
O paro incrementouse en Galicia en marzo e por iso é tan importante que poidamos dar resposta aos demandantes de emprego. Neste contexto a clave son as políticas activas de emprego, a través da formación e a orientación, explicou Conde e, tras pedir unha rectificación do Goberno, engadiu: Galicia non pode renunciar a eses fondos para 2020, trátase dunha invasión de competencias do Executivo na que as persoas que buscan emprego sairán perdendo por unha mala xestión do Goberno central.
A Xunta seguirá traballando en medidas que axuden a paliar esta situación, como a liña de préstamos para mobilizar 250M no tecido empresarial; o aprazamento das cotas de amortización e xuros; a suspensión de prazos para a presentación de varios impostos; ou dotando de maior liquidez á tesourería para axilizar o pagamento a provedores.
Conde informou esta mañá dos datos de paro rexistrado en marzo e explicou que a pesar de que a Comunidade encadeaba seis anos consecutivos de caída do paro interanual nun mes de marzo e descensos intermensuais desde o 2013, estas series positivas vense alteradas polas consecuencias que a crise sanitaria do COVID-19 está tendo na economía e no emprego.
Deste xeito, Galicia pechou marzo de 2020 con 3640 desempregados máis que hai un ano, o que supón unha suba do 2,13%. Aínda así, o nivel de desemprego é moi inferior ao rexistrado hai once anos, xa que en marzo de 2009 había 211.484 parados fronte aos 174.481 actuais.
A Comunidade, ademais, é a que rexistra un mellor comportamento a nivel estatal, ao ser a rexión na que menos sobe o paro en termos relativos fronte ao 9,01% da media española.
A Comunidade foi capaz de amortecer o máximo posible o impacto do coronavirus, xa que a pesar da suba, trátase do menor aumento interanual tanto relativo como absoluto nun mes de marzo comparado cos incrementos rexistrados nos anos máis duros da crise económica.
A pesar deste contexto de parálise na actividade económica que repercute no mercado laboral galego e que provoca que os datos non sexan representativos da tendencia positiva que rexistraba Galicia a principios deste ano, aparecen datos positivos como o descenso do paro nas cidades de Lugo (-0,98%) e Ourense (-0,03%); no sector primario (-3,57%); e nun dos colectivos prioritarios para a Xunta: os parados de longa duración (-2,18%).
En canto ás afiliacións, aínda que Galicia rexistra un lixeiro descenso do -0,18% (1781 cotizantes menos no último ano), a Comunidade mantense por riba do millón de afiliados (suma xa 13 meses consecutivos). A baixada na media do Estado sitúase no -0,19%.
Nun contexto de enorme dificultade económica e social Galicia ten demostrado que as súas políticas en materia económica e industrial e a estabilidade política e institucional da Comunidade permítenlle ter un comportamento mellor que o conxunto do país, o que nos permite afrontar de mellor forma este impacto, asegurou.
No que respecta á evolución mensual, Conde indicou que o desemprego aumenta un 4,96% con respecto a febreiro sumando un total de 8252 desempregados máis, pero é a Comunidade na que menos sobe en termos relativos. Este aumento concéntrase no sector servizos con 4 de cada 5 novos parados. Pola contra, o sector primario acada un descenso do paro do
-1,31%.
Servizo de Emprego
A Xunta acordou o peche das oficinas do Servizo Público de Emprego de Galicia para a atención presencial, un servizo que se ofrece vía telefónica e telemática para as tramitacións urxentes. Cómpre lembrar que non será necesario renovar a demanda de emprego ata o 30 de abril.
A sexta edición de 6coreógrafas acollerá dúas estreas: Trés bien, de Marta Alonso Tejada, un dúo de danza contemporánea de rúa interpretado por María de Vicente e Inés Santos que explora o esforzo de sosterse e permanecer xuntas, e BenQuererme, un solo de de Fran Sieira, que combina danza tradicional e contemporánea para reflexionar sobre o autocoidado emocional e o amor propio. A programación completarase con Suit(e), de Furia Sotelo, un diálogo entre a danza de Nuria Sotelo e o violonchelo de Millán Abeledo, e Bipedestrucción, da compañía navarro-galega Disiden.cia, unha peza de rúa para todos os públicos que aborda desde o humor a identidade, a diversidade e a importancia da comunidade.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Goberno autonómico vén de autorizar na reunión desta mañá o envío ao Consello Consultivo de Galicia do decreto polo que se crea o Rexistro de autorizacións e concesións no dominio público marítimo-terrestre (DPMT). 'Isto vai situar Galicia á vangarda en transparencia e xestión do litoral', indicou. 'Imos habilitar un sistema para que a cidadanía poida coñecer en todo momento os usos e autorizacións vixentes na costa galega', salientou o presidente sobre un Rexistro, concibido para incorporar progresivamente as autorizacións e concesións no DPMT e que permitirá sistematizar e ampliar a información dispoñible sobre as actividades autorizadas, o que resulta fundamental para avanzar na planificación, protección e xestión integrada da costa galega así como reforzar a seguridade xurídica das actividades e proxectos.