Noticias

O Ministerio de Cultura recibe a documentación da Candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade

O Goberno galego entregou esta mañá no Ministerio de Cultura y Deporte a documentación da Candidatura da Ribeira Sacra para a súa revisión e envío á UNESCO que, previsiblemente, acontecerá antes concluír este mesmo mes de xaneiro. Galicia conta cun vasto patrimonio cultural material recoñecido pola UNESCO e incluído na Lista do Patrimonio Mundial: a Cidade vella de Santiago de Compostela, os Camiños de Santiago de Compostela: Camiño Francés e Camiños do Norte de España, a Muralla de Lugo e a Torre de Hércules. A Comunidade avanza agora no impulso de tres novas candidaturas: a Ribeira Sacra, as Illas Cíes-Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia e a Cidade de Ferrol-Porto da Ilustración.

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, anunciou en Fitur, en presenza do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, que o Goberno galego entregou esta mañá no Ministerio de Cultura y Deporte a documentación da Candidatura da Ribeira Sacra para a súa revisión e envío á UNESCO que, previsiblemente, acontecerá antes concluír este mesmo mes de xaneiro.

Román Rodríguez subliñou que “cumprimos os nosos deberes” coa declaración do Ben de Interese Cultural (BIC), co Plan de Xestión e co dossier entregado hoxe “e seguiremos sendo alumnos aplicados para estar na mellor das disposicións e lograr que 2021 sexa o ano de Galicia, polo Camiño de Santiago e o Xacobeo, pero tamén o ano da Ribeira Sacra e o seu excepcional legado”. En calquera caso, apelou á prudencia e explicou a complexidade dunha tramitación que vai do local ao global no seu percorrido cara á inclusión na Lista do Patrimonio Mundial da UNESCO.

O conselleiro puxo en valor o traballo cooperativo no ámbito da Candidatura, ao afirmar que “desde a Xunta de Galicia, en coordinación coas diferentes administracións e da man da comunidade local, representada aquí, levamos anos traballando para lograr este fito”; e agradeceu o traballo conxunto e a xenerosidade de todas as partes para “pór en valor un territorio vivo e cun patrimonio extraordinario do que todos os galegos debemos estar orgullosos.” O titular de Turismo concluíu destacando que a Ribeira Sacra é cada vez máis coñecida e valorada dentro e fóra de Galicia, destacando que esta zona incrementouse en 14 puntos porcentuais a demanda estranxeira “o que pon de manifesto a relevancia internacional que está logrando a candidatura da Ribeira Sacra”.

No acto tomaron parte, ademais do conselleiro, Luis Fernández Guitián, presidente do Consorcio Ribeira Sacra; José Manuel Rodríguez, presidente do Consello Regulador da Denominación Ribeira Sacra; e Mª Carmen Martínez Ínsua, directora xeral de Patrimonio Cultural. Estiveron presentes o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, os delegados da Xunta en Ourense e Lugo, así como diversos alcaldes de concellos involucrados.

1.500 anos para a Humanidade

A Ribeira Sacra é unha Paisaxe Cultural delimitada que conta coa máxima protección cultural, natural e paisaxística. Constitúe unha testemuña excepcional da cristianización da Península Ibérica e a paisaxe simbólica máis occidental da Europa continental, grazas a uns conxuntos de orixe relixiosa sobreabundantes e de extraordinaria singularidade nesta terra. Un patrimonio construído que ilustra 1.500 anos de historia nos que na Ribeira Sacra medrou “un bosque de igrexas”, ilustrativo da riqueza e variedade da arquitectura románica dos séculos XII e XIII.

Galicia é unha terra cun vasto patrimonio cultural material recoñecido pola UNESCO e incluído na Lista do Patrimonio Mundial: a Cidade vella de Santiago de Compostela (1985), os Camiños de Santiago de Compostela: Camiño Francés e Camiños do Norte de España (1993 e 2015), a Muralla de Lugo (2000) e a Torre de Hércules (2009). Neste momento, a Comunidade avanza no impulso de tres novas candidaturas como son a Ribeira Sacra, as Illas Cíes-Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia e a Cidade de Ferrol: Porto da Ilustración.

R., 2020-01-22

Actualidad

Foto del resto de noticias (estacions-ano-cdc.jpg) A exposición 'As estacións do ano na arte galega dos séculos XX e XXI' pecha as súas portas no Museo Centro Gaiás o domingo 6 de setembro con máis de 36.000 visitas desde a súa inauguración. Concibido e comisariado pola artista e investigadora Mónica Alonso, o proxecto destaca polo seu deseño innovador, que constrúe un percorrido sensorial para mergullarse na arte contemporánea. Máis de 80 obras de 63 artistas dan forma a un itinerario que transita polas paisaxes, símbolos e lembranzas asociadas ao paso do tempo e os cambios entre a primavera, o verán, o outono e o inverno en Galicia.
Foto de la tercera plana (infancia_2.jpg) Galicia continúa a manter o liderado na taxa de escolarización 0-3 por cuarto curso consecutivo, cun 64 %. Os datos do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes referentes ao período lectivo 2026-2026 consolidan este primeiro posto, con 14 puntos por riba da media nacional. Ademais, Galicia é a única comunidade autónoma que está por encima da barreira do 60 % en niveis de escolarización no primeiro ciclo de Educación Infantil e supera en case 20 puntos o obxectivo da Unión Europea para o ano 2030, que é do 45 %. Estas cifras colocan a Galicia como referente no apoio ás familias e á infancia e son posibles grazas a medidas como a gratuidade das escolas infantís.

Notas

Ducias de persoas participaron nas actividades do Vendaval, Mostra de Cinema Portugués na Ribeira Sacra, que entre o 25 e o 30 de agosto levou proxeccións, concertos, conversas e encontros con cineastas a diferentes espazos da comarca. Unha proposta cultural diferente, de balde e vinculada ao territorio que volverá durante o outono e a primavera con dous novos pases e novas propostas cinematográficas.
A USC vén de reafirmar a súa aposta en prol da administración dixital e de que parte dos seus servizos poidan ser prestados de xeito eficaz por medios telemáticos, coa renovación (2026-2028) do Certificado de conformidade co Esquema Nacional de Seguridade no seu nivel medio. Isto é froito do traballo conxunto da Secretaría Xeral, a unidade de Seguridade da Información que coordinou o proceso, a Área TIC, e o Comité de Seguridade da Información.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES