Buscador
Noticias
Esta semana GIRL STEM conversa con Amparo Alonso Betanzos, catedrática de Ciencias da Computación da Universidade da Coruña e investigadora en proxectos de Computación e Intelixencia Artificial. Esta entrevista, realizada pola informática galega e Premio Ada Byron, Luz Castro, salienta que temos que corrixir eivas na intelixencia artificial porque nos ofrece resultados que perpetúan os sesgos de xénero en accións tan cotiás como as traducións automáticas ou os asistentes persoais. Sobre o futuro da intelixencia artificial, a profesora Alonso asegura que a gran revolución vai vir en áreas como a sanidade e o ensino.
Estréase en Vigo 'Cambio de foco', un proxecto de Ártika Cía. en coprodución co Centro Dramático Galego (CDG). A estrea será o día 4, ás 20,30 h. e repetiranse funcións o sábado 5 á mesma hora e o domingo 6 ás 20,00 h. sobre o escenario do espazo homónimo da avenida de Beiramar. Este último día, ao remate da función, desenvolverase unha charla coloquio a cargo da Asociación Pvlse sobre diversidade e identidade de xénero, a temática da montaxe. Tres equipos artísticos de diferentes xeracións e con moi distintos estilos de facer teatro amosan en Cambio de foco a súa visión sobre un mesmo tema.
Galicia incorre anualmente nun coste por xerar titulados que emigran fundamentalmente por cuestións laborais de, como mínimo, 178 millóns de euros ao ano (supondo que os estudantes rematan a súa formación en catro anos), cantidade que se amplía a 311 millóns (se a remata en sete). Esta cifra é unha das destacadas no informe Fuga de talento en Galicia. Mito ou realidade? realizado polo Foro Económico de Galicia, entidade xestionada polo Grupo Gen da Universidade de Vigo.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe unha suavización das restricións que entrarán en vigor ás 00,00 horas do próximo venres e apelou á prudencia para que os reencontros que poden empezar a producirse sexan responsables. Durante a rolda de prensa, xunto ao conselleiro de Sanidade, para dar conta das medidas acordadas no comité clínico, Feijóo destacou que, entre as principais novidades: permitirase a interacción social entre persoas non conviventes, aínda que en diferente número -máximo de 4 ou de 6- dependendo da situación en cada zona; e abrirase a hostalería, tamén gradualmente e con limitacións segundo os indicadores.
Galicia situouse como a terceira comunidade na que menos subiu o paro con respecto a novembro de 2019. A directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, valorou hoxe os datos do paro rexistrado destacando que o desemprego aumentou en todas as comunidades na evolución anual e que o incremento rexistrado en Galicia (13,17%) é máis de sete puntos inferior á media de subida do Estado (20,42%). Lado apuntou, ademais, que pese a que a pandemia está a impactar no mercado laboral galego, Galicia conta con 4.157 parados menos que ao inicio do impacto da covid-19.