Noticias

Marisa Crespo, Teresa Portela, Jeanne Picard, Benedicta Sánchez e as redeiras de Galicia, galardoadas coa Medalla Castelao 2019

Concédese esta distinción a aqueles galegos e galegas cuxa obra, en calquera faceta da actividade humana, se considera merecedora do recoñecemento de toda Galicia. Marisa Crespo dirixe a Unidade de Insuficiencia Cardíaca e Transplante Cardíaco no CHUAC. Teresa Portela é unha piragüista que compite na modalidade de augas tranquilas. As redeiras de Galicia son profesionais que se dedican á confección, reparación e mantemento de artes e aparellos de pesca. Jeanne Picard fundou Stop Accidentes España despois de que un dos seus fillos falecese nun accidente de tráfico. E Benedicta Sánchez é unha das actrices da película O que arde, de Óliver Laxe, galardoada en Cannes.

O Consello da Xunta aprobou o decreto polo que se concede esta distinción a aqueles galegos e galegas cuxa obra, en calquera faceta da actividade humana, se considera merecedora do recoñecemento de toda Galicia. Estas distincións serán entregadas, como cada ano, o vindeiro 28 de xuño.

MARISA CRESPO

Nada no Concello ourensán de Cea en 1961. Estudou Medicina na Universidade de Santiago de Compostela e é especialista en Cardioloxía pola Clínica Puerta del Hierro de Madrid. Obtivo o doutorado pola Universidad Autónoma de Madrid. Desde 1993 traballa no Servizo de Cardioloxía do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, onde actualmente dirixe a Unidade de Insuficiencia Cardíaca e Transplante Cardíaco.

É profesora titular de Medicina na Universidade da Coruña. Ademais, coordina o Grupo de Investigación de Insuficiencia Cardíaca Avanzada e Transplante Cardíaco do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña; é xefe de grupo no CHUAC do Centro de Investigación Biomédica en Red Cardiovascular; e é a coordinadora do Rexistro Español de Tumores post-transplante cardíaco. Tamén exerce responsabilidades en distintas sociedades científicas.

TERESA PORTELA

Nada no Concello de Cangas do Morrazo en 1982, é unha deportista que compite en piragüismo, concretamente na modalidade de augas tranquilas. Os valores do seu esforzo, a constancia e a superación foron claves na súa traxectoria.

No seu palmarés conta con 14 medallas no Campionato Mundial de Piragüismo entre o 2001 e o 2015. Tamén obtivo 17 medallas no Campionato Europeo de Piragüismo entre o 2001 e o 2013. Ademais, participou en 5 Xogos Olímpicos de verán entre os anos 2000 e 2016 nos que obtivo 5 diplomas.

REDEIRAS DE GALICIA

As redeiras de Galicia son profesionais que se dedican á confección, reparación e mantemento de artes e aparellos de pesca. Actualmente esta profesión, que desenvolven nun 84% mulleres, está envellecido por falta de remuda xeracional.

En Galicia existen 8 asociacións que agrupan a case 150 redeiras dos portos de Cariño, Cedeira, Corme, Malpica, Cambados, Portosín, Cangas e A Garda. A maioría agrúpanse na Federación Galega de Redeiras Artesás “O Peirao”, que ten entre os seus obxectivos o de visibilizar o traballo das redeiras, loitar contra a intrusión laboral ou garantir a remuda xeracional.

JEANNE PICARD

Nada en París en 1943, vive en España desde 1963. Fundou Stop Accidentes España despois de que no ano 2000 un dos seus tres fillos falecera aos 33 anos nun accidente de tráfico ao ser embestido o seu vehículo por outro coche.

Actualmente é a secretaria e delegada de Stop Accidentes en Galicia, que creou xunto con outras nais que se atopaban na súa mesma situación. Entre os obxectivos da entidade están: a prevención da violencia viaria en todas as súas formas para conformar un espazo de diálogo e debate coas institucións; prestar apoio e asesoramento ás vítimas e ás súas familias, optimizar as reivindicacións e crear iniciativas que impulsen a cultura da seguridade viaria.

BENEDICTA SÁNCHEZ

Naceu no Concello do Corgo, en Lugo, hai 83 anos. É unha das actrices da película O que arde, de Óliver Laxe, recentemente galardoada no Festival de Cannes. Ata a súa participación neste filme nunca antes actuara ante unha cámara nin fixera cine, aínda que sempre tivo interese pola cultura.

Foi boa estudante, aínda que tiña que compaxinar ese traballo co coidado das vacas e ovellas da casa, e encantáballe ler. Tras emigrar a Brasil, volveu a España coa súa filla, que foi quen a animou a presentarse ao cásting para a película. No Festival de Cannes posou ante os fotógrafos e bailou unha muiñeira amosando a nosa cultura nun dos festivais máis prestixiosos do mundo.

R., 2019-06-06

Actualidad

Foto del resto de noticias (programacion-karmica-2026.jpg) O calendario de Programación Kármica arranca este 25 de setembro con Taïn na Sala Guión de Pontedeume. A seguinte cita será o 16 de outubro, con Camellos e Cora Yako en La Conservera de Viveiro, mentres que o 24 de outubro actuarán Javier Lago e Santi Araújo na Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro. O ciclo chegará precisamente á sala que acolle hoxe a súa presentación, A Cofradía de Vilanova de Arousa, o 27 de novembro, coas actuacións de Montedapena e Nuntia. O programa de 2026 pecharase o 26 de decembro na Pousada da Galiza Imaxinaria con Portosanto e Hermanos Visi.
Foto de la tercera plana (hoteis-galicia.jpg) O Instituto Nacional de Estatística (INE) publicou este martes os datos da enquisa de ocupación hoteleira na comunidade galega, que revelan que os hoteis e pensións galegas ingresaron nos oito primeiros meses do ano 334,7 millóns de euros, que revelan un incremento do 6,6% con respecto ao mesmo período do pasado ano. A rendibilidade hoteleira medra nos oito primeiros meses do ano o 7,5%. Só no mes de agosto, o sector tivo uns ingresos de 92,4 millóns de euros que se traducen nunha suba do 8,8% con respecto ao mesmo mes do ano pasado. Por primeira vez supérase a barreira dos 90 millóns de euros de ingresos no mes de agosto rexistrando un máximo histórico.

Notas

O luns 28, Día Internacional do Dereito a Saber, arranca na Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela (USC) a XI edición do Congreso Internacional de Transparencia e Bo Goberno (CIT), que se prolongará ata o martes 29 co apoio institucional da Xunta de Galicia, o Consello de Contas e o Consello Consultivo, entre outras institucións e organismos.
137 traballos científicos elaborados por preto de 260 autores vinculados a 52 institucións académicas e de investigación de máis dunha ducia de nacionalidades. A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da UVigo acollerá o 1 e 2 de outubro, o ITC’26, 18º Congreso Internacional de Turismo, un encontro académico e profesional no que se reunirá persoal investigador, docente e experto en turismo transfronteirizo procedente de catro continentes.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES