Actualidad de Cultura

Noticias cultura

O Museo de Belas Artes acollerá este outono Vestir épocas, unha exposición monográfica sobre a evolución da moda que tratará de achegar á cidadanía os usos e costumes asociados aos séculos XIX e XX poñendo en diálogo e relación as distintas vestimentas, traxes e pezas de indumentaria coa súa iconografía e a súa época.A exposición componse de máis de 300 obras da prestixiosa colección de Ana González Moro que abarcan 100 anos de creación téxtil, desde 1860 a 1960. Trátase dunhas pezas que reflicten os actos das xentes e da sociedade da Galicia da época e que permiten establecer unha relación entre a idealización da arte e o realismo da roupa. Precisamente, a disposición das pezas da mostra realizarase a través dunha pasarela que introducirá aos visitantes nas diferentes salas.
Atardecer no Gaiás –o ciclo de concertos de balde e ao solpor da Xunta de Galicia na Cidade da Cultura– volveralle pór banda sonora ao verán do 9 de xullo ao 3 de setembro con actuacións ao aire libre os xoves. Esta décima edición apostará por artistas galegos: Fon Román, Verto, Xoana, Guadi Galego, Quinteto Nós, dani, Budiño e Son Trío e desenvolverase nun formato máis reducido e coas medidas de seguridade sanitaria da etapa poscovid-19. Precisamente, o protocolo de seguridade sanitaria esixe que nesta edición haxa que reservar praza –limitada a 180 persoas por concerto e con posibilidade de ser dobre para conviventes– na páxina web da Cidade da Cultura de Galicia (www.cidadedacultura.gal), e que sexa obrigatorio acudir coa máscara de protección.
Os concertos regresan esta fin de semana á Rede Galega de Música ao Vivo, circuíto promovido pola Xunta en 20 salas de 14 localidades, que ofrecerá 250 actuacións de moi diferentes estilos ata final de ano. Esta cifra supón un incremento dun 22,6% na súa carteleira anual, que nesta ocasión se concentra principalmente no segundo semestre tras a reprogramación das citas adiadas pola declaración do estado de alarma. Mantense, así mesmo, a progresión ascendente do seu orzamento, que este ano se incrementa nun 17% para situarse preto dos 200.000 euros, dos que un 90% corre a cargo da Consellería de Cultura e Turismo, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), mentres que o 10% restante é asumido polos 20 locais privados asociados ao circuíto.
A Cidade da Cultura de Galicia reactiva o seu programa de visitas comentadas ampliando a oferta con diferentes opcións para coñecer a arquitectura do complexo, o seu funcionamento e os espazos naturais do Monte Gaiás. Adaptándose ás medidas da era poscovid-19, prográmanse para o verán catro modelos de visitas guiadas, de curta duración e prazas limitadas. Todas elas son de balde, para un máximo 10 asistentes en cada quenda ofertada de martes a domingo. Os percorridos, de aproximadamente media hora de duración e guiados polo persoal do Servizo de Educación, Mediación, Información e Asistencia ao Público do Museo Centro Gaiás, ofrecen diferentes xeitos de achegarse ao complexo arquitectónico.
O Centro Dramático Galego (CDG) colabora co IV Torneo de Dramaturxia do Teatro Español de Madrid a través do apoio á participación de Paula Carballeira como unha das oito dramaturgas e dramaturgos procedentes de todo o Estado que difundirán os seus textos mediante esta fórmula, ideada para darlle visibilidade á autoría teatral contemporánea. A iniciativa, realizada pola produtora LaZona, desenvolverase no Teatro Español por cuarto ano consecutivo. Dada a situación sanitaria actual, será por vez primeira unha edición en streaming, que terá lugar nun dos escenarios das Naves del Español e na que o público poderá votar en liña nos tres minutos inmediatamente posteriores á súa transmisión a través da canle de Youtube do teatro.
A exposición Galicia, de Nós a nós reunirá en outubro na Cidade da Cultura máis de 300 pezas na que aspira a ser a mostra máis completa e ambiciosa realizada ata o de agora sobre a Xeración Nós e unha das citas culturais imprescindibles deste outono, no que conmemoramos o centenario da publicación da revista Nós. Chegarán a Galicia obras procedentes de Francia, Alemaña e Portugal que porán o foco nas conexións internacionais da revista Nós e dos seus impulsores, abrindo unha vía para subliñar a dimensión de universalidade e apertura da cultura galega. Tamén para destacar o legado do grupo de intelectuais galeguistas que contribuíron decididamente, nas primeiras décadas do século XX, ao desenvolvemento, renovación e internacionalización da literatura e da cultura galega.
A recuperación da actividade das salas privadas de concertos e dos profesionais galegos da música ao vivo no contexto poscovid-19 é a prioridade do novo programa Directos Xacobeo'21 en Salas, que a Xunta de Galicia pon en marcha xunto á Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo Clubtura no marco do plan autonómico de reactivación dos sectores cultural e turístico. A Consellería de Cultura e Turismo financia integramente este ciclo a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). Directos Xacobeo'21 en Salas desenvolverá entre os meses de xullo e outubro unha programación de ata 160 concertos protagonizada exclusivamente por solistas e grupos galegos de todos os estilos nun máximo de 40 salas das catro provincias, integrantes ou non da devandita asociación.
A Xunta de Galicia festexará o 21 de xuño o Día da Música con tres concertos na Cidade da Cultura de pequeno formato a cargo de: El afecto ilustrado, FAIA e Chisme, que se celebrarán ao longo de toda a xornada. Trátase da primeira programación cultural do Gaiás que contará con público, tras a cancelación deste tipo de actividades pola alerta sanitaria da covid-19. A asistencia é de balde, previa retirada de convite en Ataquilla.com, e limitarase a 60 persoas por actuación. No entanto, todos os concertos poderán seguirse en directo ás 12h, 17,30h e 21h pola canle de Youtube do Gaiás e tamén pola súa páxina web cidadedacultura.gal. Todas as actuacións terán lugar no Museo Centro Gaiás e comezarán ás 12,00 horas coa agrupación de música clásica El afecto ilustrado.
Os desafíos aos que se enfronta no contexto actual o sector audiovisual será o tema central do debate no quinto webinario convocado polos Foros #aculturasegue. Reflexións sobre a cultura na era poscovid-19. A sesión, que terá lugar este venres 12 de xuño ás 17,00 h, contará coa participación da cineasta catalá Carla Simón, que coa súa primeira longametraxe Estiu 1993 acadou o premio á mellor ópera prima da Berlinale 2017, e do produtor Alfonso Blanco, quen ademais de contar con máis de 300 horas de prime time producidas para televisión en series como Mareas Vivas, Padre Casares ou Matalobos, é o fundador e CEO de Portocabo, a produtora da multipremiada serie Hierro.
A Cidade da Cultura vén de reorientar a súa oferta de actividades para este segundo semestre co obxectivo de facer da súa programación unha oportunidade para a recuperación da actividade no sector cultural tras a crise da covid-19. Creadores, técnicos, traballadores e empresas galegos e galegas terán especial protagonismo na oferta prevista para os vindeiros seis meses, período no que se intensificarán os esforzos para dinamizar este sector. Con especial atención aos protocolos sanitarios, a programación manterá a súa aposta polas actividades con público presencial, seguindo en todo momento as indicacións para garantir un entorno seguro. Do mesmo xeito, integraranse as tecnoloxías dixitais de xeito regular, con formatos anovadores que permitirán superar as restricións de aforo.
| 68,8  de  278 | Siguiente »

Notas cultura

O 31 de xaneiro de 2020 cumpriranse 200 anos do nacemento de Concepción Arenal Ponte, licenciada en Dereito, xornalista, escritora e unha das pioneiras do feminismo en España. Co gallo deste aniversario, a USC desenvolverá en 2020 o ano Concepción Arenal a través dunha nutrida axenda de actos. Malia que este é un proxecto colectivo e aberto á participación doutras entidades, a Universidade traballa xa, xunto con estas institucións, no desenvolvemento de diferentes iniciativas.
Foi inaugurada en Portomarín (Lugo) a mostra itinerante 'O Fin do Camiño', organizada polo Colectivo Egeria coa colaboración de GaliciaDigital. Os textos abordan o tema de O FIN DO CAMIÑO como expresión dos sentimentos que moven ao peregrino para emprender este Camiño milenario, tendo capítulos especiais para o motor da fe, os máis de mil anos dos camiños, o percorrido cara a unha terra de brumas e de luz.
Francisco Javier Núñez Alonso (Vigo, 1986) é doutor en Economía Aplicada pola Universidade de Santiago de Compostela, mestrado en Artes Escénicas e Teoría do Espectáculo pola Universidade do País Vasco, mestrado en Economía da Cultura e Xestión Cultural pola Universidade de Valladolid, licenciado en Publicidade e Relacións Públicas pola Universidade de Vigo e titulado superior en Arte Dramática pola Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.
Esta mostra contén o traballo realizado polos ilustradores galegos Laura Cortés e Fran Bueno e polos portugueses Eduardo Porto e Fátima Bravo, durante a residencia artística realizada na illa de San Simón en setembro e que estivo coordinada por Matilde Rodríguez. Nese encontro, ademais de realizar obras, impartiron diferentes obradoiros para alumnado das escolas de artes Antonio Faílde de Ourense e Pablo Picasso da Coruña, así como do máster do Libro Ilustrado da facultade de Belas Artes de Pontevedra.
A obra 'Cartografías da narrativa galega contemporánea, de Xaquín Núñez Sabarís', resultou gañadora do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2019, que convocan conxuntamente a Consellería de Cultura e Turismo e Editorial Galaxia co patrocinio de Caixa Rural Galega. A obra revela dunha maneira anovadora e lúcida cambios repertoriais na produción galega a través do estudo do thriller xacobeo, a novela viguesa e o auxe da narcoficción.
Este venres presentarase na exposición “Valente e a unidade das artes”, que se exhibe no Pazo de Fonseca da Universidade de Santiago de Compostela, o libro Poemas a Valente, onde o poeta Saturnino Valladares, profesor da Universidade Federal do Amazonas (Brasil), compilou numerosas composición dedicadas ao autor ourensán durante os séculos XX e XXI. Como todos os libros da Cátedra Valente, este leva na cuberta a reprodución dunha obra de arte afín á estética do poeta, neste caso da artista galega Julia Huete.
A música vertebra e estrutura B.S.O. Banda Sonora Orixinal, por cuxa partitura discorren a modo de notas discordantes unha serie de personaxes cun certo pasado pero cun incerto futuro, sempre tentando encaixar nos espazos e nas liñas xustas do pentagrama. Unha estrutura traballada con prosas que se enlazan entre si, dando o final dunhas pé ao comezo doutras de xeito que os distintos capítulos se suceden coma se fosen escenas curtas dunha película.
Co lema “Cultura ata a medula”, o folclore chega un ano máis ao Concello de Ramirás, que acolle este ano a súa décimo terceira edición do Festival Internacional Rebulir (FIR). Convértese novamente no berce do certame que avoga dende os seus inicios por achegar mostras da cultura e tradición a todos os públicos, cunha gala central o sábado 21 no complexo polideportivo de O Picouto. En canto ás novidades desta XIV edición, destaca o actor Pepe Penabade como presentador da gala central.
A obra Las damas del canapé, de Juan Carlos Fernández León, é a gañadora do concurso de narrativa XXX Premio Literario Camilo José Cela. O xurado do certame tomou o acordo por unanimidade, tras varias valoracións e votacións, na súa reunión deste mediodía no Salón de Plenos do Concello de Padrón. Ao concurso presentáranse un total de 148 relatos. Las damas del canapé, que se presentou co lema Ana Celeste, foi valorada pola súa orixinalidade e estrutura.
A feira de artesanía OFEITOAMAN, que se ven celebrando en Vigo dende 1985, celebra a súa edición número 35 no exterior do Centro Comercial A Laxe, dende mañán 18 de decembro ata o 5 de xaneiro. Este ano, a feira ten a satisfacción de contar ca participación de 21 expositores, entre os que se encontra o recente Premio Nacional de Artesanía, Elena Ferro. Tamén acude por primeira vez o obradoiro de ourivería “Ivindi” de Tomiño (Pontevedra).


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES