//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias turismo
Grande éxito da iniciativa #QuedamosenGalicia tras esgotarse as tarxetas do bono turístico en cuestión de horas. Os galegos apuraron as súas solicitudes nada máis abrir o prazo, á medianoite, e 12 horas despois xa estaban expendidas as tarxetas dispoñibles nesta iniciativa posta en marcha para impulsar o turismo interno e axudar ao sector hostaleiro. O éxito da convocatoria quedou patente no feito de que, nas primeiras horas, rexistráronse na sede electrónica da Xunta unhas 150 peticións cada cinco minutos.
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria para solicitar desde mañá o bono tarxeta turística #QuedamosenGalicia que se poderá empregar nas ofertas e paquetes publicados polos establecementos adheridos nesta segunda convocatoria do programa. Así o anunciou hoxe o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, na visita ao Noa Boutique Hotel de Oleiros, unha das case 700 empresas que xa se uniron á iniciativa ata agora, o que supón arredor dun 24% máis que na convocatoria do ano pasado, que contou coa participación de 560 empresas. Así, esta nova convocatoria, posta en marcha xunto co Clúster Turismo de Galicia, permitirá mobilizar máis de 6,8 millóns de euros co obxectivo de reactivar o consumo interno mediante o estímulo do consumo e a demanda interna.
Un total de 659 aloxamentos turísticos e axencias de viaxes están xa oficialmente adheridos á nova convocatoria deste Bono Turístico, unha iniciativa reeditada co obxectivo de seguir apoiando a reactivación do sector turístico. Esta cifra supón un incremento do 17% no número de empresas adheridas con respecto á primeira edición, que contou con 560 empresas. Pero a previsión é que a cifra final aínda sexa maior, xa que o prazo para adherirse ao programa seguirá aberto ata finais de ano e as solicitudes seguen chegando.
Turismo de Galicia acaba de reeditar o folleto de sendeirismo 'Sendas para descubrir un país', unha publicación de 268 páxinas que constitúe unha das mellores ferramentas para a práctica desta actividade en todo o territorio da comunidade galega. Nesta nova edición, a publicación especializada en sendeirismo actualiza a súa información e inclúe 57 camiños máis ca anterior edición. Esta guía recolle información sobre os 122 sendeiros homologados pola Federación Galega de Montañismo para practicar sendeirismo en Galicia, dos que tres son sendeiros de gran percorrido e 119 de pequeno percorrido. A publicación inclúe información sobre a nomenclatura e símbolos que o camiñante se atopará nos camiños, así como sobre o Sistema MIDE, relacionado coa comunicación entre excursionistas para avaliar as esixencias técnicas e físicas dos percorridos.
Sector turístico, universidades galegas e Xunta de Galicia traballan no deseño do futuro modelo turístico galego, que se baseará na sustentabilidade e na calidade. Con ese obxectivo, a Administración autonómica vén de poñer en marcha Turislab, a primeira aceleradora galega especializada no sector do turismo. O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, presidiu hoxe a presentación desta iniciativa, que pretende ser unha rede de recursos innovadores e de alto impacto especializada no turismo sostible e de calidade. Nun acto ao que asistiu tamén a directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, a Xunta reafirmou o seu compromiso cun sector que pode ser clave na recuperación económica de Galicia logo da pandemia.
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, mantivo hoxe un encontro telemático con responsables de turismo das comunidades autónomas de Andalucía, Estremadura e Castela e León, polas que transcorre a Vía da Prata, co obxectivo de facer balance dos proxectos conxuntos que están a desenvolver e avaliar novas propostas de cara a celebración deste Xacobeo bianual. Neste sentido, Nava Castro destacou a relevancia de acadar maior implicación nacional na celebración do Ano Santo especialmente por parte dos territorios polos que transcorre o Camiño, como é o caso do Camiño MozárabeVía da Prata.
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, reuniuse con representantes de Turismo das comunidades de Castela e León, Madrid, Andalucía e Murcia para estudar unha estratexia conxunta coa que paliar as consecuencias e o impacto económico derivado da pandemia do coronavirus no sector turístico. No encontro tamén participaron os conselleiros de Turismo de Castela e León, Javier Ortega, departamento que promoveu a reunión, e a conselleira de Turismo da Rexión de Murcia, María Cristina Sánchez, así como os viceconselleiros desta área na Comunidade de Madrid, Carlos Daniel Martínez; e en Andalucía, Manuel Alejandro Cardenete.
A área de Turismo da Deputación da Coruña percorre a través dunha serie de seis vídeos os 956 km de costa da provincia, dentro da súa campaña de promoción turística. O obxectivo é difundir un dos principais recursos da provincia con imaxes do litoral desde Ortegal até Rianxo. Dando corpo ao lema da campaña de promoción turística da Deputación da Coruña "956 km de costa e un camiño infinito dan para moito", a área de Turismo difunde seis vídeos promocionais que fan un completo percorrido polo litoral da provincia desde o aire, con especial fincapé nas principais praias da costa e a paisaxe sobrecolledora dos cantís, pasando pola beleza dalgúns portos mariñeiros.
A Xunta de Galicia vén de presentar o Plan de Rescate para os sectores máis afectados pola Covid-19, unha nova convocatoria de axudas para microempresas e autónomos con persoal a cargo, dentro dos que se incluirían tamén establecementos hostaleiros, e que conta cun orzamento de 97 millóns de euros. Ditas axudas poden ser solicitadas ata o 28 de decembro.
As contías irán desde os 4.000 ata os 5.000 euros, destinados a aqueles sectores especialmente afectados pola situación derivada da pandemia: lecer nocturno, atraccións de feira, transporte, axencias de viaxes, cines, comidas preparadas para eventos, parques de atraccións, etc.
A directora xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, María del Carmen Martínez Insua, participou hoxe por videoconferencia na 87ª reunión do Consejo de Patrimonio Histórico na que se analizaron as candidaturas españolas, entre as que se inclúe a proposta de Galicia para a Ribeira Sacra, que serán avaliadas na próxima sesión do Comité do Patrimonio Mundial que se celebrará en China no verán de 2021. Así, co obxectivo de que a paisaxe cultural da provincia de Lugo e Ourense sexa incluída na prestixiosa Lista do Patrimonio Mundial durante a celebración da 44ª sesión estendida do Comité, a Xunta de Galicia vén desenvolvendo un importante traballo técnico, impulsado pola da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, para acreditar e defender os valores sobranceiros deste territorio.