
Estas xornadas reunirán un ano máis os principais axentes que día a día impulsan a ciencia e a tecnoloxía nas nosas universidades. É unha cita indispensable para reflexionar sobre o camiño percorrido, compartir boas prácticas e, sobre todo, deseñar xuntas e xuntos o futuro do noso sistema universitario en materia de I+D+i, sinala a Vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación da UVigo, Belén Rubio. A vicerreitora destaca a aposta decidida da Universidade por unha ciencia aberta, colaborativa e conectada coas demandas sociais e produtivas. Estou convencida de que os debates e encontros que terán lugar durante estes días darán lugar a propostas que reforzarán as nosas capacidades institucionais e a nosa vocación de servizo á sociedade.
O encontro, que terá lugar no Auditorio Mar de Vigo, constituirá un foro de referencia para reforzar políticas comúns de xestión da investigación, así como para promover a cooperación entre universidades e impulsar unha ciencia aberta e conectada coa sociedade.
Cinco redes
A cita comezará o martes 18 cun encontro das principais redes que forman parte da sectorial de I+D+i da CRUE que traballan coordinadamente para continuar dándolle pulo á investigación, á transferencia e á innovación. Na sesión participarán representantes da RedUGI, centrada no apoio e asesoramento ás universidades na definición de políticas comúns de investigación; a RedDivulga, que impulsa a comunicación e a divulgación científica para achegar a ciencia a cidadanía; así como RedOTC, que agrupa a todas as Oficinas de Transferencia do Coñecemento das universidades españolas e busca reforzar e visibilizar o seu papel como axentes clave do sistema nacional de innovación.
A RedOE, enfocada a mellorar a participación das universidades en iniciativas europeas e internacionais, especialmente en programas como Horizonte Europa ou ao seu sucesor, o 10 Programa Marco; e a REBIUN, a rede de bibliotecas universitarias e científicas que agrupa 76 universidades e centros do CSIC, que desempeña un papel clave na estratexia de ciencia aberta, garantindo o acceso ao coñecemento e á información científica, completan as redes que protagonizarán a sesión do martes.
I Encontro de Centros de Apoio á Investigación Servizos Científico-Técnicos
Como novidade desta edición, as xornadas de Vigo acollerán o I Encontro de Centros de Apoio á Investigación Servizos Científico-Técnicos (CAIs-SCT), unha iniciativa que busca visibilizar e fortalecer o papel estratéxico destes centros, creando un espazo de colaboración para compartir experiencias e boas prácticas, identificar solucións comúns e avanzar cara á constitución dunha Rede Nacional de CAIs-SCT, que impulse a profesionalización, a innovación e a interlocución institucional destes servizos fundamentais para a investigación.
Ponencias e mesas redondas
As xornadas, que serán inauguradas o día 19 polo reitor da UVigo, Manuel Reigosa; o alcalde de Vigo, Abel Caballero; a presidenta da CRUE, Eva Alcón e o presidente de CRUE I+D+i, Julián Garde, inclúen mesas redondas e ponencias, como a inaugural, titulada Financiación Europea, el FP10, a cargo de Francisco García Pascual, secretario general de Universidades.
Dual use e interferencia estranxeira: Igualdade en transferencia de coñecemento; Atracción de talento investigador; A profesión de research manager e o seu impacto na investigación e Os avances cara á transformación da avaliación da investigación. Primeiros resultados do National Chapter CoARA son os títulos dalgunhas das mesas redondas e relatorios que terán lugar durante as xornadas que serán clausuradas polo presidente de CRUE I+D+i); o reitor da UVigo e a secretaria General de Innovación.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.