Noticias

A Cidade da Cultura recupera as actividades con público con tres concertos de balde polo Día da Música

A Xunta de Galicia festexará o 21 de xuño o Día da Música con tres concertos na Cidade da Cultura de pequeno formato a cargo de: El afecto ilustrado, FAIA e Chisme, que se celebrarán ao longo de toda a xornada. Trátase da primeira programación cultural do Gaiás que contará con público, tras a cancelación deste tipo de actividades pola alerta sanitaria da covid-19. A asistencia é de balde, previa retirada de convite en Ataquilla.com, e limitarase a 60 persoas por actuación. No entanto, todos os concertos poderán seguirse en directo ás 12h, 17,30h e 21h pola canle de Youtube do Gaiás e tamén pola súa páxina web cidadedacultura.gal. Todas as actuacións terán lugar no Museo Centro Gaiás e comezarán ás 12,00 horas coa agrupación de música clásica El afecto ilustrado.

En formato sexteto, ofrecerá un repertorio barroco do século XVII. Concibido como un grupo de cámara innvoador e vérsatil, a súa filosofía é unha interpretación historicista e dun xeito próximo un repertorio musical comprendido entre os séculos XVII e XIX. O ensemble está integrado por profesionais que despuntan no panorama musical nacional e internacional con formatos de concerto pouco explorados. Procuran difundir programas dun alto nivel de calidade interpretativa, precisión histórica e respecto ás fontes orixinais, froito dun proceso detallado de estudo e investigación musical e histórica.

Dous concertos pola tarde

FAIA abrirá ás 17,30 horas os concertos da tarde presentando o seu primeiro traballo Ao cabo leirín, un proxecto de investigación e recompilación do cancioneiro tradicional, tinguido de vangarda e actualidade a través da súa voz e estilo. Faia Díaz rescata dun xeito íntimo ese repertorio de cancións das avoas e bisavoas que forman parte do noso patrimonio inmaterial. Cantante e investigadora, tamén é licenciada en Historia da arte. Foi bolseira na Habana, Perugia e Barcelona, onde cursou estudos de etnomusicoloxía, cinema e crítica artística, e está formada en dixitalización e catalogación do patrimonio artístico. É membro do coñecido grupo galego De Vacas, que ten actuado con éxito de público na Cidade da Cultura.

Pechará esta celebración na Cidade da Cultura do Día da Música a actuación de Chisme. Trátase do proxecto musical de Fernando Epelde, tamén coñecido por ser dramaturgo e actor na compañía de teatro galega Voadora. Tras unha serie de álbums marcados pola experimentación formal e por fíos conceptuais que o levaban a explorar territorios como o da arte sonora, a electrónica minimalista ou o pop cibernético; abraza no seu último traballo Todo é ficción un rexistro máis preto do formato canción: melodías pegañentas, unha sonoridade que mantén a súa conexión con texturas electrónicas pero cunha afouteza e unha pegada que lembran a xéneros como a new- rave ou o pop groove máis espacial.
No Gaiás, ademais deste traballo, tamén ofrecerá un repertorio con temas de proxectos anteriores.

Os tres concertos estarán rixidos por un estrito protocolo, seguindo as medidas de seguridade sanitaria esixidas pola etapa poscovid-19. Polo que haberá un circuito de entrada e saída, á vez que se manterán a distancia social entre os asistentes non pertencentes á mesma unidade familiar e será obrigatoria a asistencia con máscara de protección.

R., 2020-06-15

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES