Noticias

Éxito do bono tarxeta turística #QuedamosenGalicia tras esgotarse as tarxetas en só unhas horas

Grande éxito da iniciativa #QuedamosenGalicia tras esgotarse as tarxetas do bono turístico en cuestión de horas. Os galegos apuraron as súas solicitudes nada máis abrir o prazo, á medianoite, e 12 horas despois xa estaban expendidas as tarxetas dispoñibles nesta iniciativa posta en marcha para impulsar o turismo interno e axudar ao sector hostaleiro. O éxito da convocatoria quedou patente no feito de que, nas primeiras horas, rexistráronse na sede electrónica da Xunta unhas 150 peticións cada cinco minutos.

Os galegos mostraron a súa preferencia polas tarxetas de 500 euros, que coparon o 82% das solicitudes, en tanto que as de 375 euros acapararon o 10,3% do total, e o 7,3% restante foi para as de 250 euros. Hai que ter en conta que, en todos os casos, a Xunta aporta o 60% do total e os usuarios, o outro 40%.

Satisfacción ante unha resposta tan positiva

O vicepresidente primeiro da Xunta manifestou esta mañá a súa satisfacción polo éxito da convocatoria e salientou que era unha moi boa noticia para os empresarios do sector que están a sufrir os efectos das restricións por mor da pandemia. “Os galegos están botando unha man ao sector e están dando un empurrón á recuperación do turismo interno”, subliñou Alfonso Rueda, quen tamén destacou que esta resposta tan positiva deixaba claro que a cidadanía quere, en canto as condicións sanitarias o permitan, “gozar das marabillas de Galicia”.

A campaña é unha iniciativa de Turismo de Galicia en colaboración co Clúster Turismo de Galicia e coa participación das deputacións provinciais de A Coruña e Ourense e pretende mobilizar 6,8 millóns de euros, coa participación de case 700 establecementos turísticos, un 24 % máis que na primeira convocatoria.

O alta demanda afectou ao servizo da sede electrónica da Xunta, que rexistrou unha elevada lista de agarda polo alto volume de peticións da tarxeta turística, malia que ao longo da noite, ante o aluvión de solicitudes, duplicouse a súa capacidade.

Ese elevado número de peticións deu lugar a un incremento na ocupación da sala de espera da sede electrónica, un mecanismo que se habilita cando se agarda un alto nivel de concorrencia e que se dá, normalmente, nas convocatorias que se xestionan por orde de presentación, como foi o caso da tarxeta turística. A activación do servizo permitiu garantir o funcionamento ininterrompido da sede electrónica a partir da unha da madrugada, aínda que fose con tempo de espera debido aos miles de persoas que tentaron acceder ao mesmo tempo. A todos eles se lles asignaba unha hora de acceso, o que permitiu que non tiveran que estar esperando a súa quenda diante da pantalla.

R., 2021-04-14

Actualidad

Foto del resto de noticias (proxecto-xenoma-galicia.jpg) O proxecto Xenoma Galicia, que conta cun investimento de 20 millóns de euros, ten por obxecto recompilar o ADN de 400.000 galegos para identificar os xenes relacionados co cancro de mama e ovario hereditario, a síndrome de Lynch e a hipercolesterolemia familiar. Ata o de agora, foron analizadas 3.112 mostras biolóxicas. En concreto, 1.037 mostras de sangue na primeira pilotaxe do proxecto, 796 de saliva no segundo piloto e, coa primeira fase do proxecto en marcha, 1.279 mostras dos voluntarios dos primeiros distritos participantes. A análise das mostras destes 1.279 participantes da fase 1 permitiu detectar 25 novos casos positivos. En concreto, 14 participantes deron positivo en cancro de mama e ovario hereditario, dous na síndrome de Lynch e nove en hipercolesterolemia familiar.
Foto de la tercera plana (womex-2026.jpg) A Pedreira e Fillas de Cassandra estarán presentes no Womex 2026, o máis importante encontro mundial das músicas folk e de raíz que se celebra ata este domingo en Las Palmas de Gran Canaria. Trátase dunha iniciativa que ofrece aos artistas e ás empresas galegas un espazo para dar a coñecer o seu traballo ante programadores, festivais, axencias de contratación e outros profesionais de diferentes países. A artista foi escollida por un xurado internacional independente para formar parte dos Official Showcases, a selección oficial de concertos coa que Womex achega aos profesionais propostas das músicas do mundo.

Notas

A Universidade de Vigo acollerá os días 4, 5 e 6 de novembro a 5th European School on Environmental Applications of Advanced Oxidation Processes (5thEPS-AOPs), un encontro científico internacional que reunirá expertos, persoal investigador, estudantes de doutoramento e representantes do sector empresarial para abordar os últimos avances en tecnoloxías de descontaminación ambiental e tratamento sostible da auga.
A UDC pon en marcha InPacto, unha iniciativa que busca achegar a investigación de excelencia á cidadanía e fortalecer a conexión entre universidade, empresa e sociedade. Este programa reúne por primeira vez nun proxecto común ao persoal investigador Ramón y Cajal (R&C) da UDC para desenvolver unha programación de actividades de divulgación, transferencia de coñecemento e participación social.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES