Buscador
Noticias
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos de coronavirus en Galicia ascende a 4.635, deles 990 son da área da Coruña, 533 da de Lugo, 694 da de Ourense, 425 da de Pontevedra, 1.049 da área de Vigo, 675 da de Santiago, e 269 da de Ferrol. Do total de pacientes positivos, 176 permanecen en UCI, 870 están en unidades de hospitalización e 3.589 no domicilio. Polo de agora, en Galicia rexistráronse 435 altas de pacientes e 149 falecementos.
Unha das facetas máis complexas da loita contra o COVID-19 é comprender como se comporta o virus e como pode evolucionar. Con este obxectivo, o grupo de investigación MODESTYA da USC desenvolveu un modelo preditivo do Coronavirus, que está dispoñible nunha
aplicación web interactiva. A ferramenta permite predicir a evolución do virus nun horizonte temporal de tres días, baseándose no seu comportamento nos quince días anteriores. Este modelo de predición de casos futuros serve para coñecer a situación de España, pero tamén do resto de países ou rexións do mundo e por comunidade autónomas dentro do Estado. A base de datos empregada para alimentar esta ferramenta usa os casos diarios confirmados e falecidos por rexión, extraídos da evolución da pandemia en todo o mundo.
Alberto Núñez Feijóo anunciou que Galicia contará cun comité de expertos no ámbito económico para asesorar á Xunta sobre o impacto da crise do COVID-19 e avaliar medidas. Temos que deseñar medidas para a recuperación paulatina da nosa economía, xestionar a emerxencia sanitaria e ir pensando nas semanas posteriores ao levantamento do estado de alarma, abundou. Feijóo subliñou que este comité contará con expertos do ámbito académico, do ámbito da sociedade civil, da sociedade empresarial e con persoas vinculadas ao Círculo de Empresarios de Galicia, ao Foro Económico de Galicia e a Asociación da Empresa Familiar de Galicia, entre outras institucións, e por parte da Xunta estará todo o equipo económico do Goberno.
O Ministerio de Facenda vén de confirmar que Galicia é a comunidade autónoma que mellor pagou as súas facturas durante o ano 2019, tal como mostran os datos do Informe mensual sobre plazos de pago a proveedores y deuda comercial de las Comunidades Autónomas, publicado hoxe. En concreto, o período medio de pago (PMP) de Galicia no conxunto do ano 2019 situouse en 19 días, o que supón o tempo máis baixo das 17 comunidades autónomas. Pola contra, este indicador ascendeu a 37,4 días na media autonómica, o que confirma que Galicia pagou de media as súas facturas na metade de tempo que o conxunto das comunidades. Ademais, Galicia mantívose por debaixo do límite de 30 días que establece a lexislación estatal.
Galicia ten a taxa de letalide máis baixa de todas as comunidades autónomas de España, cun 2,32% respecto da media do estado que é dun 8,86 %. Tan só as cidades autónomas de Ceuta e Melilla teñen unha taxa inferior, cun 1,96% e 1,61% respectivamente. A taxa de letalidade reflicte a porcentaxe de falecidos respecto dos contaxiados. No referido aos últimos datos, a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos de coronavirus en Galicia ascende a 4.379, deles 954 son da área da Coruña, 520 da de Lugo, 660 da de Ourense, 393 da de Pontevedra, 1.018 da área de Vigo, 591 da de Santiago, e 243 da de Ferrol.
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde , pediu hoxe ao Goberno central que rectifique e solicita que transfira a Galicia os 100M que lle corresponden para formación, permitindo, deste xeito, a reactivación do mercado laboral galego unha vez se supere a crise do COVID-19. Coa súa decisión o Executivo estatal racha as oportunidades para que Galicia e o seu tecido produtivo poidan saír da situación actual nas mellores condicións posibles, xa que a mellor política social que se pode desenvolver é unha política de emprego para a que eses 100M son fundamentais de cara a impulsar a formación, xerando oportunidades a empresas e traballadores.
A Cidade da Cultura súmase en maio á celebración do Día das Letras Galegas, dedicado este ano á música, profesora e poeta Luísa Villalta, cunha variada programación divulgativa destinada a dar a coñecer a súa figura e a súa obra a toda a cidadanía. Ao longo do mes das Letras, o Gaiás organiza propostas como unha lectura participativa de poemas, un encontro con rapazada de centros de ensino, unha exposición bibliográfica ou dúas propostas teatrais para público adulto e público familiar. A primeira destas actividades será o mércores 8 de maio, e consistirá nun encontro entre alumnado de dous dos institutos nos que Luísa Villalta se desempeñou como profesora e activista cultural.