Actualidad de Cultura

Noticias cultura

O espectáculo Os nenos da varíola, da compañía Pérez&Fernández en coprodución co Centro Dramático Galego (CDG), estréase este venres 28 no Salón Teatro de Santiago, onde poderá verse ata o domingo 1 de marzo. A novela homónima de María Solar cobra así vida sobre as táboas, recuperando para os espectadores as historias dalgúns dos protagonistas da Expedición Balmis, grazas á que a vacina da varíola chegou a América e a Asia desde A Coruña. A compañía colabora con esta proposta escénica tanto a través do seu programa de coproducións como do de residencia, no marco do que o equipo de Os nenos da varíola conta tamén co apoio e as instalacións do CDG.
Crebas é un termo propio do léxico da Costa da Morte, que designa todos aqueles obxectos que as mareas depositan na ribeira, a consecuencia dun naufraxio ou outras circunstancias. Baixo este título, a mostra exhibe unha selección de pezas datadas entre 1976 e 2019, que sintetizan as diferentes etapas da obra de Torres. Ademais de pezas procedentes de diversas coleccións, tanto públicas como privadas, preséntase tamén unha serie de obras orixinais directamente relacionadas con Galicia e aquí realizadas, como a serie fotográfica Tipo I (en la escala de Kardashov), que aborda a memoria do volframio e a Segunda Guerra Mundial ou pezas relacionadas con accións que enlazan coas súas primeiras pezas conceptuais.
O ciclo de concertos Galicia Importa, renomeado na súa novena edición como Xacobeo Importa presenta a súa nova temporada que arranca con nove concertos ata finais de maio que configuran unha proposta heteroxénea e de gran calidade artística. A primeira destas citas será a que protagonizará mañá venres, ás 22,00 h., na Sala Capitol de Santiago de Compostela a banda norteamericana de stoner rock Monster Magnet, na que é a súa primeira visita a Galicia. O concerto de mañá insírese na súa xira europea Powertrip A Celebration! Plus Much More... na que o grupo orixinario de New Jersey está a celebrar o vixésimo aniversario do seu maior éxito discográfico.
Os espectáculos de danza Médula, pola compañía Exire, e Emigrantas, a cargo de Kirenia Martínez, chegan esta fin de semana aos escenarios galegos. O Teatro Rosalía Castro da Coruña (venres ás 20,30 h.) e a sala Germán Coppini da Fundación SGAE en Santiago de Compostela (sábado ás 19,30 h.) son os espazos que acollerán, respectivamente, as dúas estreas. Ambas propostas sitúanse no ámbito da danza contemporánea e na exploración de novas linguaxes escénicas, ademais de ter como denominador común o protagonismo feminino, tanto na composición dos equipos artísticos como nas temáticas. As responsables das pezas recibiron da Agadic o financiamento dos seus proxectos, e tamén apoio loxístico e técnico durante o proceso de creación e montaxe.
Co gallo do Día das Letras Galegas, que este ano está dedicado ao escritor e profesor ferrolán Ricardo Carvalho Calero, a Xunta de Galicia, a Real Academia Galega (RAG), o Consello da Cultura Galega, a Associaçom Galega da Língua (AGAL), a CRTVG, a Fundación Penzol, a Academia Galega da Lingua Portuguesa e os concellos de Santiago e Ferrol, entre outras entidades e institucións, veñen de presentar no Museo Centro Gaiás o avance dun programa de actividades conxunto que abrangue máis de 200 iniciativas no eido literario, expositivo, deportivo, educativo, empresarial, musical, escénico, plástico e académico, entre outros, dirixidas a pór en valor o legado de Carvalho Calero e que terán como acto central o propio Día das Letras, o vindeiro 17 de maio.
O programa de residencias artísticas que o Centro Dramático Galego (CDG) mantén na súa sede do Salón Teatro, en Santiago de Compostela, acollerá durante esta temporada os equipos de seis compañías galegas para traballar nas súas novas propostas escénicas: Pérez&Fernández, Marta Alonso, La Quintana Teatro, Cámara Negra Teatro, Verdeveras Expresións Artísticas e Incendiaria. Durante as súas estadías artísticas, as devanditas formacións de teatro e danza terán á súa disposición as instalacións da compañía e o apoio do seu equipo técnico para ultimar os espectáculos que, na meirande parte dos casos, compartirán despois co público neste mesmo espazo.
O Festival Atlántica vén de anunciar a programación da súa oitava edición, que se vai celebrar entre os días 11 e 20 de marzo. A presentación tivo lugar este martes, nunha rolda de prensa na que participaron Xurxo Couto, deputado de Cultura da Deputación da Coruña; Mercedes Rosón Ferreiro, primeira tenente de alcalde e concelleira Responsable de Urbanismo, Vivenda, Cidade Histórica e Acción Cultural do Concello de Santiago de Compostela; Mayte Argibay Silva, concelleira de Cultura e Educación do Concello de Teo; e Soledad Felloza, directora do Festival Atlántica. “Atlántica non é só Santiago” e o Festival tamén vai estar en Ferrol, A Coruña, Ourense, Vigo, Lalín, Teo, Pazos de Borbén e Bertamiráns. Ademais, o 20 de marzo vaise celebrar o Día Internacional da Narración Oral.
A presentación da edición facsimilar das obras 'La mujer del porvenir' e 'La mujer de su casa' de Concepción Arenal reuniu a Carmen Blanco, prologuista da obra, e á produtora Zara Ceballos, quen presentou o seu documental inédito sobre a autora ferrolá nun acto celebrado na sede de Afundación en Compostela. La mujer del porvenir e La mujer de su casa son dous textos de Concepción Arenal referentes do feminismo da época. O primeiro é un ensaio sobre a independencia da muller e o seu futuro na sociedade moderna, tratando a súa marxinación e achegando solucións e medidas para rematar coa situación. Por outra banda, La mujer de su casa analiza os problemas aos que se enfronta a muller en España para ser tratada con dignidade.
Afundación, a Obra Social de ABANCA presenta a quinta edición do Festival de Ópera Cidade de Pontevedra, un evento que cada ano ofrece a oportunidade de gozar de grandes clásicos da ópera con artistas de nivel internacional. A edición deste ano contará coa representación a cargo da Ópera Nacional de Moldavia de La bohème, de G. Puccini (ópera en catro actos inspirada na novela Scènes de la vie de Bohème de Henri Murger), o día 27 de febreiro; e de L’elisir d’amore, de G. Donizetti (ópera bufa en dous actos que presenta a historia de Nemorino, quen está namorado de Adina, un amor non correspondido), que chegará o día 13 de marzo.
A Fundación Cidade da Cultura de Galicia presentou hoxe o segundo Obradoiro de Novela Cidade da Cultura, tras o éxito alcanzado pola primeira edición celebrada en 2019, na que se esgotaron as prazas en menos de cinco días. Deste xeito, dáselle continuidade a unha actividade que procura potenciar e desenvolver o talento de novos valores na narrativa galega. Para iso, os e as participantes no curso aprenderán da man de escritores e escritoras galegos de éxito e contarán de novo co apoio dunha axencia literaria profesional, Rolling Words, que lles brindará a súa experiencia no mundo da edición e mesmo lles servirá de ponte cara ao profesionalismo para aqueles cun desempeño sobresaínte.
| 71,2  de  277 | Siguiente »

Notas cultura

O concelleiro de Cultura, Mario González, e o técnico Anxo Saborido presentaron esta mañá o IV Ciclo Lírico Ourense 2019, que se desenvolverá os 3 próximos venres (15, 22 e 29 de novembro) ás 20.00 horas no Teatro Principal. Trátase dun “ciclo musical de calidade”, en palabras do concelleiro, que pretende achegar á cidadanía “unha proposta musical diferente á que en xeral non se pode acceder con tanta facilidade coma a outras”, explicou Saborido.
Mauro Trastoy coa súa obra titulada "7" é o gañador do XVI certame Isaac Díaz Pardo de artes plásticas. A obra está elaborada a punto de cruz con lá sobre arpilleira branca. Un xurado composto por Silvia García González, Alberto González-Alegre, David Barro, Almudena Fernández e Manuel Eirís -gañador da edición anterior- escolleu por unanimidade a obra de entre as vinte finalistas que foran seleccionadas do total das presentadas a esta nova convocatoria.
O coñecido debuxante e humorista do morrazo, Luís Davila, O Bichero presentou no Museo do Mar a exposición O Camiño do Humor. A mostra ofrece unha escolma de 140 das súas máis destacadas viñetas. No acto, o autor deu boa conta do talento que atesoura realizando unha das súas célebres viñetas ante un auditorio que contemplaba a axilidade e mestría co que traballa o debuxante. Esta mostra poderá contemplarse no centro museístico de Alcabre até o vindeiro 12 de xaneiro no horario habitual de apertura pública.
A publicación visibiliza a historia da asociación cubana Hijas de Galicia, xurdida en 1914 da necesidade de protexer a muller galega emigrada que chegou á illa e que congregou ata 58.000 socias no ano 1960. O autor, Julio César González, neto dunha filla de Galicia, testemuña a memoria dunhas mulleres e duns homes que construíron Galicia desde a emigración, unhas persoas que, así mesmo, forman parte da historia de Cuba e da súa capital, A Habana, polas diversas iniciativas e institucións sociosanitarias que promoveron.
Celebrouse no cemiterio de Boisaca a ofrenda floral con motivo do 20º cabodano do pasamento de Antonio Fraguas organizada polo Museo do Pobo Galego e a Asociación do Traxe Galego. O acto enmárcase na ampla programación que se desenvolveu ao longo do ano para divulgar e dar visibilidade ao Día das Letras Galegas dedicado a este autor. Fraguas foi membro do Seminario de Estudos Galegos e das Irmandades da Fala, así como director do Museo do Pobo Galego e Cronista Xeral de Galicia.
Desde o ano 2001, o Instituto da Lingua Galega (ILG) organiza cada outono un simposio dedicado a un tema específico, escollido polo seu interese para a comunidade científica ou para a formación continua dos titulados universitarios. O Simposio ILG 2019 ‘Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional’ busca amosar algúns dos resultados obtidos durante o desenvolvemento do proxecto ‘Patrimonio léxico da Gallaecia’, integrado no macroproxecto europeo GEOARPAD.
Este domingo vai presentar o seu novo traballo discográfico ‘Cántigas e Frores 70 Anos’, un libro-cd con 15 pezas gravadas polos grupos da entidade: Cantareiros, Murga, Coro Galego, Grupo de Cantareiras e Banda de Gaitas e Percusión. Este audio ven acompañado dun libreto que recolle a historia en imaxes dende a fundación da entidade (1948) ata a gravación.
O Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia reforza con tecnoloxía complementaria os seus sistemas de seguridade ante o valor dalgunhas obras de Galicia, un relato no mundo, a primeira exposición internacional do Xacobeo 21. A mostra, que se inaugura o vindeiro 14 de novembro, exhibirá pezas consideradas xoias do patrimonio universal, como o Mapa de Sawley, a Biblia Kennicott, os códices calixtinos do Vaticano e de Salamanca ou o Cancioneiro da Vaticana.
O catedrático de Historia Contemporánea da USC, Xosé Manuel Núñez Seixas, acaba de ser recoñecido este martes co Premio Nacional de Literatura na modalidade de Ensaio 2019, pola súa obra Suspiros de España. El nacionalismo español 1808-2018. A obra galardoada aborda unha xenealoxía histórica dos diversos discursos nacionalistas españois na Idade contemporánea, sen esquecer os seus precedentes.
Ao ser o cemiterio parroquial de San Facundo de Ribas de Miño, no concello lucense de Paradela, o único de Galicia que ten todas as súas lápidas en galego, a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia e o Concello de Paradela, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, van celebrar o próximo trinta e un de outubro, nas vísperas das dúas festividades de “Todos os Santos e de Todos os Defuntos” un acto en Paradela de reafirmación do uso do idioma galego.


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES