//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias cultura
A Xunta porá en marcha un grupo de expertos multidisciplinar co obxectivo de adaptar o Xacobeo 2021 á saída da crise sanitaria provocada polo Covid-19. Avanzouno hoxe o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, tras manter un encontro con representantes de asociacións de amigos do Camiño de ámbito estatal, unha xuntanza que se enmarca na rolda de contactos iniciada nas últimas semanas con diferentes colectivos para abordar a situación actual. Este grupo de traballo contará cunha ampla presencia de representantes de todos os colectivos implicados no feito Xacobeo, como as propias asociacións de amigos do Camiño, a Igrexa ou a administración local, ademais de expertos do ámbito económico, cultural e turístico da Comunidade, entre outros.
As bibliotecas públicas de Galicia celebran o Día do Libro cun amplo abano de actividades online abertas a toda a cidadanía co obxectivo de fomentar a lectura entre a sociedade e seguir dando ao libro todo o protagonismo que merece, con especial énfase neste contexto de confinamento. Entre as accións que se levan a cabo figuran concursos en redes sociais, exposicións virtuais, publicación de catálogos ou recomendacións por parte do persoal das mesmas. Unha das principais actividades na que todos os anos toman parte os museos públicos é a do bookcrossing, unha iniciativa conxunta con bibliotecas de museos e centros de arte de toda España que consiste en deixar libros en lugares públicos para que os recollan outros lectores.
A Consellería de Cultura e Turismo lanza unha visita virtual a Galicia, un relato no mundo para achegar os seus contidos a todas as persoas que, debido ao peche do Museo Centro Gaiás, quedaron sen posibilidade de descubrir a exposición de maior éxito da Cidade da Cultura. A mostra, que estaba previsto manter aberta ata o 12 de abril, non recibe visitas desde o 13 de marzo, día no que a Xunta de Galicia declarou a emerxencia sanitaria, que supuxo o peche dos museos e outras instalacións como medida de precaución fronte o avance da pandemia. Nesa data, un total de 43.035 persoas achegáranse xa a Galicia, un relato no mundo, o que supón unha media de 426 visitantes ao día, cifra récord no rexistro do Museo Centro Gaiás.
A Xunta de Galicia, a través de todos os seus departamentos e centros dependentes da Consellería de Cultura e Turismo, propón para o período que dure o estado de alarma por mor do coronavirus unha programación con abondosas actividades de lecer cultural a través de Internet. Propostas pensadas para toda a familia que poden seguirse a través da campaña #aculturasegue en todas as redes sociais das súas dotacións. Trátase dunha etiqueta á que se convida a sumarse ás institucións culturais, aos nosos creadores e a toda á cidadanía para compartir a nosa cultura. A iniciativa pretende recoñecer o papel sobresaínte que os nosos creadores e axentes culturais teñen na construción social de Galicia, e que ofrece opcións de ocio dixital de calidade e plural no fogar.
Marián Bañobre dirixe 'O premio' a partir dun texto de Santiago Cortegoso, que levan a escena Victoria Teijeiro, Xurxo Cortázar e Raquel Espada, quen é candidata a mellor actriz secundaria nos Premios de Teatro María Casares por Neorretranca e posmorriña, a última produción do Centro Dramático Galego. Ideada como creación colectiva, O premio é unha comedia aceda ambientada nun futuro próximo, no que o progreso tecnolóxico e a presión por lograr o éxito laboral, sentimental e social levan os cidadáns a un estado de desánimo e frustración, agravado por unha gran crise económica por mor do envellecemento da cidadanía. Para enfrontar esta situación, os dirixentes poñen en marcha unha insólita e popular medida: crear un reallity en directo.
A sala Garufa Club da Coruña, unha das 20 asociadas este ano á Rede Galega de Música ao Vivo, acolleu a presentación da programación que se desenvolverá ata finais de ano no seo deste circuíto profesional. Incorpóranse este ano cinco novas salas ao circuíto respecto a 2019: Aturuxo de Bueu, Sala Ruído de Ferrol, Sete Flores do Carballiño, Auriense de Ourense e El Contrabajo de Vigo. Ademais, repiten como parte do circuíto Bâbâ Bar e Garufa da Coruña, A Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro, SalaSON de Cangas, A Ventana de Laxe, Clavicémbalo de Lugo, A Fundación e Pub Gatos de Melide, Náutico do Grove, Borriquita de Belem, Casa das Crechas e Sala Moon de Santiago de Compostela, A Arca da Noe de Vilar de Santos, e La Fábrica de Chocolate e La Pecera de Vigo.
Coincidindo co 325º aniversario do ilustre berciano Frei Martín Sarmiento, o Bierzo celebra o seu Día da Lingua Galega nas localidades leonesas de Vilafranca, Cacabelos e Corullón. Os actos estiveron organizados pola Comisión Cultural Martín Sarmiento. A xornada festiva iniciouse no Teatro Villafranquino Enrique Gil Carrasco cunha homenaxe ao poeta berciano Ramón González-Alegre co gallo do centenario do seu nacemento, homenaxe que se prolongou cunha visita á casa natal do poeta e mais unha ofrenda floral ante o monumento ao escritor. A segunda metade da mañá estivo ocupada pola actividade de dinamización lingüística Enredando con Pakolas, a cargo de Paco Cerdeira. A celebración desprazouse pola tarde ao salón de actos do Marca, en Cacabelos, onde se presentou a III edición dos Premios Morales para a promoción da lingua.
O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) acolle desde hoxe e ata o vindeiro 30 de agosto a mostra 'Museo (do ermitán) Man' que recolle a creación artística de Manfred Gnädinger, máis coñecido como Man de Camelle. Trátase dunha exposición na que se lle rende homenaxe a este artista e na que se recolle a esencia da súa creación entre os anos 1969 e 1978. A mostra inaugurada no CGAC está composta por unha selección de 606 fotografías, debuxos e escritos integrados no denominado Museum vom Einsiedler Man. Camelle (A Coruña). Moitas destas imaxes foron retocadas retocadas polo autor modificando as súas medidas orixinais, pintando directamente sobre as mesmas, engadindo comentarios e perfilando as siluetas das figuras captadas.
Destacan no programa as seis palestras sobre asuntos que lles afectan directamente aos integrantes da industria musical (festivais, fórmulas de apoio á música, asociacionismo, oportunidades de financiamento á produción, contratación internacional e salas de concertos), as reunións personalizadas ou os showcases de Magín Blanco e A Banda das Apertas, Luca Argel, Silvia Penide, Ezetaerre, Barry White Gone Wrong, Xacobe Martínez Antelo Trío e Oîma. Unha parte da programación ábrese ao público xeral, comezando polo concerto de benvida coa cantante galega Uxía e o portugués Rui David, nun espectáculo no que tamén actuarán Nastasia Zürcher, Dios Ke Te Krew e Dealema.
O xurado acordou concederlle o premio da categoría de infantil e primaria á mostra 'Recordando Carvalho Calero', do CEIP Xesús San Luís Romero de Carballo (A Coruña), por combinar da forma máis axeitada a beleza estética, a calidade da lingua e o recurso ás tecnoloxías da información e da comunicación máis innovadoras (como a realidade aumentada). Polo que se refire á exposición Unha vida polo galego, do IES Ferrol Vello, o xurado destacou que consegue plasmar a vida, obra e época de don Ricardo Carvalho Calero nun conxunto harmonioso de carteis nos que son de salientar a modernidade e a acertada selección da información, alén da súa unidade.
Celebrouse no cemiterio de Boisaca a ofrenda floral con motivo do 20º cabodano do pasamento de Antonio Fraguas organizada polo Museo do Pobo Galego e a Asociación do Traxe Galego. O acto enmárcase na ampla programación que se desenvolveu ao longo do ano para divulgar e dar visibilidade ao Día das Letras Galegas dedicado a este autor. Fraguas foi membro do Seminario de Estudos Galegos e das Irmandades da Fala, así como director do Museo do Pobo Galego e Cronista Xeral de Galicia.
Desde o ano 2001, o Instituto da Lingua Galega (ILG) organiza cada outono un simposio dedicado a un tema específico, escollido polo seu interese para a comunidade científica ou para a formación continua dos titulados universitarios. O Simposio ILG 2019 Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional busca amosar algúns dos resultados obtidos durante o desenvolvemento do proxecto Patrimonio léxico da Gallaecia, integrado no macroproxecto europeo GEOARPAD.
Este domingo vai presentar o seu novo traballo discográfico Cántigas e Frores 70 Anos, un libro-cd con 15 pezas gravadas polos grupos da entidade: Cantareiros, Murga, Coro Galego, Grupo de Cantareiras e Banda de Gaitas e Percusión. Este audio ven acompañado dun libreto que recolle a historia en imaxes dende a fundación da entidade (1948) ata a gravación.
O Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia reforza con tecnoloxía complementaria os seus sistemas de seguridade ante o valor dalgunhas obras de Galicia, un relato no mundo, a primeira exposición internacional do Xacobeo 21. A mostra, que se inaugura o vindeiro 14 de novembro, exhibirá pezas consideradas xoias do patrimonio universal, como o Mapa de Sawley, a Biblia Kennicott, os códices calixtinos do Vaticano e de Salamanca ou o Cancioneiro da Vaticana.
O catedrático de Historia Contemporánea da USC, Xosé Manuel Núñez Seixas, acaba de ser recoñecido este martes co Premio Nacional de Literatura na modalidade de Ensaio 2019, pola súa obra Suspiros de España. El nacionalismo español 1808-2018. A obra galardoada aborda unha xenealoxía histórica dos diversos discursos nacionalistas españois na Idade contemporánea, sen esquecer os seus precedentes.
Ao ser o cemiterio parroquial de San Facundo de Ribas de Miño, no concello lucense de Paradela, o único de Galicia que ten todas as súas lápidas en galego, a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia e o Concello de Paradela, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, van celebrar o próximo trinta e un de outubro, nas vísperas das dúas festividades de Todos os Santos e de Todos os Defuntos un acto en Paradela de reafirmación do uso do idioma galego.
A Fundación Artesanía de Galicia organiza as segundas Xornadas Profesionais Artesanía no Prato. As xornadas consolídanse nesta segunda edición como un evento de referencia para a promoción e comercialización do produto artesanal galego, fomentando un espazo creativo no que se desenvolverán experiencias que evidenciarán o potencial do valor da artesanía no ámbito da hostalería e a restauración.
En novedosa formación de bandurria e piano, actuará Julia María Dopico Vale coa formación Rosas, acompañadas pola profesora Isabel Romero, interpretando música de bandas sonoras de coñecidas películas.
Considera a illa como lugar fundamental da memoria histórica de Galicia polo seu papel na Guerra e na Postguerra como campo de prisioneiros, e esixe que se preserve San Simón como lugar de homenaxe e recordo, impedindo a aldraxe á nosa memoria e ridiculización da dor das víctimas do franquismo.
O venres 23 de outubro, ás sete da tarde no salón de actos do Centro Cultural Vello Cárcere (Av. Alcalde Anxo López Pérez, 34), celebrarase a Gala dos Premios Mestra e Mestre da Memoria, títulos concedidos a Dorothé Schubart e a Pablo Quintana, e o sábado, a partir das dez horas e no salón de actos do edificio da Deputación de Lugo, desenvolverase a XII Xornada de Literatura Oral co tema «Rimas e letras da música popular. Do romanceiro tradicional ao bravú».