Noticias

Andalucía, Castela e León, Estremadura e Galicia suman esforzos para impulsar a Vía da Prata como axente dinamizador da España interior

Andalucía, Castela e León, Estremadura e Galicia reforzan o seu compromiso para impulsar a Vía da Prata como elemento dinamizador dos seus territorios, o que poderá ter especial incidencia no rural e en zonas con problemas demográficos. Con este obxectivo reúnense en Santiago os responsables das áreas de Cultura e Turismo das devanditas comunidades. En concreto, participan a conselleira de Cultura e Patrimonio Histórico da Junta de Andalucía, Patricia del Pozo; o conselleiro de Cultura e Turismo da Junta de Castilla y León, Javier Ortega; a conselleira de Cultura, Turismo e Deportes da Junta de Extremadura, Nuria Flores, e o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, noEncontro de Comunidades Autónomas da Vía da Prata.

O titular de Cultura e Turismo da Xunta agradeceu a presenza en Galicia dos seus homólogos nas comunidades polas que transcorre a Vía da Prata e destacou que se trata “dun dos máis importantes itinerarios xacobeos”, ao tratarse dun Camiño que vertebra toda España de norte a sur. Precisamente, durante o acto de apertura do encontro, os responsables de Cultura destas catro autonomías coincidiron na necesidade de traballar conxuntamente na coordinación, posta en valor e difusión deste itinerario con acreditado valor histórico, artístico e cultural.

Os conselleiros participantes esperaron que este foro permita potenciar sinerxias para aproveitar a proxección do próximo Xacobeo 21 como oportunidade para dinamizar este roteiro e os núcleos de poboación que atravesa, a maior parte deles concellos do rural. Neste sentido, lembraron que este ano, a Vía da Prata foi percorrida xa por máis de 9.000 persoas, aínda que puntualizaron que dispón dun gran potencial de crecemento grazas á súa riqueza patrimonial e natural.

Valoracións dos conselleiros

A conselleira de Cultura e Patrimonio Histórico da Junta de Andalucía, Patricia del Pozo, destacou a importancia que o Camiño de Santiago tivo “na historia de España en xeral pero de Andalucía en particular, estando vinculada a lugares emblemáticos como Itálica ou a propia Catedral de Sevilla”. Del Pozo insistiu en que “a cultura, no seu sentido máis amplo, é a mellor embaixadora de Andalucía e da súa forma e modo de entender a vida”, polo que avogou “polo maior dos acordos e do traballo coordinado e conxunto entre comunidades e administracións para apostar, de maneira transversal, pola cultura como dinamizadora turística e económica, aproveitando esta arteria que atravesa España que é o Camiño de Santiago”.

Nesa liña, o conselleiro de Cultura e Turismo de Castela e León, Javier Ortega, subliñou que a cooperación entre estes territorios é “imprescindible para conseguir un futuro mellor, traballando para que a cultura e o turismo se consoliden e afiancen como motores de desenvolvemento local e contribúan ao equilibrio territorial, como o fan os nosos roteiros históricos”.

Pola súa banda, a conselleira de Cultura, Turismo e Deportes da Junta de Extremadura, Nuria Flores Redondo, declarou que espera que este encontro reforce a colaboración para a posta en valor da Vía da Prata como itinerario cultural e turístico dentro da Marca España, e impulse a inclusión das comunidades do sur de España (Estremadura e Andalucía) no Consello Xacobeo do Ministerio de Cultura e Deportes.

En representación de Galicia, Román Rodríguez destacou a aposta da Xunta no impulso da Vía da Prata, acometendo actuacións de mellora do trazado, de sinalización, iniciativas para avanzar na atención e acollida dos peregrinos, como a posta en marcha de novos albergues en Ourense, A Gudiña ou Oseira, así como outras actividades de dinamización e promoción cultural neste roteiro.

Programa de traballo

Durante a xornada de mañá os responsables de Cultura e Turismo participarán cos seus equipos en diferentes reunións de traballo para abordar, entre outros asuntos, a conservación do patrimonio cultural do Camiño, a súa importancia para o desenvolvemento económico das zonas rurais ou a sinalización e conservación dos itinerarios.

Acto seguido, terá lugar unha mesa redonda para abordar a incidencia da Ruta Xacobea no territorio. Nela, participarán o alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada, que explicará o impacto socioeconómico da Ruta Xacobea nun concello como o seu, situado no Camiño Francés; o presidente da Agrupación industrial de Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, que abordará a relevancia deste fenómeno achegando o punto de vista do sector; e o presidente da Asociación de Amigos do Camiño Portugués, Tino Lores, como representante dunha entidade que xestiona un albergue, neste caso o de Pontevedra, e que desenvolve un intenso labor a favor da peregrinación.

R., 2019-12-13

Actualidad

Foto del resto de noticias (gnight-2026.jpg) Medio milleiro de investigadoras e investigadores e máis de 150 actividades científicas nas sete cidades galegas: Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo. Así se celebrará en Galicia a sexta edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras, G-Night 2026, unha actividade na que a comunidade científica galega une talento e esforzos co obxectivo de achegar a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, ao tempo que se ofrecen propostas de lecer científico, cultural e educativo para toda a familia.
Foto de la tercera plana (20260916-xunta.jpeg) A Xunta de Galicia reclama ao Goberno central medidas estruturais de apoio ao sector agrogandeiro. Do mesmo xeito, esíxese que se teña en conta a realidade de cada territorio á hora de levar a cabo estas actuacións, que deben executarse de xeito urxente. Así o trasladou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na Conferencia Sectorial celebrada en Madrid, na que se dirixiu ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, para facer estas reclamacións. Alí, reafirmou tamén o compromiso do Executivo galego con este sector.

Notas

A colaboración entre a UDC, a USC, a UVigo e o Sergas permitirá reforzar a prevención, facilitar a detección temperá de situacións de malestar emocional e garantir a continuidade asistencial cando sexa necesaria. O documento nace do traballo conxunto de profesionais das tres universidades e da Administración sanitaria, integrando a experiencia práctica e a evidencia científica.
Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES