Buscador
Noticias
O I Simposio Internacional Os estudos galegos camiño do Xacobeo 21 reunirá en Santiago de Compostela a 150 especialistas en lingua, cultura e proxección exterior, nomeadamente os vencellados á Rede de Lectorados Centros de Estudos Galegos da Xunta de Galicia, do 14 ao 15 de decembro. O obxectivo é compartir experiencias e definir os eixes de actuación da proxección exterior do noso patrimonio cultural e lingüístico enfocándoos cara o Xacobeo 2021. O simposio está dirixido a persoal docente e investigador das universidades, axentes de turismo e persoal doutras institucións que traballan en proxección exterior.
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe a aprobación no Consello da Xunta do proxecto de decreto de desenvolvemento da Lei de inclusión social de Galicia que permitirá incrementar as contías da Risga, así como compaxinala con ingresos laborais. Uns cambios dos que se beneficiarán os preto de 10.000 galegos que perciben esta achega económica. Trátase dun decreto ambicioso e innovador, dixo, incidindo en que unha das novidades máis importantes será a posibilidade de compatibilizar a Risga cos ingresos do traballo, de xeito que aceptar un emprego non supoña unha perda de ingresos con respecto á renda social.
Presentouse en Ourense a Unidade Mixta Centro de innovación galego de sistemas avanzados de tratamento de augas (CIGAT)-Biofactoría, unha alianza estratéxica entre a empresa Viaqua e o Centro Galego de Investigacións da Auga (Cetaqua) que comeza a súa fase de consolidación, na que se investirán 1,86 millóns de euros. O proxecto inclúe a proba na estación depuradora da cidade das Burgas dun prototipo demostrativo das tecnoloxías desenvoltas, que permitirá avanzar na obtención de enerxías a partir dos residuos da auga.
O outono galego considerouse moi cálido debido ás elevadas temperaturas rexistradas no mes de setembro. Así se recolle no Informe climatolóxico correspondente á estación, elaborado por Meteogalicia. A temperatura media do outono (meses de setembro, outubro e novembro) -obtida a partir das anomalías medias en once estacións meteorolóxicas representativas, acadou un valor de 15.4 ºC, polo que se rexistrou unha anomalía positiva na temperatura media de +0.96 ºC. Asemade, a chuvia media para as dezaseis estacións que compoñen a serie rexional foi de 394 L/m2., polo que a anomalía media das precipitacións en Galicia foi un 2 % inferior ao valor normal.
A Xunta e o TSXG acordaron solicitar ao Ministerio de Xustiza a creación de tres novos xulgados do Social en Vigo, Lugo e Santiago de Compostela. Ademais destas tres unidades -cifra ofertada polo Goberno central-, tamén se trasladará que é moi necesaria a creación dun xulgado de Primeira Instancia na Coruña e a dotación de catro xuíces de Adscrición Territorial, un para cada provincia, así como dun maxistrado para a sección segunda da Audiencia provincial da Coruña.
A Amtega e R veñen de lanzar os 5 retos do programa startups R DiCo Challenge, que xa están publicados na web da aceleradora dixital do operador galego. Os emprendedores e empresas novas ou consolidadas que queiran participar poden presentar as súas propostas a través do formulario habilitado neste portal ata o vindeiro 8 de febreiro. A posta en marcha desta aceleradora, que foi presentada a finais de novembro na Coruña polo director xeral de R e a directora da Amtega, enmárcase no Plan DiCo Mindset da Xunta, para contribuír a configurar un sector de contidos dixitais galego máis potente, maduro e competitivo.
O equipo da compañía Inversa Teatro inicia unha estadía de seis días no Salón Teatro de Santiago para ofrecer ata o domingo oito funcións do seu espectáculo Sofía e as postsocráticas, no que aborda a violencia machista e as causas estruturais do maltrato. Marta Pérez é a autora desta proposta, construída a partir de materiais de creación colectiva, ademais de dirixila e protagonizala xunto a María Roja e Silvia Pena. Nesta montaxe de Inversa Teatro, os filósofos Sócrates, Platón e Aristóteles suben a escena, interpretados por mulleres.
Cúmprense 25 anos da Declaración do Camiño Francés en España, que son lembrados durante estes días pola mostra 'Fotos dos XXV anos da Declaración do Camiño Francés en España'. Nela pode observarse a destacable presenza que ten Galicia na selecta lista do Patrimonio Mundial, coa Muralla de Lugo, a Torre de Hércules e os Camiños do Norte. Ademáis, hai soamente dúas semanas a Pedra Seca incorporábase ao Patrimonio Cultural da Humanidade e, agora mesmo, están en marcha tres candidaturas: a Ribeira Sacra, as Cíes-Illas Atlánticas e O Ferrol da Ilustración, ademais da celebración neste 2018 do Ano Europeo do Patrimonio Cultural.
O Centro Tecnolóxico do Mar organiza a conferencia final do proxecto europeo PrimeFish, un evento internacional que xirará arredor dos desafíos do mercado de produtos do mar e que reunirá na sede Afundación en Vigo o vindeiro 30 de xaneiro a representantes de todas as partes interesadas deste sector. A conferencia final servirá como plataforma de lanzamento do prototipo de software orientado ao mercado especializado de productos do mar, baseado en big data e innovación.
'Nadal en Galicia' é o nome da guía que recolle unha selección das actividades de lecer programadas en distintos concellos da Comunidade, co obxecto de difundilas entre galegos e visitantes como parte da oferta turística do outono e o inverno. Esta publicación conta con tres apartados nos que se distribúen un total de 52 actividades que se desenvolven en municipios das catro provincias galegas. Neste sentido, dentro de Nadal en Galicia atópanse 25 beléns relacionados por provincias.