Noticias

Galicia conta co seu primeiro anuario de estatística forestal con datos sobre este sector actualizados a 2018

Trátase do primeiro compendio publicado na nosa comunidade que contén exclusivamente datos estatísticos forestais. A elaboración deste anuario responde ao establecido pola normativa, xa que a propia Lei de montes de Galicia dedica un artigo enteiramente á estatística forestal. O grupo de traballo para a revisión do Plan Forestal de Galicia, creado no seo do Consello Forestal, estableceu unhas directrices ao respecto da importancia de dispor de estatísticas e información fiable e actualizada sobre a realidade do monte galego. O Anuario inclúe información completa e detallada sobre a estrutura da propiedade forestal, así como sobre a ordenación e xestión forestal, repoboacións, tratamentos silvícolas, loita biolóxica contra diferentes doenzas e pragas e producións forestais.

Galicia conta xa co seu primeiro Anuario de Estatística Forestal, con datos actualizados a 2018, editado pola Xunta a través da Consellería do Medio Rural. O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luís Chan, compareceu hoxe a petición propia na Comisión 7ª do Parlamento para dar conta deste documento. Trátase do primeiro compendio publicado na nosa comunidade que contén exclusivamente datos estatísticos forestais. O director xeral explicou que a elaboración deste anuario responde ao establecido pola normativa e concretou que a propia Lei de montes de Galicia dedica un artigo enteiramente á estatística forestal. En parecidos termos, José Luis Chan indicou que o grupo de traballo para a revisión do Plan Forestal de Galicia, creado no seo do Consello Forestal, estableceu unhas directrices ao respecto da importancia de dispor de estatísticas e información fiable e actualizada sobre a realidade do monte galego.

Así mesmo, o director xeral advertiu que a comisión parlamentaria creada tras a vaga de lumes de 2017 incorporou no seu ditame definitivo medidas concretas neste sentido. Entre elas, a creación dun sistema de información estatística forestal de Galicia, como mecanismo que permita facer diagnoses adecuadas e que facilite a toma de decisións de políticas públicas ou empresariais relacionadas co sector. Asemade, outra das actuacións demandadas no devandito ditame consistía en diferenciar, dentro da consellería, as competencias sobre ordenación e planificación forestal, por un lado, e sobre prevención e defensa contra incendios, por outro. Neste contexto levouse a cabo a separación de ditas funcións en dúas direccións xerais distintas. Unha delas, a de Planificación e Ordenación Forestal, ten entre as súas funcións, precisamente, a de velar polo coñecemento do medio forestal baseado nunha información estatística actualizada.

O Anuario presentado hoxe inclúe información completa e detallada en relación coa estrutura da propiedade forestal en Galicia, así como sobre a ordenación e xestión forestal, repoboacións, tratamentos silvícolas, loita biolóxica contra diferentes doenzas e pragas e producións forestais. En relación con estes últimos, o estudo incorpora datos sobre aproveitamentos madeireiros, de pastos ou micolóxicos. Por último, a publicación de Medio Rural compendia as empresas do sector, tanto aquelas provedoras de material forestal de reprodución como de servizos forestais e de aproveitamento e transformación de madeira.

Sector lácteo

Por outra banda, o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, insistiu na necesidade de que as organizacións de produtores lácteos se activen para defender con eficacia os intereses dos gandeiros na negociación dos prezos. Fíxoo en resposta a unha pregunta sobre o sector, na que debullou as diferentes actuacións levadas a cabo pola Xunta para o seu impulso e para mellorar a rendibilidade das explotacións. Neste sentido, destacou a posta en marcha da Mesa do Leite como órgano mixto Administración-cadea de valor que pretende determinar o plan estratéxico para este eido produtivo con todos os seus elos.

Ademais, Balseiros destacou que a produción galega medrou nos últimos anos de xeito significativo. O director xeral sinalou tamén que a implantación en Galicia de importantes industrias de transformación que están á vangarda de Europa e que permitirán transformar o noso leite con alto valor engadido. Lembrou ademais os aproximadamente 80 millóns de euros en axudas ao sector lácteo para mellor as súas explotacións, fomentar a incorporación de mozos e promover a transformación e comercialización do produto, así como os arredor de 170 millóns anuais que xestiona a consellería en achegas da PAC no sector do vacuno.

Vendima en Monterrei

Pola súa banda, o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Manuel Rodríguez, fixo unha valoración moi positiva da última vendima na Denominación de Orixe Monterrei, que segundo explicou foi a mellor da historia en termos cuantitativos desta zona, con case 5,6 millóns de uva recollida. Engadiu ademais que, partindo das condicións óptimas da materia prima, favorecidas polas boas condicións climáticas e o bo facer dos enólogos, é de agardar que os viños de Monterrei desta colleita de 2018 sexan dunha excelente calidade.

Por último, a secretaria xeral Técnica da consellería, María Jesús Lorenzana, explicou os plans deste departamento para mellorar o servizo que prestan as oficinas agrarias comarcais, uns traballos que –dixo– xa comezaron este ano, cunha planificación para toda a rede de centros espallados por toda Galicia.

R., 2019-06-19

Actualidad

Foto del resto de noticias (radio-na-biblio.jpg) O programa Radio na Biblio, que vai polo noveno ano en funcionamento, chega este curso a 245 centros de ensino que contan cun laboratorio de radio no que traballan as competencias vencelladas á alfabetización mediática, lingüísticas ou de expresión escrita e oral, entre outros. Con nove cursos en marcha, trátase dun programa consolidado que aproveita a posta en marcha dunha emisora de radio na biblioteca para traballar habilidades e destrezas e que permite o tratamento de contidos curriculares mediante metodoloxías activas e innovadoras que facilitan a aprendizaxe. Ademais, as actuais tecnoloxías da información e da comunicación facilitan o uso da radio como ferramenta pedagóxica de gran alcance para a difusión dos proxectos e iniciativas do centro educativo.
Foto de la tercera plana (aitor-martinez.jpg) Tivo lugar a na cerimonia de entrega dos XVIII Premios Nacionais de Artesanía 2025, na que resultaron premiadas dúas candidaturas galegas. O artesán Aitor Martínez López de Arbina (Tomiño), especializado en tornería de madeira, resultou gañador na categoría Produto e a Fundación Artesanía de Galicia obtivo o recoñecemento na categoría Promociona para Entidades Públicas polo seu proxecto 'Artesanía no Prato'.

Notas

O encontro 'Tecnoloxía en galego: resultados de ILENIA– Proxecto Nós' serviu para dar a coñecer os resultados dos últimos tres anos de traballo do Proxecto Nós no marco de ILENIA, unha iniciativa orientada a avanzar en recursos e capacidades en tecnoloxías lingüísticas, en particular para as linguas do Estado. Datos, casos de uso e ferramentas abertas de tradución automática, síntese de voz e modelos lingüísticos en galego déronse a coñecer neste foro que se desenvolveu no Centro de Estudos Avanzados.
O Centro de Arte Fundación Maria José Jove (FMJJ) en colaboración con Normal, o Espazo de Intervención Cultural da Universidade da Coruña (UDC), celebran hoxe xoves a terceira edición do encontro Dentro–Fora, que se enmarca no programa de residencias artísticas que ambas as institucións desenvolven conxuntamente.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES