//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias turismo
Galicia potenciará o Camiño de Santiago como eixo vertebrador das comunidades que conforman a marca España Verde e como exemplo do seu modelo turístico, baseado na calidade e a sustentabilidade. Nun acto celebrado en Fitur, escenificouse o traspaso de poderes do País Vasco a Galicia, que neste 2020 asume a coordinación das actividades desta marca turística que integra a Asturias, Cantabria, Galicia e País Vasco. A aposta por un turismo de calidade permite ás comunidades que conforman este proxecto avanzar en eixos estratéxicos como a descentralización de fluxos ou a desestacionalización da demanda, así como mellorar as súas variables turísticas.
O Goberno galego entregou esta mañá no Ministerio de Cultura y Deporte a documentación da Candidatura da Ribeira Sacra para a súa revisión e envío á UNESCO que, previsiblemente, acontecerá antes concluír este mesmo mes de xaneiro. Galicia conta cun vasto patrimonio cultural material recoñecido pola UNESCO e incluído na Lista do Patrimonio Mundial: a Cidade vella de Santiago de Compostela, os Camiños de Santiago de Compostela: Camiño Francés e Camiños do Norte de España, a Muralla de Lugo e a Torre de Hércules. A Comunidade avanza agora no impulso de tres novas candidaturas: a Ribeira Sacra, as Illas Cíes-Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia e a Cidade de Ferrol-Porto da Ilustración.
A presentación de hoxe dá continuidade ás accións emprendidas o pasado ano cando se celebraron en Galicia as primeiras reunións técnicas para dar a coñecer o modelo de xestión así como os traballos de cara ao vindeiro Ano Santo. Tamén se realizaron visitas de campo para coñecer a rede pública de albergues da Xunta, amosando o traballo na rehabilitación de inmobles para a acollida de peregrinos tomando como exemplo o Camiño de Fisterra e Muxía. Fazendo o Camiño foi aprobado no marco da segunda convocatoria do Programa Interreg V (POCTEP) e desenvolverase ata o ano 2021, cunha serie de actividades que buscan mellorar a xestión conxunta e a afluencia turística do Camiño de Santiago, así como incrementar a implicación local na conservación e protección da ruta xacobea.
O turismo internacional está a gañar cada vez máis peso na Comunidade galega ata rexistrar cifras nunca antes alcanzadas, con crecementos superiores ao 10% tanto en número de viaxeiros como no volume de noites. Así o constatan os datos feitos públicos hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE) que fixan en máis de 1,4 millóns de turistas estranxeiros e preto de 2,5 millóns de pernoitas contabilizadas ata o mes de novembro. Así, a falta de computar os datos do mes de decembro, o mercado estranxeiro está a demostrar ser decisivo na positiva evolución do turismo galego en comparación co conxunto de España, onde Galicia está a ser o destino co mellor comportamento.
Galicia superará este ano por segunda vez na súa historia os cinco millóns de turistas. Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), á espera de contabilizar os últimos datos de novembro e decembro, a nosa Comunidade recibiu máis de 4,8 millóns de turistas que realizaron 10,4 millóns de pernoitas. Así pois, de manterse a evolución rexistrada ao longo dos últimos meses, este 2019 remataría superando a barreira histórica dos cinco millóns de viaxeiros, algo que só tivo lugar no 2017, cando se contabilizaron preto de 5,1 millóns de turistas.
Co obxectivo de consolidar as rutas do Camiño de Santiago na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e impulsar o seu aproveitamento sustentable como un recurso patrimonial cultural e natural transfronteirizo, Galicia acolle hoxe as primeiras accións do proxecto europeo Fazendo Camiño no que a Xunta participa xunto a Turismo Porto-Norte de Portugal, a Dirección Rexional de Cultura do Norte e a Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal. Ao abeiro deste proxecto, a Xunta asesorará ao país luso na súa xestión, sinalización, mantemento, promoción e divulgación ao redor do Camiño de Santiago. Fazendo Camiño foi aprobado no marco da segunda convocatoria do Programa Interreg V .
Andalucía, Castela e León, Estremadura e Galicia reforzan o seu compromiso para impulsar a Vía da Prata como elemento dinamizador dos seus territorios, o que poderá ter especial incidencia no rural e en zonas con problemas demográficos. Con este obxectivo reúnense en Santiago os responsables das áreas de Cultura e Turismo das devanditas comunidades. En concreto, participan a conselleira de Cultura e Patrimonio Histórico da Junta de Andalucía, Patricia del Pozo; o conselleiro de Cultura e Turismo da Junta de Castilla y León, Javier Ortega; a conselleira de Cultura, Turismo e Deportes da Junta de Extremadura, Nuria Flores, e o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, noEncontro de Comunidades Autónomas da Vía da Prata.
Ponse en marcha o chamado Mapa de Valor da Enogastronomía de Galicia, un documento que, tras un extenso traballo de campo, permitiu identificar na nosa Comunidade máis de 2.000 recursos enogastronómicos. É unha das medidas que inclúe a estratexia Galicia Sabe para potenciar a nosa Comunidade como destino enogastronómico de primeiro nivel. Este proxecto que será compartido co sector para o seu uso profesional permitirá detectar e priorizar destinos cun alto valor enogastronómico, poñer en marcha novos produtos turísticos a medio e longo prazo e coñecer mellor os recursos da Comunidade co fin de optimizar o traballo neste sector.
A Asociación Española de Ciencia Rexional vén de premiar o traballo de investigación elaborado polo grupo de investigación GAME da Universidade de Santiago (USC) que estuda o impacto socioeconómico do Camiño de Santiago e que se está a converter nunha eficaz ferramenta para a toma de decisións na xestión galega ao redor da Ruta Xacobea. O traballo, presentado o ano pasado, foi recoñecido co VI Premio Blog a Riqueza das Rexións á mellor entrada de 2019 nesta plataforma da asociación española, pola súa achega á sustentabilidade do Camiño de Santiago. O documento resume parte dos resultados alcanzados no marco dun convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura e Turismo e este grupo de investigación.
O Consello Executivo do Clúster Turismo de Galicia e a Xunta de Galicia decidiron outorgar os tres recoñecementos honoríficos dos Premios Galicia de Turismo na súa primeira edición a: Luz Casal, que recollerá o galardón como Embaixadora Nacional 2019; Hong-jo Chun, embaixador da República de Corea en España, premio Embaixador Internacional; e os hosteleros Ramón e Francisco Vilas, recoñecidos como Pioneiros. O Clúster Turismo de Galicia e a Xunta de Galicia consideran que a cantante Luz Casal representa o sentimento de orgullo pola terra e que coa súa sólida e recoñecida traxectoria artística contribuíu en boa maneira a difusión da marca Galicia por todo o país.