Noticias

Galicia rexeita a pretensión da Comisión Europea de equiparar as explotacións de vacún de máis de 150 UGM coas grandes industrias en materia de contaminación

A Xunta rexeita a pretensión da Comisión Europea de equiparar, a efectos de control da contaminación, as explotacións de vacún de máis de 150 unidades de gando maior (UGM) coas grandes industrias. Así o manifestou hoxe o conselleiro do Medio Rural, José González -en liña coa postura do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación-, durante a súa participación por videoconferencia no Consello Consultivo de Política Agrícola para Asuntos Comunitarios. O titular de Medio Rural súmase así á postura tamén defendida por outros Estados Membros da UE, caso de Francia, no sentido de que non procede introducir máis restricións á gandería por medio dunha modificación da directiva de emisións industriais.

Neste sentido, José González rexeitou revisar agora a devandita directiva para ampliar o seu ámbito de aplicación a explotacións gandeiras de menor dimensión e ás de vacún, e menos aínda na situación actual derivada da invasión rusa de Ucraína.

Nesta liña, o conselleiro puxo de manifesto que “non se pode tratar do mesmo xeito a gandaría en intensivo e en extensivo, pero tampouco a intensiva con base territorial, que só en Galicia atende unhas 200.000 hectáreas de superficie”. Engadiu que se trata da “sustentabilidade na súa tripla vertente” social, económica e ambiental. José González pediu ademais ao Ministerio que “lidere a defensa da gandaría e da agricultura tradicionais”, remarcou.

No mesmo senso, o conselleiro vinculou esta situación coa falla de apoio do Goberno central -tanto do Ministerio de Agricultura como do de Transición Ecológica- ao proxecto de economía circular para o tratamento dos excedentes de dexeccións gandeiras e a súa conversión en biogás, nun momento no que hai unha necesidade de procurar fontes propias de enerxía, para non ter unha dependencia exterior. Neste contexto, González avogou por acadar unha autosuficiencia alimentaria e insistiu en rexeitar “todos estes requirimentos que lles están poñendo á nosa gandaría e que o único que fan é beneficiar os gandeiros de fóra da Unión Europea, que van ter moitas máis posibilidades de comercializar os seus produtos en territorio comunitario”.

Ademais, o conselleiro puxo de novo en valor o feito de que a sustentabilidade do sector bovino en Galicia está demostrada e as prácticas tradicionais dos nosos gandeiros son moi respectuosas co medio ambiente. Así, cómpre ter en conta que cada explotación ten base territorial asociada, remarcou. Este asunto, engadiu, é moi transcendente, xa que incide na procedencia da alimentación dos animais e no aproveitamento dos xurros como fertilizantes das súas propias terras.

A maiores, González incidiu en que a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia ten precisamente entre os seus obxectivos darlles aos gandeiros e agricultores a base territorial que precisen, impulsando de forma decidida a gandaría en extensivo como mecanismo sustentable de loita contra o abandono, procurando a prevención de incendios forestais e freando a perda de poboación.

Ademais, nesta xuntanza do Consello Consultivo Galicia trasladou que complementou, cun anticipo, as axudas directas do Estado para o vacún de carne, que se van pagar nesta segunda quincena de setembro, por entender que o sector cárnico en xeral e o bovino en particular non foi tratado de maneira axeitada no reparto establecido polo Ministerio.

R., 2022-09-19

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES