Buscador
Noticias
Vigo converterase durante tres días no epicentro da ciencia, a transferencia e a innovación universitaria española. Do 18 ao 20 de novembro, a UVigo acolle as XXXI Jornadas de Investigación de las Universidades Españolas da Conferencia de Reitores das Universidades Españolas, un lugar de encontro no que preto de 700 responsables da política científica e xestión de I+D+i daranse cita para intercambiar experiencias e formular novas estratexias.
Na xuntanza trataranse cuestións relacionadas con títulos conxuntos e a experiencia 'Universidade sen fronteiras', infraestruturas compartidas en investigación con atención ao caso de Braga, a implementación da ética na IA en educación superior e investigación, e colaboración científica, nomeadamente Open Science, Research Security e a promoción das publicacións científicas en español e portugués.
A exposición Mo(ve)mentos, situada na entrada do Edificio de Ferro do campus de Ourense, amosa unha selección dos centos de fotografías realizadas durante varios anos por Rubén Vilanova nas que se documenta o paso dos e das artistas residentes. Están desde Guilherme Morais (Brasil) e Alejandra Balboa (Galicia) ata Neønymus (Castilla y León) a Tania Garrido (Madrid). O proxecto de A Casa Vella está ubicado en Amiadoso (Allariz).
A UDC vén de celebrar o acto de entrega dos Premios de Emprendemento, unha das actividades incluídas na xornada UDC TALENTO, a I Feira de Emprendemento e de Apoio ao Emprego da UDC desenvolvida no marco de IMPULSA-T. O acto deu comezo coa entrega dos Premios Santander X Spain Awards, uns galardóns que teñen como obxectivo recoñecer as ideas de negocio universitarias e startups máis innovadoras e prometedoras.
Tras unha década sen que o acordo de descentralización de Medicina se fixese efectivo e case medio ano despois de que a UDC solicitase a implantación do grao, os reitores do Sistema Universitario Galego confirmaron en Santiago de Compostela a consecución dun preacordo entre as tres universidades, que terá que ser validado, primeiro polo grupo de traballo, do que tamén forman parte as consellerías de Educación e Sanidade, e representantes da Facultade de Medicina e do SERGAS.
A aparición de mutacións fármaco resistentes constitúe un grave problema na loita contra os microorganismos patóxenos. Os métodos actuais, baseados na análise de resistencia xenotípica, non permiten predicir os cambios evolutivos, provocando a ineficacia dos tratamentos. Facer fronte á fármaco resistencia é o obxectivo do proxecto Preres, Predicting protein evolutionary trajectories toward resistance against antiretroviral treatments.
Neste 2025 está a celebrarse o Ano Internacional da Ciencia e a Tecnoloxía Cuánticas, coincidindo co centenario da publicación, en 1925, dalgúns dos artigos que sentaron as bases da mecánica cuántica, coa conseguinte revolución da nosa comprensión do mundo natural. Co gallo desta efeméride, a Semana da Ciencia do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e a Xunta de Galicia, achégase desde perspectivas moi diversas a esta disciplina, esencial para o desenvolvemento da física moderna.