
Alfonso Rueda indicou que aqueles investidores que crean que Galicia é un bo lugar para emprender no sector turístico poden contar con esta primeira axuda especializada para poder poñer en marcha boas ideas que poidan xurdir. Este futuro modelo turístico, que pretende ir máis alá da crise sanitaria para asentarse como referente, vaise plasmar no Plan Director 2021-2023 Galicia Destino seguro, que busca a reactivación do sector e a recuperación da confianza dos viaxeiros.
Galicia conta con todos os atractivos para ser líder no turismo de calidade. Para iso, as súas empresas e a iniciativa privada precisan do apoio da Administración e dos organismos implicados no sector. Esas sinerxías fixeron posible o nacemento desta aceleradora, que presta apoio ao talento e ao emprendemento e que aposta pola innovación e a diversificación.
Os interesados en formar parte da aceleradora poderán presentar os seus proxectos, dos que serán seleccionadas dez firmas emerxentes que optarán á liña de apoio que lles brindará Turismo de Galicia. Entre outras vantaxes, participarán nun programa de formación de seis meses nas instalacións de Turislab, no complexo do Centro Superior de Hostalería de Galicia. Contarán, tamén, co apoio de titores, mentores, expertos colaboradores e unha rede de empresas tractoras. Terán, ademais, apoio financeiro, o que lles facilitará o seu desembarco nun mercado cada día máis especializado.
A Consellería de Educación vai dotar aos centros educativos de apoios específicos de acompañamento, formación e recursos materiais para desenvolver os novos programas de reforzo Avanza Lectura e Avanza Matemáticas, que se van poñer en marcha este curso en Primaria ao abeiro do novo Marco galego para o impulso educativo. O conselleiro Román Rodríguez reuniuse co Consello Escolar de Galicia para avaliar o inicio de curso e dar conta das accións da Xunta enfocadas a 'reforzar aprendizaxes apoiando a quen máis o precise, fomentar a cultura do esforzo e impulsar unha mellora integral e continua do sistema'.
O Consello da Xunta analizou na súa reunión de hoxe un informe da Consellería do Medio Rural sobre o anteproxecto de Lei de loita contra os incendios forestais de Galicia (LLCIF), antes da súa remisión para consulta ao Consello Forestal de Galicia, cuxa reunión está prevista para mañá martes. A futura normativa prioriza reforzar a protección da poboación e a xestión integral do territorio. O presidente do Goberno autonómico, Alfonso Rueda, lembrou que actual lexislación sobre incendios forestais 'ten case 20 anos' e 'cómpre actualizarla e adaptala aos novos tipos de lumes así como aos avances que houbo tanto na loita como na prevención de incendios'.