Actualidad de Cultura

Noticias cultura

A comunidade teatral afeccionada galega é unha das maiores do territorio español e a Federación Galega de Teatro Afeccionado, formada hoxe en día por 50 grupos das catro provincias, constituídos por máis de 600 persoas, conforma na actualidade a entidade máis representativa do teatro amador galego, afianzándose ano a ano como axente cultural imprescindible para a creación de novos públicos e a promoción da cultura e a lingua galega. FEGATEA organiza os días 17, 18, 19, 24 e 25 de setembro e os días 1, 2 e 3 de outubro o XX Festival de Teatro Afeccionado Agustín Magán.
As conmemoracións do 70 aniversario arrancarán este mes de setembro para achegar o museo ao público a través de visitas e teatralizacións. Comezará este venres 17 de setembro cun itinerario e visita teatralizada a cargo da Compañía TEP que partirá ás 18,00 horas da antiga sede do museo, na Casa Gótica da rúa San Miguel. Haberá, ademais, visitas guiadas ao Museo os días 21, 22 ,23, 24 ás 18,00 horas e o sábado 25 ás 12,00 e ás 18,00 horas. Durante o mes de outubro será a quenda dos obradoiros, conferencias e concertos. Así, o sábado 2 de outubro de 11,30 a 13,30 horas organízanse nos soportais do museo os obradoiros de acibeche e de ourivería.
O festival Fisterra Blues Experience chega esta fin de semana á súa quinta edición. A organización presentou hoxe o cartel que desenvolverá o sábado 18 e o domingo 19 e a través da que busca ofrecer unha experiencia cultural e de ocio coa música e o Atlántico como protagonistas. O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, interviñeron hoxe na presentación do festival no Semáforo de Fisterra, xunto aos representantes municipais e a Vítor Velho, de Nordesía Producións, promotora do evento.
Presentouse a nova edición do Festival Agustín Magán que arranca o venres en Santiago. No seu vixésimo aniversario diversificará os espazos das representacións e organizarase unha mención homenaxe con motivo do centenario de Agustín Magán. A iniciativa está impulsada pola Federación Galega de Teatro Afeccionado (Fegatea) e as obras que participan son seleccionadas por un xurado entre as propostas dos grupos federados das catro provincias galegas. Fegatea cumpre 21 anos de andaina e recibiu o Premio da Cultura Galega 2020 polo seu labor nas artes escénicas.
A Cidade da Cultura de Galicia programa os sábados 18 e 25 de setembro dous concertos didácticos para público familiar no andar -1 do Museo Centro Gaiás. Baixo o título Camiños de Músicas, o ciclo ofrecerá un percorrido polas influencias sonoras do Camiño co fin de embarcar o público nunha peregrinación didáctica polo patrimonio musical. A primeira das citas terá lugar o sábado 18 de setembro e explorará da man de Kike Estévez as formas de improvisación oral que se fixeron presentes no Camiño ao longo dos séculos. O sábado 25 chegará a quenda para o Cuarteto Alicerce e o clown Alfredo Pérez, cunha proposta coa que se achegar desde a creatividade e o humor á música de Wolfgang Amadeus Mozart.
A Semana de Cine de Lugo chega á súa 43ª edición cunha carteleira que inclúe 135 títulos e actividades paralelas que se desenvolverán do 20 ao 25 de setembro. Esta 43ª edición da Semana de Cine articularase arredor de once seccións, entre elas unha de Cine Galego que inclúe 22 películas. Tamén haberá Sección Oficial, Xoias do Ano, ciclo Infantil, Cine Documental, A Outra Beira, Cine e Fotografía, As Curtas Cine Son, E para comer Lugo, Cine Nacionalidades e Homenaxes. Paralelamente, prográmanse conferencias, debates e presentacións en diferentes escenarios. Nesta edición a Semana homenaxea ao actor nado en Riotorto Luis Iglesia Besteiro.
A Sala Ártika de Vigo desvelou hoxe a programación da súa nova temporada escénica, no marco da que lle ofrecerá ao público 75 actuacións de 33 compañías ata finais de ano. Na programación de setembro a decembro da Sala Ártika inclúense catro festivais e ciclos (II Comediártiko, XXVI Festival Internacional de Títeres Galicreques, circuíto estatal da Red de Teatros Alternativos e VII Festival Pequeártiko de Nadal), cinco estreas absolutas, 20 espectáculos para público familiar e 13 producións para público adulto.
A Cidade da Cultura despide a exposición Os brancos segredos do seu ventre, formada por unha selección de 53 obras dos valiosos fondos da Fundación Rosón de Arte Contemporánea (Rac). A mostra pecha así unha estancia no Museo Centro Gaiás durante a que preto de 34.000 persoas –cunha media de 230 persoas por día– se achegaron ás obras desta colección privada situada en Pontevedra, que atesoura un dos fondos de creación actual máis relevantes de España.
A Biblioteca de Galicia inaugurou a mostra 'Imago Sancti Iacobi: a iconografía xacobea na Biblioteca de Galicia', unha exposición de percorre os deseños, iconas e ilustracións coas que foron representados o Camiño de Santiago, o Apóstolo e a cidade de Compostela ao longo dos séculos. Comisariada por Daniel Buján e Nacho Cabano, a exposición reúne máis de 40 obras da colección da Biblioteca de Galicia sobre a evolución dunha tradición iconográfica que contribuíu enormemente a engrandecer o fenómeno xacobeo e a estendeu o coñecemento do Camiño de Santiago e Compostela. A exposición ilustra as primeiras representacións da cidade, e a paulatina aparición de iconografías e simboloxías do fenómeno xacobeo.
'Serva me, servabo te' é a última das producións postas en marcha polo Centro Dramático Galego. En xaneiro arrancaba a programación propia con O charco de Ulises, da que está prevista unha xira a finais de ano. En abril facíao Terceiro acto, que despois de estar un mes en cartel volveu o pasado xullo ao Salón Teatro, ademais de representarse na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. A elas súmaselles A contenda do río Miño, a coprodución coa Companhia de Teatro de Braga estreada en xullo no Festival Internacional de Teatro Clásico de Almagro.
| 63,3  de  285 | Siguiente »

Notas cultura

Con Un lugar afastado o autor vigués Beto Luaces completa a triloxía iniciada en 2017 con Un lugar do común e ampliada en 2019 con Un lugar aquelado, dous volumes con grande éxito de crítica e acollida na denominada novela negra viguesa. Nesta obra triloxía Beto Luaces volve botar man dun feito real, a historia de Alfonso Graña, rei dos xíbaros, un dos personaxes máis fascinantes da historia de Galicia.
O escritor e profesor de Rianxo, X. Riardo Losada, é o gañador do XXXII Premio Torrente Ballester de narrativa en lingua galega coa súa obra coa novela "O rosario e a buguina" na que recrea os últimos meses de vida do poeta Manuel Antonio cando, gravemente enfermo, regresa a Rianxo desde Cádiz para refuxiarse neste tempo final na casa familiar, e o conflito que ten coa súa nai por motivos relixiosos.
Lírica galego-portuguesa. Lingua, sociolingüística e pragmática é o segundo volume da serie de publicacións ArGaMed (Arquivo Galicia Medieval), iniciada co volume dixital O Códice de Florencia das Cantigas de Santa María (B.R. 20). Transcrición paleográfica (Elvira Fidalgo e Antonio Fernández, 2019) e destinada a difundir estudos ou edicións críticas ou paleográficas relacionadas cos proxectos medievalistas do CRPIH.
A Plataforma Cultural SóLODOS presenta a 5ª edición de SóLODOS EN DANZA / OURENSE / 2020, Festival Internacional e Certame de Creación de Dúos e Solos. Debido ás circunstancias derivadas da COVID - 19, nesta ocasión a programación SóLODOS EN DANZA / OURENSE / 2020 celebrarase online os días 3, 4 e 5 de decembro a través de Facebook Live na páxina de SóLODOS.
O Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura acolle este domingo o espectáculo ‘Unha aventura singular: o gato con botas’, unha versión musicada do conto clásico na que participa a narradora Charo Pita e a Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela coa dirección de Casiano Mouriño. O espectáculo, concibido ex profeso para a ocasión, esgotou os seus convites. e a lista de espera está tamén completa.
O grupo musical A Quenlla é o gañador da oitava edición do Premio Internacional APECSA 2020 de divulgación do Camiño de Santiago, convocado pola Asociación de Periodistas e Estudosos do Camiño de Santiago (APECSA). O Xurado, presidido polo vicepresidente da Asociación promotora, Luís Celeiro Álvarez, destacou e valorou o traballo destes artistas poñendo música e editando un CD, “Trobador no Camiño”, coas dez cantigas do trobador, Martín de Padrozelos.
Diversos relatorios que se achegarán ao contexto histórico da emblemática revista Nós no ano conmemorativo do centenario do seu nacemento, integrarán as xornadas ‘Nós e o mundo. O mundo e nós’. O salón de graos da Facultade de Filoloxía da USC acollerá tres mesas redondas que se desenvolverán entre o 30 de novembro e o 2 de decembro.
O Galician Film Forum (GFF) de Londres segue a promocionar o audiovisual galego malia as restricións impostas pola pandemia. Xa que logo, a organización vai retomar as súas proxeccións pero desta volta na modalidade en liña e vaino facer coa estrea internacional de ‘Eroski Paraíso’ na plataforma Vimeo On Demand. Así, os días 27, 28 e 29 de novembro a película de Jorge Coira e Xesús Ron vai estar dispoñible para todo o mundo na devandita web agás no caso de España, onde se pode atopar en Filmin.
O Museo do Mar de Galicia acolle ata o vindeiro 6 de decembro a mostra Identidades latentes, comisariada pola profesora do Departamento de Debuxo Ana Seoane e a artista Neves Seara, e coa participación de nove creadoras vinculadas á Universidade de Vigo: Bibi Martín, Teresa Búa, Melania Freire, Mar Ramón, Silvia García, Rebeca Lar, Itziar Ezquieta, Lisi González e Anubis Muñoz.
Este obradoiro de tradución colectiva e recíproca desenvolverá este ano as súas sesións intensivas de traballo a través da plataforma dixital á que se conectarán as poetas/tradutoras dende Beijing, dende a campiña polaca, dende o cantón italiano de Suíza, dende a capital eslovena, dende a illa de Mallorca e dende Marín. E tamén on-line será o evento capaz de compartir, con todo o público interesado.


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES