Buscador
Noticias
O D.O.G. ven de publicar a primeira liña de apoio técnico e económico aos concellos para que elaboren plans de emerxencia fronte á seca que permitan garantir o abastecemento de auga á poboación. Con esa medida quérese fomentar a prevención e a anticipación, tendo en conta que ningún municipio galego conta cun plan deste tipo e que o episodio de seca de 2017 evidenciou a vulnerabilidade dos sistemas de abastecemento.
Durante o acto de entrega das Bandeiras Azuis 2019, Feijóo aseverou que a Xunta seguirá traballando para garantir o máximo respecto polo medio sen facelo incompatible cunha explotación racional, lembrando que nos últimos tempos dotouse á Comunidade de instrumentos normativos para preservar a paisaxe e fomentar un desenvolvemento sustentable e racional como: o Plan de ordenación do litoral, as directrices de ordenación do territorio, a Lei do Solo, ou o Catálogo das paisaxes de Galicia.
Un texto do noso colaborador Armando Requeixo, publicado en Galicia Digital o 8 de febreiro de 2019, formou parte do temario das recentes probas de selectividade, como opción B de Lingua Galega e Literatura II. Nel, refírese á obra de Sinclair Lewis (1885.1951), "It Can't Happen Here" ("Iso non pode pasar aquí"). Para Galicia Digital foi sorpresa grata atopar no temario da Selectividade esta referencia á publicación en "Opinion" do artigo do escritor e profesor Armando Requeixo, que evidencia o seu bo facer no mundo da literatura e do comentario de actualidade.
A convocatoria aberta de proxectos O Teu Xacobeo impulsará 352 iniciativas de dinamización en máis dun cento de concellos de toda Galicia. O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e a comisaria do Xacobeo 21, Cecilia Pereira, anunciaron a resolución deste proxecto que conta cun investimento de 4,7 millóns de euros por parte da Xunta e permitirá mobilizar preto de nove millóns de euros en todo Galicia, ao longo deste 2019 e ata abril do 2020.
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, recibiu á directora xeral de Saúde Pública do Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social, Pilar Aparicio e á directora da Axencia Española de Consumo, Seguridade Alimentaria e Nutrición (Aecosan), Marta García, con motivo da xuntanza da Comisión institucional de Asan celebrada en Santiago.[FOTO]
Neste encontro aprobáronse varios documentos técnicos para harmonizar a aplicación de determinados criterios nos controis oficiais en todas as comunidades autónomas, como os relacionados coa cadea de produción do atún conxelado ou a prevención do anisakis entre outros.
A Rede Galega de Música ao Vivo, que conta actualmente con 20 salas de 14 localidades, achégalle ao público unha oferta de 199 concertos de 54 solistas e grupos, maioritariamente galegos. A súa actividade anual súmase á doutros tres circuítos de espectáculos (Rede Galega de Teatros e Auditorios, Rede Galega de Salas e Cultura no Camiño) no sentido de favorecer a circulación dos espectáculos escénicos e musicais producidos en Galicia, ademais de lle achegar á cidadanía unha oferta cultural ampla, descentralizada, plural e aberta. Os carteis ofrecidos por estes locais reflicten unha gran variedade de estilos, que van do rock e pop ao jazz, pasando pola canción de autor, o folk ou o punk.
O primeiro premio da VI edición do certame Inventa en galego recaeu no IES Eduardo Blanco Amor de Culleredo por unha serie de apps centradas na empresa que foron titorizadas polo profesor Ángel Acción e elaboradas por alumnado de primeiro de bacharelato deste centro: Esencial, orientada aos servizos que fan máis simple a vida dos anciáns e anciás; BachtoMusic, pensada para a venda de partituras e instrumentos musicais ou para a reserva de estudos de gravación; CicloFood, aplicación de pedimento de comidas a domicilio, e Todo deporte, que permite ofrecer material deportivo. O segundo premio do concurso recaeu no IES Ramón Menéndez Pidal pola app A Tribuna do alumnado e mais por un conxunto de 11 apps de axuda a persoas con discapacidade.
A elaboración da ECG21 baseouse nun proceso aberto e participativo que favorecese o debate propositivo e a fixación de liñas, obxectivos e medidas de actuación por parte dos profesionais e empresas culturais, das institucións, das entidades de base e do asociacionismo cultural, para desenvolver unha estratexia da cultura como servizo público, industria cultural e elemento de identidade e cohesión social. En concreto, 490 persoas interviñeron nas xuntanzas territoriais realizadas nas sete cidades galegas e nos oito grupos de traballo sectoriais que xiraron ao redor do Libro, o Audiovisual, as Artes escénicas, a Música no eido da difusión da cultura, a Música como Industria cultural, as Artes plásticas e visuais, o Patrimonio cultural e as Institucións culturais.
A Materioteca de Galicia está concibida como a biblioteca de materiais de Galicia e será de libre acceso para deseñadores, enxeñeiros, arquitectos, tecnólogos e demais profesionais implicados no desenvolvemento de solucións innovadoras para retos empresariais, así como estudantes destas especialidades. Trátase dun espazo de difusión de materiais innovadores que combina unha exposición e arquivo de mostras clasificadas con servizos especializados para facilitar ás empresas o coñecemento de novos materiais. Os obxectivos da materioteca son dar visibilidade a novos materiais innovadores desenvolvidos en Galicia e ofrecer un espazo de inspiración aos profesionais involucrados no desenvolvemento de solucións innovadoras.
Trátase do primeiro compendio publicado na nosa comunidade que contén exclusivamente datos estatísticos forestais. A elaboración deste anuario responde ao establecido pola normativa, xa que a propia Lei de montes de Galicia dedica un artigo enteiramente á estatística forestal. O grupo de traballo para a revisión do Plan Forestal de Galicia, creado no seo do Consello Forestal, estableceu unhas directrices ao respecto da importancia de dispor de estatísticas e información fiable e actualizada sobre a realidade do monte galego. O Anuario inclúe información completa e detallada sobre a estrutura da propiedade forestal, así como sobre a ordenación e xestión forestal, repoboacións, tratamentos silvícolas, loita biolóxica contra diferentes doenzas e pragas e producións forestais.