Noticias

As universidades galegas súmanse ao desenvolvemento do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero

Os reitores das tres universidades galegas, Antonio López, Julio Abalde e Manuel Reigosa e o vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, asinaron os seus respectivos convenios para o desenvolvemento de medidas do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. En virtude destes acordos as universidades desenvolverán medidas previstas no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. Así, porán en marcha actuacións relacionadas coa sensibilización e prevención, e coa visualización e atención a outras formas de violencia contra as mulleres. Esta nova colaboración complementa o traballo que xa viñan desenvolvendo as Universidades a través das súas Oficinas de Igualdade e o resto de actuacións que xa executaban en colaboración coa Xunta, como as xornadas contra a violencia sexual.

Entre as medidas do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero figuran reforzar e ampliar en materia de Educación, os valores igualitarios e a educación afectivo-sexual obrigatoria en todos os niveis educativos, fomentando que se traten de forma integral, ademais de abordar a prevención da violencia de xénero, o machismo, as condutas violentas, a educación emocional e sexual e a igualdade, o valor da diversidade e a tolerancia. Outras liñas de traballo serían a formación permanente a docentes en materia de prevención da violencia de xénero.

De acordo co recollido no Plan de Estado, o convenio apoiará a realización de campañas que teñan como público obxectivo a mocidade utilizando preferentemente as tecnoloxías da información e da comunicación. Neste senso, tamén se contempla o desenvolvemento de actividades formativas sobre o uso axeitado e crítico de internet e as novas tecnoloxías, especialmente na protección da privacidade e sobre os ciberdelitos. Outra liña de actividade será a formación especializada en violencia de xénero para profesionais de medios de comunicación.

As unidades de Igualdade universitarias galegas traballarán tamén na realización de estudos sobre o impacto do acoso, as agresións e os abusos sexuais no ámbito universitario o que permitirá valorar, no seu caso, a oportunidade de realizar campañas de prevención nos campus e, de forma particular, das agresións sexuais “en cita”. Outros posibles campos de estudo serán a situación das mulleres maiores de 65 anos que sofren violencia de xénero, e preparar recursos adaptados a elas, e sobre a situación de menores (custodia, réxime de visitas, relacións co pai maltratador,...).

Outras cuestións recollidas no documento asinado son a promoción dende as administracións públicas e organizacións empresariais da mellora da formación recibida por responsables das empresas e representantes sindicais, así como o deseño de programas de prevención, detección e protocolos especializados ou a actualización dos existentes en atención e actuación, adaptándoos ás especificidades das diferentes violencias sexuais. Neste mesmo contexto, procurarase o desenvolvemento de protocolos de intervención e detección precoz en todos os ámbitos educativos.

Finalmente, entre as medidas do Plan de Estado figuran o fomento da investigación en violencias sexuais, a través de estudos diagnósticos, desenvolvemento estatístico, unificación de datos e a súa difusión, e os estudos de prevalencia e deseño de indicadores para todos os tipos de violencias sexuais, así como establecemento dun sistema de análise estatística que recolla as violencias machistas que sofren as mulleres que exercen a prostitución.

R., 2019-05-21

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES