Noticias

Ábrese mañá o prazo para solicitar o bono tarxeta turística #QuedamosenGalicia

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria para solicitar desde mañá o bono tarxeta turística #QuedamosenGalicia que se poderá empregar nas ofertas e paquetes publicados polos establecementos adheridos nesta segunda convocatoria do programa. Así o anunciou hoxe o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, na visita ao Noa Boutique Hotel de Oleiros, unha das case 700 empresas que xa se uniron á iniciativa ata agora, o que supón arredor dun 24% máis que na convocatoria do ano pasado, que contou coa participación de 560 empresas. Así, esta nova convocatoria, posta en marcha xunto co Clúster Turismo de Galicia, permitirá mobilizar máis de 6,8 millóns de euros co obxectivo de reactivar o consumo interno mediante o estímulo do consumo e a demanda interna.

Poderán presentar a súa solicitude tódalas persoas maiores de idade empadroadas nun concello da comunidade e que non resultaran beneficiarias da primeira edición. Deberán escoller entre tres importes da tarxeta prepago -250, 375 ou 500 euros- da que a Xunta financiará o 60% cunha achega máxima de 300 euros e o solicitante o 40% restante.

Unha vez enviada a solicitude a través da sede electrónica da Xunta (https://sede.xunta.gal), atenderanse por orde de entrada e se se cumpren os requisitos esixidos notificarase aos beneficiarios que realicen o ingreso da parte que lle corresponda do importe da tarxeta elixida para que a entidade bancaria colaboradora poida remitirlle ao seu domicilio a tarxeta coa contía total. O programa estará vixente ata o 15 de decembro deste ano, data tamén de caducidade das tarxetas para empregar en calquera dos servizos ou produtos ofertados dispoñibles na web https://turismo.gal/quedamosengalicia2.

Alfonso Rueda destacou que os datos do ano pasado avalan o éxito deste programa, con case 20.000 beneficiarios, practicamente o 100% dos usuarios previstos. Por iso, tendo en conta que nesta ocasión a convocatoria se abre a toda a cidadanía e que o as empresas poden continuar adheríndose ata finais de ano, confía en acadar un efecto multiplicador e chegar a moita máis xente.

Nesta liña, destacou que o bono tarxeta turística #QuedamosenGalicia é un exemplo do apoio da Xunta ao sector neste Xacobeo co obxectivo de recuperar a confianza dos viaxeiros e fomentar a mensaxe de Galicia como destino seguro mediante medidas como o seguro coronavirus ou con iniciativas coma esta encamiñadas a reactivar o turismo galego, no marco do plan de choque para reforzar o sector turístico.

R., 2021-04-13

Actualidad

Foto del resto de noticias (proxecto-xenoma-galicia.jpg) O proxecto Xenoma Galicia, que conta cun investimento de 20 millóns de euros, ten por obxecto recompilar o ADN de 400.000 galegos para identificar os xenes relacionados co cancro de mama e ovario hereditario, a síndrome de Lynch e a hipercolesterolemia familiar. Ata o de agora, foron analizadas 3.112 mostras biolóxicas. En concreto, 1.037 mostras de sangue na primeira pilotaxe do proxecto, 796 de saliva no segundo piloto e, coa primeira fase do proxecto en marcha, 1.279 mostras dos voluntarios dos primeiros distritos participantes. A análise das mostras destes 1.279 participantes da fase 1 permitiu detectar 25 novos casos positivos. En concreto, 14 participantes deron positivo en cancro de mama e ovario hereditario, dous na síndrome de Lynch e nove en hipercolesterolemia familiar.
Foto de la tercera plana (womex-2026.jpg) A Pedreira e Fillas de Cassandra estarán presentes no Womex 2026, o máis importante encontro mundial das músicas folk e de raíz que se celebra ata este domingo en Las Palmas de Gran Canaria. Trátase dunha iniciativa que ofrece aos artistas e ás empresas galegas un espazo para dar a coñecer o seu traballo ante programadores, festivais, axencias de contratación e outros profesionais de diferentes países. A artista foi escollida por un xurado internacional independente para formar parte dos Official Showcases, a selección oficial de concertos coa que Womex achega aos profesionais propostas das músicas do mundo.

Notas

A Universidade de Vigo acollerá os días 4, 5 e 6 de novembro a 5th European School on Environmental Applications of Advanced Oxidation Processes (5thEPS-AOPs), un encontro científico internacional que reunirá expertos, persoal investigador, estudantes de doutoramento e representantes do sector empresarial para abordar os últimos avances en tecnoloxías de descontaminación ambiental e tratamento sostible da auga.
A UDC pon en marcha InPacto, unha iniciativa que busca achegar a investigación de excelencia á cidadanía e fortalecer a conexión entre universidade, empresa e sociedade. Este programa reúne por primeira vez nun proxecto común ao persoal investigador Ramón y Cajal (R&C) da UDC para desenvolver unha programación de actividades de divulgación, transferencia de coñecemento e participación social.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES