Archivo (5 del 2019)

Buscador

Noticias

Galicia presentou esta mañá en Madrid o proceso de avaliación da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia ante representantes doutras Comunidades Autonómas no marco dunha xornada organizada pola Red I+D+i, coordinada polo Centro para el Desarrollo Tecnológico Industrial (CDTI) e dependente dos ministerios de Facenda e de Ciencia, Innovación e Universidades. As Estratexias de Especialización Intelixente son a folla de ruta das rexións europeas para avanzar na súa competitividade, crecemento económico e emprego a través da innovación e un requisito imprescindible para acceder aos fondos de cohesión da Unión Europea no período 2014-2020.
O último informe sobre 'Prazos de pago a provedores e débeda comercial das Comunidades Autónomas', publicado polo Ministerio de Facenda con datos referentes ao mes de marzo, mostra que Galicia pechou o primeiro trimestre do ano sendo a segunda comunidade autónoma que paga con máis axilidade as súas facturas, xa que acadou un período medio de pago de 15,8 días, o segundo máis baixo de toda España, por detrás de Andalucía. Os datos oficiais da Administración do Estado indican que o período medio de pago de Galicia mantívose 14,2 días por debaixo do límite que establece a normativa estatal, que é de 30 días.
A Cidade da Cultura de Galicia festexará o Día Internacional da Música, que se celebra o 21 de xuño, cun concerto da mítica banda galega Os Resentidos, na Praza Central do Gaiás, actuación de entrada libre e de balde. Os Resentidos teñen no seu haber un currículo de máis 30 anos de carreira musical que lles deron para publicar sete LPs, un EP compartido con Siniestro Total, un recompilatorio e conseguir o fito de situar como gran hit en España un tema en galego, Fai un sol de carallo, nunha época (1986) en que eran moi poucos grupos en Galicia que cantaban no noso idioma. Críticos, inconformistas, irreverentes, indignados.... Así o recollen unhas letras radicais e comprometidas coa realidade do seu tempo.
'Elisa e Marcela', a película de Isabel Coixet producida pola compañía compostelá Zenit TV chega esta fin de semana ás salas de cine despois de ter desenvolvido maioritariamente unha rodaxe en localizacións galegas e de xerar máis de 1,5 millóns de euros na contratación de equipos e profesionais do noso sector audiovisual. A filmación supuxo 13 xornadas de rodaxe en Galicia, das 23 desenvolvidas, o que equivale a máis do 56% do período de gravación. Durante este tempo, contratáronse máis de 200 persoas entre persoal artístico, técnico e de figuración en 191 convocatorias de traballo. A fita, que conta a historia das dúas mulleres que casaron na Coruña en 1901 —no considerado como primeiro matrimonio homosexual de España— está protagonizada por Natalia de Molina e Greta Fernández.
A lingua galega escoitouse por vez primeira desde as pantallas de cinema do Festival de Cannes na estrea este mediodía da película de Oliver Laxe O que arde, coa que foi seleccionado para competir na sección Un Certain Regard, que o certame francés lle dedica a obras con olladas cinematográficas orixinais e diferentes. O que arde conta a historia de Amador, quen regresa á casa da súa nai nunha pequena aldea escondida nas montañas da Galicia rural despois de cumprir condena por ter provocado un incendio forestal. Alí a vida pasa paseniño, ao ritmo que marca a natureza, ata que unha noite se declara un incendio devastador. A idea da película xurdiu a partir dunha iniciativa do Máster en Documental de Creación da Universidad Pompeu Fabra de Barcelona, co que colabora Oliver Laxe.
Os reitores das tres universidades galegas, Antonio López, Julio Abalde e Manuel Reigosa e o vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, asinaron os seus respectivos convenios para o desenvolvemento de medidas do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. En virtude destes acordos as universidades desenvolverán medidas previstas no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. Así, porán en marcha actuacións relacionadas coa sensibilización e prevención, e coa visualización e atención a outras formas de violencia contra as mulleres. Esta nova colaboración complementa o traballo que xa viñan desenvolvendo as Universidades a través das súas Oficinas de Igualdade e o resto de actuacións que xa executaban en colaboración coa Xunta, como as xornadas contra a violencia sexual.
Celebrouse hoxe a presentación do proxecto sobre seguridade aérea Galician Skyway-Civil UAVs Initiative, que a multinacional Boeing desenvolverá no polo aeroespacial de Galicia, en Rozas. Trátase dun proxecto froito do traballo dunconsorcio composto por: ENAIRE, dependente do Ministerio de Fomento; INTA, dependente do Ministerio de Defensa; o centro tecnolóxico galego GRADIANT; a multinacional tecnolóxica galega TELEVÉS; CENTUM, unha startup tecnolóxica galega especializada en telecomunicacións; SOTICOL, unha empresa de base tecnolóxica que xurde na Universidade de Alcalá; e a Xunta.
A sétima edición de Galicia Escena PRO inclúe no seu programa tres espectáculos procedentes de Madrid, Cantabria e País Vasco dentro das vías de colaboración abertas tanto con MADferia como co proxecto Camiño Escena Norte. Trátase das propostas de Rotura Producciones, Café de las Artes Teatro e Hortzmuga Teatroa, que compartirán cartel cos 17 espectáculos galegos e os 10 proxectos en formato pitching seleccionados para esta nova entrega do evento. Refórzase así o programa de intercambio con outras comunidades autónomas que Galicia Escena PRO puxo en marcha en 2016 e que, ademais de presentar en Galicia unha mostra da produción escénica doutros puntos de España, facilita a incorporación de compañías galegas nos carteis dos eventos colaboradores.
O obxectivo deste programa é que o alumnado mellore as súas competencias en linguas estranxeiras nun contexto de convivencia diaria nunha contorna familiar. Un total de 26 centros públicos galegos e 416 alumnas e alumnos participarán este curso nesta iniciativa. A convocatoria está dirixida a alumnado que curse 3º e 4º de ESO en centros de ensino públicos galegos que teñan desenvolvido algunha iniciativa de intercambio -ou teñan previsto facelo- entre o 1 de xaneiro e o 30 de xuño de 2019. O idioma de estudo obxecto do intercambio pode ser a primeira ou a segunda lingua estranxeira cursada polo alumno. Os centros educativos deberán ocuparse de todos os aspectos organizativos relacionados co intercambio, incluída a planificación das actividades educativas e extraescolares que consideren.
Os proxectos galego-lusos Cologistics, Spin & Up e Mobae veñen de ser elixidos polo Programa europeo de Cooperación Interreg V A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020 para seren desenvolvidos durante os próximos anos. As tres iniciativas, que contan coa axuda financeira da Xunta e do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), dispoñen dun orzamento de máis de 4,5 millóns de euros. A segunda convocatoria do POCTEP, que ten como obxectivo principal a promoción do desenvolvemento económico e social do espazo transfronteirizo de España e Portugal, escolleu 96 iniciativas tras pasar un proceso de selección en réxime de concorrencia competitiva ao que se presentaron 295 candidaturas.
« Anterior | 3  de  7 | Siguiente »

Archivo

2025 (333)

2024 (514)

PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES