Noticias

Galicia contará cun comité de expertos para avaliar o impacto económico da crise do COVID-19

Alberto Núñez Feijóo anunciou que Galicia contará cun comité de expertos no ámbito económico para asesorar á Xunta sobre o impacto da crise do COVID-19 e avaliar medidas. “Temos que deseñar medidas para a recuperación paulatina da nosa economía, xestionar a emerxencia sanitaria e ir pensando nas semanas posteriores ao levantamento do estado de alarma”, abundou. Feijóo subliñou que este comité contará con expertos do ámbito académico, do ámbito da sociedade civil, da sociedade empresarial e con persoas vinculadas ao Círculo de Empresarios de Galicia, ao Foro Económico de Galicia e a Asociación da Empresa Familiar de Galicia, entre outras institucións, e por parte da Xunta estará todo o equipo económico do Goberno.

As súas funcións principais serán a de determinar o impacto da emerxencia sanitaria na economía, a previsión da caída do Produto Interior Bruto, a previsión da diminución dos ingresos vía tributaria de Galicia e do conxunto de España e o impacto que suporá no déficit público. “E, con esta información traballaremos no ámbito do diálogo social, das organizacións sindicais e patronais”, aseverou.

Reforzo das achegas para favorecer a liquidez do sector marítimo-pesqueiro

O presidente do Goberno galego destacou tamén, na rolda de prensa, o reforzo das achegas para favorecer a liquidez da industria do mar.

Con esta iniciativa, as empresas marítimo-pesqueiras poderán garantir o financiamento do tráfico comercial na cadea de abastecemento, mediante préstamos avalados polo Instituto Galego de Promoción Económica para: adianto de facturas, xestión do pagamento das compras; ou pólizas de comercio exterior. E tamén se favorecerá a posibilidade de financiar investimentos en materia de produción.

Así mesmo, a Administración autonómica avalará a achega de créditos a medio e longo prazo -cun tipo de xuro cero-, por parte das entidades financeiras para favorecer a viabilidade das empresas do sector.

Feijóo recordou que esta nova medida inclúese dentro das liñas de axuda que xa están activas e que foron aprobadas no Consello da semana pasada: un total de 30 millóns de euros para que pemes e autónomos poidan mobilizar 250 millóns en préstamos, contribuíndo así a paliar os efectos do coronavirus no tecido empresarial galego.

Unha liña para autónomos e pemes que cubrirá operacións de entre 3.000 e 200.000 euros; e os beneficiarios terán ata 4 anos para amortizar estes préstamos (incluíndo un ano de carencia), facéndose cargo a Xunta dos xuros.

Suspensión do cobro dos alugueiros de abril das vivendas propiedade de Xestur

Por outra banda, Feijóo anunciou tamén a decisión de suspender o cobro dos alugueiros de abril das 64 vivendas propiedade de Xestur e as cotas correspondentes a este mesmo mes polas parcelas industriais que teñen adxudicadas Xestur e o IGVS en réxime de alugueiro ou en dereito de superficie.

O presidente da Xunta aseverou que con esta última decisión, son xa unhas 4.300 as familias galegas que se poden beneficiar das medidas extraordinarias en materia de vivenda.

Impacto da decisión do Goberno de confiscar 100 M€ das políticas de emprego

Por outra banda, o Consello da Xunta avaliou tamén a decisión “inesperada” do Goberno de España de confiscar á Comunidade 100 millóns de euros previstos para políticas activas de emprego.

“Estamos a falar dunha decisión sen precedentes, que invade claramente as competencias autonómicas e totalmente inesperada, xa que nada se dixo nas tres videoconferencias de presidentes”, resaltou Feijóo, quen trasladará ao presidente do Estado a discrepancia de Galicia.

O responsable do Goberno galego aseverou que estes 100 millóns, que están nos presupostos da Comunidade, estaban destinados fundamentalmente a formar a persoas desempregadas, polo que a Administración autonómica non poderá poñer en marcha oito programas de formación pactados cos sectores: un plan específico para o naval, outro para a automoción, outro para o forestal, así como as unidades formativas en empresas.

“En total, 34.000 galegos quedarán sen poder participar nos programas de formación impulsados pola Xunta a consecuencia da retirada unilateral dos fondos da Comunidade autónoma por un importe de 100 millóns de euros”, concluíu.

R., 2020-04-03

Actualidad

Foto del resto de noticias (6coreografas-2026.jpg) A sexta edición de 6coreógrafas acollerá dúas estreas: Trés bien, de Marta Alonso Tejada, un dúo de danza contemporánea de rúa interpretado por María de Vicente e Inés Santos que explora o esforzo de sosterse e permanecer xuntas, e BenQuererme, un solo de de Fran Sieira, que combina danza tradicional e contemporánea para reflexionar sobre o autocoidado emocional e o amor propio. A programación completarase con Suit(e), de Furia Sotelo, un diálogo entre a danza de Nuria Sotelo e o violonchelo de Millán Abeledo, e Bipedestrucción, da compañía navarro-galega Disiden.cia, unha peza de rúa para todos os públicos que aborda desde o humor a identidade, a diversidade e a importancia da comunidade.
Foto de la tercera plana (litoral-pobo.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Goberno autonómico vén de autorizar na reunión desta mañá o envío ao Consello Consultivo de Galicia do decreto polo que se crea o Rexistro de autorizacións e concesións no dominio público marítimo-terrestre (DPMT). 'Isto vai situar Galicia á vangarda en transparencia e xestión do litoral', indicou. 'Imos habilitar un sistema para que a cidadanía poida coñecer en todo momento os usos e autorizacións vixentes na costa galega', salientou o presidente sobre un Rexistro, concibido para incorporar progresivamente as autorizacións e concesións no DPMT e que permitirá sistematizar e ampliar a información dispoñible sobre as actividades autorizadas, o que resulta fundamental para avanzar na planificación, protección e xestión integrada da costa galega así como reforzar a seguridade xurídica das actividades e proxectos.

Notas

Xerardo Quintiá gaña, co poemario Os cantos a Minha Senhor de Donsinda Christensen e baixo o lema «Cantos a Minha Senhor», a XXIV edición do Premio de Poesía Afundación, que a entidade convoca xunto ao Centro PEN de Galicia, á que se presentaron nesta edición un total de 46 obras inéditas. A resolución do xurado, presidido por Luís González Tosar, con Inés Mosquera Calvo como secretaria e vogal, e integrado por César Lorenzo Gil, Teresa Seara e Ismael Ramos Castelo, tivo lugar en Santiago.
As escavacións levadas a cabo este verán na Cova de Eirós, no lugar de Cancelo do concello lucense de Triacastela, e en Monte Penedo permitiron ampliar os períodos de ocupación humana das cavidades á vez que certificar que foron usadas como lugares de enterramento. Concretamente, a escavación do nivel 5 en Cova Eirós confirma a existencia na cova de ocupacións neandertais mais antigas e a realizada en Gruta dos Bloques descubriu a existencia dun enterramento infantil datado na Idade do Bronce.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES