de xeito directo a arredor de 200 barcos de capital galego e o seu impacto potencial pode chegar ao milleiro de embarcacións, incluíndo as artes menores, ben polo solapamento de zonas de pesca ou pola futura ampliación desta prohibición. “Pode producirse un desprazamento das frotas que estaban traballando nesas áreas a outras próximas nas que faenan outros buques, polo que habería unha sobreexplotación deses caladoiros”, lamentou.

Este tipo de medidas, engadiu, poñen en risco o futuro do sector e pode supoñer a perda de embarcacións e de empregos, unha factura que Galicia non está disposta a asumir. Neste sentido, expuxo Rosa Quintana, España pasou de ter máis de 30.000 buques nos anos 80 a algo máis de 8.000 na actualidade, polo que non pode facer maior esforzo neste sentido.

“Non podemos consentir ter os recursos en niveis de rendemento máximo sustentable e impedir que o sector pesqueiro desenvolva a súa actividade. Se perdemos frota, o día de mañá terceiros países virán a extraer uns recursos que son de todos os cidadáns da Unión Europea”, concluíu a conselleira do Mar.

R., 2022-09-16

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-abanea-2025.jpg) O Festival Abanea celebrará entre o 16 e o 20 de xullo a súa cuarta edición cun programa de danza contemporánea de distintos estilos que distribuirá 15 funcións de nove compañías entre os concellos de Ames, Outes, Marín, Foz e Celanova. ISMO Cultura, colectivo organizador do encontro, estenderá así a súa actividade de exhibición e dinamización ás catro provincias. A bailarina Andrea Castro presentou a primeira fase do espectáculo Lola y los lamentos, como artista seleccionada para o acompañamento bienal 2025–2026 co que o festival apoia procesos de creación de artistas emerxentes e que nesta edición terá como resultado a estrea de 'A mona de seda'.
Foto de la tercera plana (festival-hercules-brass.jpg) As diversas actividades do festival terán lugar do 28 de xullo ao 1 de agosto no claustro do Mosteiro de San Salvador de Celanova. A actuación que inaugurará a cita será a da Banda de Música de Celanova con James Morrison, un concerto único en España que terá lugar ás 20,30 horas. Ademais deste, subirán ao escenario a Boston Brass de Estados Unidos, Abraham Cupeiro coa Orquestra Gaos e pechará a edición o Hércules Brass Ensemble dirixido por Isabel Rubio e coa Boston Brass e Adam rapa como solistas. Así, os concertos complementaranse con cinco días de actividades formativas para un centenar de estudantes procedentes de distintas comunidades autónomas. Clases de alto nivel da man dalgúns dos participantes nas actuacións e un seguimento continuo e individualizado que garante un acompañamento pedagóxico para o alumnado.

Notas

O Campus Sur da USC será entre os días 19 e 21 de setembro o escenario do Festival Internacional Compostela Street, un dos encontros de cultura urbana e deportes extremos con maior impacto no Estado. O evento enmárcase na programación de benvida que a USC lle ofrece cada comezo de curso ao seu estudantado, e brinda os seus espazos para ser punto de encontro deportivo e cultural da mocidade, onde se xuntarán preto de 500 persoas.
230 investigadoras e investigadores noveis e experimentados participan estes xoves en venres no museo Marco de Vigo no 8º Annual Meeting do CINBIO, Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo. Baixo o lema 'Nanotechnology & Biomedicine: where science meets the future', o persoal investigador compartirá os seus coñecementos en ámbitos como a química, a física, nanotecnoloxía e saúde, co obxectivo de visibilizar as novas ferramentas para a medicina do futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES