Buscador
Noticias
O Colexio de Fonseca da USC é dende este mércores o epicentro da investigación interdisciplinaria en torno ao Camiño de Santiago ao acoller o acto inaugural da primeira edición do Congreso Mundial Xacobeo. Este foro que ata o vindeiro 5 de xuño dará voz a especialistas que abordarán o Camiño dende as ópticas da literatura, a filosofía, o dereito, o patrimonio, a saúde ou a historia, foi inaugurado polo rei Felipe VI, quen subliñou o orgullo que para el supón 'inaugurar unha peregrinación intelectual na que pensadores procedentes de tantos lugares, van enriquecer o gran acerbo Xacobeo'.
A Xunta de Galicia e o Goberno central veñen de acordar conxuntamente o aprazamento estratéxico do último paso na presentación da candidatura do paisaxe cultural da Ribeira Sacra ao Comité do Patrimonio Mundial. Trátase dunha decisión conxunta e consensuada que permitirá fornecer aínda máis candidatura atendendo ás avaliacións e os informes de Icomos, organismo asesor da Unesco no trámite de avaliación das candidaturas. Así o anunciaron hoxe o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o embaixador de España ante a Unesco, Juan Andrés Perelló, tras unha reunión mantida en París.
Carles Fontserè e Camilo José Cela. Nueva York Amarga, comisariada polo director do CGAC, Santiago Olmo, e polo catedrático de Historia da Literatura Española da Universidad de Barcelona, Adolfo Sotelo, busca reconstruír a historia do libro inconcluso Nueva York Amarga, que Cela iniciou co obxectivo de retratar a cidade norteamericana en base ás fotografías realizadas por Carles Fontserè (Barcelona, 1916 - Girona, 2007) e ás cartas que ambos intercambiaron, así como os documentos, informacións e reflexións do catalán sobre a cidade.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, resaltou hoxe que 5.260 establecementos galegos adheríronse ao Bono Activa Comercio posto en marcha para fomentar as compras de proximidade. Os comerciantes tiveron de prazo para formar parte desta iniciativa ata o 31 de maio, manténdose aínda aberto o período para a descarga dos bonos por parte dos clientes. Feijóo destacou que 126.000 galegos xa descargaron o bono para realizar as súas compras nestes dous primeiros meses, incidindo en que esta iniciativa, á que se pode ter acceso a través da web bonosactivacomercio.gal, continúa aberta para os consumidores.
O paro baixou en Galicia e as afiliacións á Seguridade Social e a contratación aumentaron na evolución anual e mensual. Así o destacou hoxe a directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, quen indicou que o mercado laboral galego continúa resistindo á covid 19. Explicou que hai menos paro que ao inicio da pandemia, 26.323 parados menos que en abril de 2020, o que supón un descenso do -13,74%. Na evolución anual, Galicia lidera a caída do paro no Estado cunha baixada do 13,49%, o que supón, ademais, un diferencial de 11,5 puntos coa media de descenso do paro rexistrada en España. Invértese a tendencia negativa do 2020 e baixa o paro por segundo mes consecutivo.
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 2.206, deles 361 son da área da Coruña, 268 da de Lugo, 164 da de Ourense, 248 da de Pontevedra, 662 da área de Vigo, 400 da de Santiago e 103 da de Ferrol. Do total de pacientes positivos, 21 están en UCI, 90 en unidades de hospitalización e 2.095 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 122.396 persoas curadas, rexistrándose 2.420 falecementos. O número de PCR realizadas é de 2.260.108. O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 1.902.299.