
As Conferencias de Reitores e Reitoras de España (CRUE) e Portugal (CRUP) desenvolven este luns 10 e o martes un encontro bilateral na Universidade de Santiago, que deu comezo pola mañá en San Xerome coa reunión do pleno de CRUP.
O encontro bilateral propiamente dito inaugúrano no Centro de Estudos Avanzados (Parque Vista Alegre) o reitor Antonio López, o secretario xeral de Universidades do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades de España, Francisco García Pascual; a súa homóloga de Portugal, Cláudia Sarrico; o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez; a presidenta da CRUE, Eva Alcón Soler; e o presidente da CRUP, Paulo Jorge Ferreira.
Na xuntanza trataranse cuestións relacionadas con títulos conxuntos e a experiencia Universidade sen fronteiras, infraestruturas compartidas en investigación con atención ao caso de Braga, a implementación da ética na IA en educación superior e investigación, e colaboración científica, nomeadamente Open Science, Research Security e a promoción das publicacións científicas en español e portugués.
Logo do encontro, as persoas participantes asistien á mesa redonda Galicia como ponte entre España e Portugal e a estratexia de internacionalización de ambos os dous países. Ao remate, farán unha visita guiada pola Universidade de Santiago.
O martes 11, ás 9.30 horas de novo no Salón Reitoral de San Xerome, reunirase a xunta reitora da CRUE.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.