
O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Corina Porro, acompañaron ao coñecido debuxante e humorista do morrazo, Luís Davila, O Bichero, na exposición O Camiño do Humor. A mostra ofrece unha escolma de 140 das súas máis destacadas viñetas coas que se enche de humor este centro museístico da Xunta de Galicia.
O titular de Cultura describiu a exposición como unha peregrinación polas mellores viñetas de Davila no Faro de Vigo e destacou a traxectoria e valía deste debuxante, ao que cualificou como un mestre en facernos rir e cavilar coas cousas do día a día, herdeiro de grandes artistas como Siro ou Xaquín Marín.
O conselleiro lembrou a que mostra ten ao Xacobeo 2021 como protagonista grazas, entre outras cousas, a un photocall temático do Camiño de Santiago, afirmando que o humor é un eficaz medicamento sen efectos secundarios e o mellor embaixador posible das Rutas Xacobeas. Rodríguez concluíu reivindicando a retranca como un xeito de estar no mundo e de afrontar a vida propio dos galegos.
Pola súa banda, a delegada destacou a presenza de Vigo e do Real Club Celta nas súas viñetas cómicas, e acentuou especialmente o humor ácido, crítico e intelixente de Davila. Asemade, recordou aquelas bandas protagonizadas por ela mesma e a perspicacia coa que recollía a percepción que tiña entón a opinión pública do goberno do que foi alcaldesa.
Debuxando ao vivo
No acto, Luis Davila deu boa conta do talento que atesoura realizando unha das súas célebres viñetas ante un auditorio que contemplaba a axilidade e mestría co que traballa o debuxante. Entre o público atopábase un grupo de 50 nenos de cuarto de primaria do Colexio Labor, uns dos primeiros visitantes desta mostra temporal gratuíta que poderá contemplarse no centro museístico de Alcabre até o vindeiro 12 de xaneiro no horario habitual de apertura pública.
A mostra está organizada de xeito temático baixo epígrafes como Xente de aquí, Na leira, O bicherío, Tecnoloxía, O tempo, O turismo ou O Camiño de Santiago e inclúe, como non podía ser doutra maneira, dado o lugar de exhibición, un apartado dedicado ao mar. En conxunto, ofrece un completo percorrido pola obra de Davila a través dunha escolma das súas viñetas máis salientables.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.