Buscador
Noticias
Xulio Ríos, director do Observatorio de la Política China, vén de publicar na editorial Kalandraka un novo volume relativo ao xigante asiático con motivo do centenario da fundación do Partido Comunista (PCCh). Ao longo das súas case 500 páxinas, abórdanse os diferentes períodos históricos que marcan a evolución do comunismo na China, xirando arredor das seguintes oito teses centrais: Primeira, os cen anos do PCCh (1921-2021) trazan unha liña de clara continuidade que abunda na transcendencia do ideal nacional como factor mobilizador principal na súa constitución e desenvolvemento, resolvendo moi inicialmente a súa relación paralela e controvertida co internacionalismo de matriz soviética.
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 3.027, deles 687 son da área da Coruña, 224 da de Lugo, 262 da de Ourense, 478 da de Pontevedra, 898 da área de Vigo, 383 da de Santiago e 95 da de Ferrol. Do total de pacientes positivos, 47 están en UCI, 165 en unidades de hospitalización e 2.815 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 117.347 persoas curadas, rexistrándose 2.391 falecementos. O número de PCR realizadas é de 2.077.554. O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 1.200.554.
O programa 'O país das bandas' levará a cabo preto dun centenar de concertos entre xuño e setembro. Están chamadas a participar todas as bandas galegas, tanto federadas como non federadas, que suman preto de 5.000 instrumentistas, con recitais que se distribuirán por todo o territorio galego. Un terzo do programa será con obras de autoría ou temática galegas. O calendario de concertos que deseñará esta Federación complementará e enriquecerá a oferta cultural do Xacobeo 21-22, sumándose aos actuais circuítos e redes que xa están en marcha ou que se activarán proximamente por parte da Consellería de Cultura, Educación e Universidade: a Rede Galega de Teatros e Auditorios, a Rede Galega de Música ao Vivo, Cultura no Camiño ou FEST Galicia, entre outros.
Galicia defende que as novas ferramentas de control teñan en conta as características do sector e sexan acordes á súa realidade co obxectivo de que non xeren malestar e sexan entendidas polos profesionais da pesca e do marisqueo. Por iso, pide que se mellore o texto durante o proceso de negociación dos trílogos -os debates entre a Comisión Europea, a Eurocámara e o Consello Europeo- para contar cunha normativa adaptada á realidade da frota e que non castigue ao sector.
Nesta edición o festival ofrece catro concertos nunha escolma de mosteiros da Ribeira Sacra, á que se suma para o recital inaugural a igrexa ourensá de Santiago de Caldas, e a proxección dun documental, que terá lugar no Teatro Principal da capital ourensá. Así, o grupo italiano de música medieval Lareverdie abrirá o programa o día 4 de xuño na igrexa de Santiago de Caldas. O día 6, será o pianista catalán Daniel Ligorio quen ofreza un concerto no mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, en Nogueira de Ramuín. O venres 11, no Teatro Principal, proxectarase o documental aragonés Nebra. El triunfo de la música, e, o sábado 12, o festival volverá á Ribeira Sacra co conxunto de música barroca asturiano Forma Antiqva.
A Filmoteca de Galicia centra a programación de maio nos filmes galardoados nos Premios Mestre Mateo, outorgados a comezos do pasado abril, así como nos novos ciclos Esenciais: Eric Rohmer, e Jean-Claude Rousseau: A luz reflectida a través das cousas. Asemade, neste mes, o primeiro que se desenvolve baixo a nova denominación oficial desta entidade da Xunta, continúan exhibíndose outros títulos dentro dos apartados Fóra se serie e Desencadres, así como a Filmoteca Júnior. Todas as sesións terán lugar na sala recentemente bautizada co nome de José Sellier, en homenaxe a esta figura pioneira do cinema en Galicia.