Buscador
Noticias
Co obxectivo de dar un novo pulo á Rede Galega de PxR (Previr para Reciclar) a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de activar o espazo web Mellor reparar que tirar , para animar a todas as entidades locais galegas a poñer en marcha un proxecto de preparación para a reutilización e reparación na súa localidade, polo que poderán empregar esta plataforma para a súa divulgación, búsqueda de colaboradores e sinerxías con calquera outro tipo de entidades.
O concello de Ortigueira centra nas redes sociais os esforzos para impulsar o contacto cos seguidores do evento. Reforzará a campaña de difusión do concurso de novos talentos e estenderá o período online de votación, no que cada persoa poderá elixir aos seus artistas favoritos ata o 8 de xullo. En 2021 serán seis as bandas finalistas, as tres deste 2020 e as tres que se elixan na seguinte edición, e o festival ampliarase unha xornada máis, pasando de catro a cinco días e creándose o Día Runas.
O Centro Galego de Artes da Imaxe leva a cabo durante o confinamento diferentes actividades de cinema e fotografía nas que participaron 532 estudantes e 48 docentes de 13 centros escolares galegos. Imaxes gravadas desde as xanelas, retratos das persoas coas que se convive, captación de feixes de luz en distintos momentos do día ou secuencias de ceos e nubes son algunhas das actividades realizadas, que deron como resultado centos de planos asinados por alumnado de entre cuarto curso de primaria e primeiro de bacharelato.
Entre un terzo e a metade de todos os contaxios rexistrados en todo o mundo por mor de COVID-19 están relacionados con supercontaxiadores, unha figura de cuxa existencia acaban de revelar as primeiras probas e a súa importancia investigadores da Facultade de Medicina da USC e do IDIS liderados polo profesor Antonio Salas Ellacuriaga e o xefe de servizo de Pediatría do Complexo Hospitalario de Santiago, Federico Martinón Torres.
Celebrouse unha a mesa redonda a través de vídeoconferencia 'Hoteis de Galicia: abrimos? como? cando?', organizada pola Asociación de Empresarios de Hospedaxe de Pontevedra (ASEHOSPO), Hostelería de Vigo e Hosteleria de Pontevedra, onde se puxo de manifesto o traballo que se está a facer da man do sector para elevar os estándares de seguridade por riba da media no proceso de reapertura dos hoteis.
Ábrese o prazo para que as familias soliciten a súa participación no Fondo Solidario de Libros de Texto, ou ben as axudas para a adquisición de libros de texto, e de vales para material escolar destinadas ao alumnado matriculado en Educación Primaria, ESO e Educación Especial en centros sostidos con fondos públicos, para o vindeiro curso escolar 2020/21. O prazo para presentar as solicitudes permanecerá aberto dende o 20 de maio ata o próximo día 19 de xuño, tal como establece a convocatoria.
As probas de acreditación do Celga retoman o seu prazo de inscrición interrompido por mor do coronavirus e retrasa as datas de exame ata setembro e outubro, sempre que a evolución da crise sanitaria permita desenvolvelas en condicións de seguridade. O novo prazo de inscrición, que estará aberto desde mañá ata o vindeiro 16 de xuño, publícase hoxe no Diario Oficial de Galicia. As probas celebraranse en Santiago de Compostela (niveis 1, 2, 3 e 4) e Ponferrada (2, 3 e 4).
Co gallo da dedicación do Día das Letras 2020 a Ricardo Carballo Calero, o Colectivo lucense Egeria promoveu unha serie de actividades co patrocinio da Xunta de Galicia e a colaboración da Real Academia Galega e o Colexio Fingoi, para estudar e espallar os QUINCE ANOS EN LUGO do profesor e escritor. Co título xenérico de 'CARBALLO CALERO EN LUGO. Don Ricardo de Fingoi', desenvólvense diversas accións, que nestes días culminan coa publicación dun libro dixital.
Unha cartografía de risco coordinada polo profesor da USC Ángel Miramontes permitirá coñecer onde se localizan os principais focos de contaxio pola COVID-19, con que factores territoriais están relacionados e cales son os espazos de actuación chave para frear a súa propagación. O convenio de colaboración asinado este xoves coa Axencia Galega de Innovación (GAIN), por importe de 71.174 euros, favorecerá a análise do comportamento espacial de propagación da COVID-19 en Galicia.
A Xunta e a distribución alimentaria van reforzar e implementar a campaña de comunicación #VoudeSúperFeirón nas redes sociais cunha orientación orixinal e participativa para fomentar o consumo de produtos do agro galego no fogar a través de receitas gastronómicas. Con este novo impulso -que se porá en marcha nas vindeiras semanas- trátase de animar a que cadaquén elabore receitas con produto agroalimentario galego e que as presente a través das súas redes sociais co cancelo #FeirónNaCasa.