
Este investimento destínase integramente á contratación das 81 bandas e artistas, galegas na súa meirande parte, que lle dan forma á programación de 2020.
A actividade da Rede Galega de Música ao Vivo retómase na primeira fin de semana de xullo con oito destes grupos: o venres 3 actuarán Aldaolado na Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro, Cora Velasco na Arca da Noe de Vilar de Santos, The Lákazans no Náutico do Grove e The Swing Flamingos no Garufa Club da Coruña; o sábado 4 será a quenda de AAF60 no Pub Gatos de Melide e de Cachas&Cousins na Pousada, e o domingo 5 continuará a actividade na Arca da Noe o no Náutico con TOR e Pablo Lesuit, respectivamente.
Ademais das devanditas salas, tamén integran o circuíto autonómico de música ao vivo Bâbâ Bar da Coruña, Aturuxo de Bueu, SalaSON de Cangas, Sala Ruído de Ferrol, A Ventana de Laxe, Clavicémbalo de Lugo, A Fundación de Melide, Sete Flores do Carballiño, Auriense de Ourense, Borriquita de Belem, Casa das Crechas e Sala Moon de Santiago de Compostela, e El Contrabajo, La Fábrica de Chocolate e La Pecera de Vigo
Os carteis ofrecidos por estes locais no marco da rede continúan reflectindo a gran variedade de estilos da música feita en Galicia, que van do rock e pop ao jazz, pasando pola canción de autor, o folk, o punk ou mesmo o flamenco. Así, atendendo aos grupos con máis concertos programados en 2020, sobresae o rockabilly de Mad Martin Trío, a mestura de rocksteady, R&B e soul xamaicano de Cachas&Cousins, o pop alternativo e en galego de Ataque Escampe, o blues de The Lákazans, o rock garaxeiro e tamén en galego de Familia Caamagno ou o pop-rock con achegas doutros estilos de Eladio y los Seres Queridos.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.