Archivo (6 del 2019)

Buscador

Noticias

O mercado Galicia Escena PRO desenvolverá mañá a segunda das súas catro xornadas de actividade coa incorporación ao programa dos Cafescena, deseñados co obxectivo de propiciar as conversas e o intercambio profesional entre os máis de 150 axentes culturais inscritos este ano. Esta é unha das novas iniciativas de networking deste evento, que se celebra en Santiago ata o vindeiro xoves. O Hotel Costa Vella será o escenario onde se lles servirán aos asistentes estes Cafescena, durante os que se abordarán diferentes cuestións que lle afectan directamente ao sector. Baixo o título Os protocolos necesarios para a exhibición de teatro para a infancia e a xuventude, no de mañá analizaranse as prácticas promovidas pola asociación Te Veo.
Se a poboación dunha pequena cidade medrase de xeito rápido e desproporcionado, a consecuencia natural sería que os servizos básicos (como a auga, o saneamento ou mesmo os alimentos dispoñibles) non alcanzarían a cubrir as necesidades de tódolos seus habitantes. Algo semellante ocorre cando as células tumorais penetran un tecido: a seu indesexada presenza provoca un incremento substancial no consumo de nutrientes e osíxeno, o que fai inabarcable a subministración desde os vasos sanguíneos a toda a poboación de células asentadas no tecido invadido. Malia todo, as células tumorais conseguen sobrevivir aproveitando certos mecanismos dos que dispón o organismo, grazas aos cales poden aumentar o número de vasos e obter así os nutrientes e o osíxeno que precisan.
Tivo lugar en Tui o concerto da sétima edición de No Bico un Cantar no que preto de 560 rapazas e rapaces acompañados duns 50 docentes lle renderon homenaxe á tradición musical da Raia. A vindeira edición renderá homenaxe á Xeración Nós e terá lugar na provincia de Ourense. O recoñecido pianista e director Maximino Zumalave repetiu como responsable artístico do proxecto. Canda el, tamén volveu participar o grupo de metais Hércules Brass, un quinteto de diferentes instrumentos, ao que se incorporou un músico para conformar un sexteto. Como mantedora do programa a estivo outro ano máis a escritora Rosa Aneiros. No recital participaron alumnas e alumnos dos 7 conservatorios profesionais de Galicia.
O programa deste ano articúlase arredor da exhibición dos 20 espectáculos en cartel, entre os que se atopan dúas estreas absolutas e outras dúas montaxes de teatro de rúa, e unha programación exclusivamente profesional que inclúe unha sesión de pitching de proxectos e varios momentos pensados especificamente para favorecer o networking, como os novos Cafescena e Noitescena PRO. E como en anos anteriores, o público terá a oportunidade de gozar destas propostas de xeito gratuíto. Ademais, este ano Galicia Escena PRO farase sentir nas rúas coa representación de OhLimpiadas!, da compañía galega Sincronacidas, na praza de Cervantes, e de Femmes, da vasca Hortzmuga Teatroa, na Quintana.
Concédese esta distinción a aqueles galegos e galegas cuxa obra, en calquera faceta da actividade humana, se considera merecedora do recoñecemento de toda Galicia. Marisa Crespo dirixe a Unidade de Insuficiencia Cardíaca e Transplante Cardíaco no CHUAC. Teresa Portela é unha piragüista que compite na modalidade de augas tranquilas. As redeiras de Galicia son profesionais que se dedican á confección, reparación e mantemento de artes e aparellos de pesca. Jeanne Picard fundou Stop Accidentes España despois de que un dos seus fillos falecese nun accidente de tráfico. E Benedicta Sánchez é unha das actrices da película O que arde, de Óliver Laxe, galardoada en Cannes.
Os galegos Davide Salvado e Fernando Barroso actúan este sábado 8 no encontro SoL Madrid, evento profesional arredor do negocio da música que arranca hoxe na capital de España. Ambos ofrecerán cadanseu showcase no Impact Hub Piamonte, onde se presentarán baixo a marca GalicianTunes On Tour diante dun exclusivo grupo de programadores de festivais, axencias de contratación e medios de comunicación de 11 países: Arxentina, Chile, Colombia, Corea, Emiratos Árabes, EE.UU., Holanda, México, Noruega, Reino Unido e Suíza. Definido pola organización como evento boutique, SoL Madrid inaugúrase esta noite no Costello Club e a súa actividade continuará ata o sábado en diferentes espazos da cidade.
As Torres Hejduk da Cidade da Cultura de Galicia acollen desde hoxe ata o 18 de agosto Plástico a mareas, unha instalación artística de María José Arceo para alertar da alta contaminación que producen estes refugallos na contorna natural. María José Arceo realizou a intervención a partir de refugallos deste material recollidos da costa galega e do río Sar en Compostela, a súa cidade natal, aínda que vive desde 1984 en Londres. Deste xeito, a artista desprazouse durante o mes de maio a Galicia para realizar limpezas en praias, de xeito individual ou con colectivos, como un de persoas con discapacidade intelectual que asistiron hoxe á inauguración.
O mes de maio caracterizouse en Galicia por ser moi seco e estivo marcado por episodios con temperaturas máximas moi elevadas, polo que en xeral pode considerarse no conxunto da comunidade como un mes cálido. Estas son as principais conclusións do avance do informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia, no que se comparan os rexistros de temperatura e chuvia do mes pasado cos do período histórico de referencia 1961-2019. Deste xeito, a principal singularidade meteorolóxica de maio foi a escaseza de chuvias que se rexistraron con carácter xeral na comunidade.
A misión comercial lévana a cabo 43 empresas, o Clúster do Naval de Galicia (Aclunaga), a Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia (Asime), e a Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía, co obxectivo de potenciar alianzas estratéxicas que contribúan a incrementar a competitividade e a proxección exterior do sectores naval e metal. As empresas e agrupacións empresariais que forman parte da delegación están a ter reunións con armadores e estaleiros noruegueses, entre outros, co obxectivo de atopar novas vías de investimento e colaboración e avanzar acordos comerciais de cooperación, ao tempo que se incrementa o prestixio a nivel mundial da industria naval e do metal galegos.
Deuse a coñecer aos oito gañadores da décima edición dos Premios Agader ás iniciativas de desenvolvemento rural. En total son oito os proxectos seleccionados que recibirán un premio de 10.000 euros cada un, cifra que deberán reinvestir na iniciativa gañadora co obxectivo de realizar melloras, apostar pola conservación ou executar actuacións complementarias. Os galardóns entregaranse o vindeiro 21 de xuño no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude (Boqueixón). Na categoría de proxectos culturais e de recuperación patrimonial do medio rural, o premiado foi a Fundación Eduardo Pondal, de Ponteceso, pola promoción da cultura a través da figura de Eduardo Pondal, co desenvolvemento de programas favorecedores do patrimonio material e inmaterial.
« Anterior | 5  de  6 | Siguiente »

Archivo

2025 (285)

2024 (514)

PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES